Ríos galegos cheos de aventura

Falar de río e de aventura é falar de… rafting! O trepidante descenso das augas bravas dos ríos. Non de calquera xeito, claro, pois precisamos, en primeiro lugar, un raft, que é unha balsa pneumática, remos, o equipo persoal (casco, chaleco salvavidas, traxe de neopreno, zapatillas) e ganas de emocións fortes. A lancha é levada por un grupo de catro a oito persoas, sentadas no bordo e suxeitas polos pés. Así van sorteando rochas, ondas, desniveis… nunha loita frenética en medio da natureza moi divertida. Tamén hai embarcacións máis pequenas, para as almas solitarias ou parellas: os canoa-raft.

Se preferimos un contacto máis directo coa auga, temos o hidrospeed ou hidrozorra. Practícase cunha táboa de poliuterano na que temos que deitarnos cara abaixo, agarrándonos a ela coas mans, coma se estivésemos nunha táboa de bodyboard. Ademais de casco, chaleco e traxe, lévanse aletas no canto de remos. Os cus de mal asento decántanse polo sup paddle, buscando o equilibrio de pé na táboa. Para aventuras máis tranquilas, aínda que tamén se fan descensos veloces, o mellor son os caiacs e as piraguas.

Doutra banda, hai actividades para valentes ligadas aos ríos sen ter que embarcar, como o barranquismo, o descenso dos canóns, entre fervenzas e rochas, con treitos a nado. Neste caso, o río non ten que ser especialmente caudaloso, contan máis as paredes (hai bos sitios no Verdugo, o Cerves, ou o Xallas, por exemplo). No caso do puenting, a caída libre desde unha ponte colgando dun elástico polos pés, o importante é altura da ponte e a paisaxe (como en Frieiras, Ponte de Sinde ou Os Peares, por exemplo).

Mais, á parte das ganas de acción, o que necesitamos para gozar o máximo a experiencia é un río con auga asegurada e variedade de accidentes que sortear: rápidos, freixas, rochas… E, para iso, hai que buscar os treitos máis axeitados.

En Galicia, os ríos máis aventureiros son o Ulla, o Miño e o Sil. O Deza, o Lérez e o Tambre, tamén o son, mais dependen das choivas para acadar un caudal consistente, polo que non sempre son practicables.

O Ulla nace en Olveda, en Antas de Ulla, e desemboca na ría de Arousa. O mellor tramo para a aventura está cara ao final, á altura de Padrón, na zona entre Sinde e Herbón, abranguendo uns 7 km. Este descenso, que se pode facer durante todo o ano porque o río leva auga de sobras, é moi axeitado para principiantes, con moitas ondas, rápidos, mais non excesivos riscos, nunha zona onde, se temos sorte, mesmo vemos algunha lamprea ou salmón. 

O Deza é un pequeno afluente do Ulla. Nace nos montes do Testeiro, nas Antas, e desemboca no Ulla. O mellor tramo dura uns 8 km, nos concellos de Vila de Cruces e Silleda. As condicións do leito, con moitas rochas e estreiteces, fanno axeitado para xente experimentada, dun nivel avanzado. Pódese dicir que é o río máis esixente mais, para que teña auga abonda, mellor evitar o verán.

O río Lérez tamén é pequeno. Nace no monte de San Bieito, en Forcarei, e desemboca na ría de Pontevedra. Na concello de Cotobade discorre un bo tramo para gozar na lancha, de dificultade media. Iso sí, se choveu antes, mellor. A tempada ideal é entre decembro e marzo.

En Sobrado nace o río Tambre, que desemboca na ría de Muros e Noia. O tramo máis famoso para a aventura cae preto de Santiago, na zona do Val do Dubra. É un descenso moi concorrido de dificultade baixa. E, como tampouco anda sobrado de auga, mellor ir en inverno.

O afluente máis famoso do Miño é o Sil, que mesmo ten un caudal máis amplo. Nace na pena Orniz, na provincia de León, e xúntase co Miño á altura dos Peares, na Ribeira Sacra, moldeando os Canóns do Sil. Na súa entrada en Galicia, na zona do Barco de Valdeorras, hai un tramo duns 10 km perfecto para un rafting de nivel de dificultade medio baixo.

E por último, o patriarca de todos os ríos galegos: o Miño. Nace no Pedregal de Irimia, en Meira, e fai a diagonal até chegar ao mar entre A Guarda e Caminha, pois parte do percorrido compárteo con Portugal. A zona ideal para poñer o casco é a de Arbo, onde o encoro de Frieira asegura un bo caudal. Por certo, que é outra zona de lampreas, seica elas tamén son aventureiras… Cara ao norte, hai un treito preto de Lugo máis tranquilo. E, se queremos emocións fortes polos aires, sen mollarnos se todo vai ben, até podemos facer puenting desde a Ponte Internacional. Ánimo, valentes!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará