Ribadiso é un dos lugares máis recordados polos peregrinos que completan o Camiño Francés a Santiago. Este pequeno núcleo de poboación transfórmase por completo nos meses fortes da Ruta, mais conserva sempre a súa característica fundamental, a que o fai tan apreciado polos viaxeiros: ser unha das localidades mellor conservadas de todo o trazado xacobeo.E, aínda que recibe peregrinos durante todo o ano, abofé que Ribadiso cambia entre os meses de inverno e os de verán. A localidade é apenas unha aldea de menos de cen habitantes, situada na parroquia de Rendal e a uns poucos quilómetros da importante vila de Arzúa. O topónimo indica perfectamente a súa localización: á beira do pequeno río Iso, un afluente do Ulla de algo máis de vinte quilómetros de lonxitude que nace nas próximas terras de Boimorto para desembocar na corrente principal á altura do encoro de Portodemouros. Unha ponte atravesa o Iso neste lugar, e é este o punto fundamental na historia da poboación.
A ponte ten unha longuísima historia que se pode trazar ata os tempos do Imperio Romano. Formaba parte da vía pola que se chegaba desde a actual comarca de Compostela á impoñente Lucus Augusti, e, como tal, foi empregada a partir da Idade Media polos peregrinos que acudían a venerar os restos do Apóstolo Santiago. Da importancia do lugar dá fe o establecemento no medievo dun hospital de peregrinos rexentado por monxas franciscanas e, posteriormente, propiedade do gremio de prateiros compostelán. Un texto do século XVI dá testemuña da venda do edificio a un particular coa condición de que manteña o hospital en bo estado e que atenda aos romeiros como é debido.
Arredor da ponte e o hospital xurdiu un pequeno núcleo, moi semellante ao que agora se conserva, case conxelado no tempo. A restauración á que foron sometidos tanto o albergue como a contorna desde os anos noventa do século pasado mostra perfectamente a morfoloxía dunha aldea agraria galega tradicional, coas casas apiñadas xunto ao camiño, acceso ao río (un lugar fundamental para moitos peregrinos, que se refrescan alí despois da longa e complicada baixada desde Melide) e amplas leiras rodeando a poboación.
Na restauración pintáronse moitas ventás dun particular azul claro que dá alegría ao conxunto. As casas antigas foron arranxándose e adaptándose ao novo uso, xa que agora a aldea está centrada na atención aos visitantes, que en verán se contan por centos, chegados de todas partes do mundo, xa sexa camiñando, en bicicleta ou a cabalo.
En Ribadiso son moitos os peregrinos que fan parada entre etapas, aproveitando que existen varios albergues e establecementos hostaleiros. Detéñanse ou non, o seguinte movemento que fagan vai ser esixente, pois deben afrontar unha dura subida ata Arzúa e, se deciden seguir máis alá, un terreo sempre ascendente ata chegar ao Alto de Santa Irene e o veciño concello do Pino. Desde Ribadiso, corenta quilómetros son o que separa ao peregrino da meta final da Ruta Xacobea.