
Ruta do Viño Rías Baixas
Paseo da Calzada s/n
36630 Cambados (Pontevedra)
Tel: 986 521 012 / 687 523 230
Fax: 986 090 335
www.rutadelvinoriasbaixas.com
info@rutadelvinoriasbaixas.com
Conta a tradición que o cultivo da vide en Rías Baixas débese aos monxes do mosteiro cisterciense de Armenteira (Meis), aínda que a ciencia revélanos que a viticultura xa existía moito antes da chegada dos monxes e que variedades como o Albariño son orixinarias desta zona. Hoxe en día as Rías Baixas acollen a maior Denominación de Orixe galega, tanto polo número de adegas como pola extensión en viñedos, os cales se estenden por 33 concellos da metade occidental de Galicia. Así, a Denominación de Orixe Rías Baixas está composta por 5 subzonas (O Rosal, Condado de Tea, Soutomaior, Val do Salnés e Ribeira do Ulla) que integran un territorio discontinúo que, desde o límite sur da provincia de Pontevedra, vai salpicando de viñedos a franxa atlántica de Galicia ata alcanzar a parte meridional da provincia da Coruña.
A Denominación de Orixe Rías Baixas esténdese por 5 subzonas da Rías Baixas, entre elas: O Salnés, O Rosal, e Ribeira do Ulla. Estes territorios teñen en común un rico patrimonio vinícola que xera viños de excelente calidade, pero ao mesmo tempo cada un ofrece personalidades diferentes que se ven reflectidas en diferentes paisaxes e numerosos recursos histórico-artísticos. O señorial Salnés concentra a maior extensión de viñedos e adegas da Denominación de Orixe, e ademais é unha das zonas máis turísticas de Galicia grazas a fermosas paisaxes costeiras e conxuntos históricos como a vila de Cambados ou o mosteiro de Armenteira. O Rosal está dominado pola impoñente desembocadura do Miño no océano Atlántico creando un escenario idílico que garda todo o misterio da fronteira con Portugal, e que ten como máximo expoñente o conxunto prehistórico do monte de Santa Tegra (A Guarda). Mentres Ribeira do Ulla, atravesada polo río Ulla e o Camiño de Santiago, conserva toda a paz e beleza que a convertese en antiga zona de retiro das acomodadas clases compostelás. En definitiva, a D.O Rías Baixas constitúe unha proposta turística completa e diferente que ofrece unha experiencia chea de matices, tanto para o amante do viño, como para aquel que simplemente busca unha proposta diferente.
Os viños da D.O. Rías Baixas caracterízanse por estar elaborados con uvas autóctonas, principalmente brancas, tendo como gran protagonista a variedade Albariño que acapara aproximadamente o 95% da produción. Outras variedades preferentes son Loureira branca ou Marqués, Caiño branco e Treixadura, para as brancas, e Caiño tinto, Espadeiro, Loureira tinta e Sousón, no caso das tintas. A personalidade única das súas variedades e viños son consecuencia das peculiaridades do seu territorio, o seu clima, as súas xentes e a súa cultura. Unha terra chea de matices que poderás descubrir percorrendo a Ruta do Viño Rías Baixas, unha das primeiras Rutas do Viño de España.