Rianxo, vila literaria

O de Rianxo é un caso moi curioso. Cuns 12.000 habitantes na actualidade, nas súas rúas de traza mariñeira e medieval medraron varios dos escritores máis importantes da literatura galega. O percorrido xeográfico é tan fascinante que ben paga a pena facer unha relación dalgúns dos puntos a visitar.

O primeiro é, desde logo, o seu núcleo histórico. O Pazo de Martelo, situado ao pé da igrexa de Santa Comba, é un dos edificios emblemáticos da localidade. Neste mesmo solar erguíase antigamente a casa habitada por Paio Gómez Chariño (1225-1295), señor da vila, militar de renome durante as loitas entre cristiáns e musulmáns, Adiantado do Reino de Galicia… e trobador insigne do que se coñecen preto de trinta cantigas, a maior parte de temática amorosa. O edificio actual data do XVII e á súa fenomenal balaustrada nunca se asomou o trobeiro, máis o lugar ten aínda gran sabor literario. Moito máis sabendo que a praza na que se sitúa está dedicada a Rafael Dieste (Rianxo, 1899-Compostela, 1981), renovador da literatura galega no comezo do século XX. Dieste rompeu co ruralismo imperante e escribiu narrativa de ficción e teatro, tamén en castelán. Pasou boa parte da súa vida no exilio durante o franquismo. “Cando eu era rapazote chegou un día a Rianxo, paréceme que ás dez e media da mañá, unha balea. Algúns, para lle restar mérito á nosa vila din que era unha balea moi pequena, unha criaturiña de balea. Faladurías, envexa, non saben o que din”, rememoraba no seu libro Dos arquivos do trasno.

Dieste nacera na Rúa de Abaixo, que se pode considerar o quilómetro cero da literatura galega. Neste mesmo vial, moi preto xa do mar, naceu tamén Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Buenos Aires, 1950). Debuxante de talento e humor desbordantes, literato amante da miniatura e da precisión e activista político, foi fundador da revista Nós, deputado na República e líder do galeguismo. Son fundamentais obras súas como Os vellos non deben de namorarse, Os dous de sempre ou Sempre en Galiza.

Outro escritor de enorme importancia nacido na Rúa de Abaixo foi Manuel Antonio Pérez Sánchez (1900-1930), coñecido como autor polo seu nome de pila, Manuel Antonio. O seu libro De catro a catro é considerado un antes e un despois na produción poética en lingua galega, un delicioso retrato da vida mariñeira que el practicou, cheo de delicadeza e de simbolismo. Manuel Antonio faleceu moi novo, aos 29 anos, na parroquia de Asados, onde unha placa preto da igrexa recorda que alí estaba a casa da súa familia.

Tamén fóra do casco histórico, en Taragoña, naceu o vangardista Xosé María Brea Segade (1904-1934). Da xeración de Dieste e Manuel Antonio, a súa poesía publicouse postumamente e un busto recórdao no paseo da Ribeira, igual que a Rosalía de Castro

(1837-1885). Algo terá o mar de Rianxo para ter producido tantos e tan bos literatos ao longo dos séculos…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *