A pesar de ser unha das zona menos coñecida de Galicia, a Mariña Luguesa agocha gran cantidade de tesouros en forma de lugares que, unha vez descubertos, son difíciles de esquecer.
Aínda que xa falamos dalgúns deles, os máis coñecidos, hoxe imos penetrar neses outros lugares que, a pesar de non seren os máis famosos, merecen unha visita.
A nosa ruta de hoxe pode comezar pola localidade de Cervo. A apenas 22 quilómetros de Viveiro, esta localidade garda no seu seo o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, un dos maiores referentes do patrimonio industrial de Galicia. Foi aquí onde, en 1791, comezaron a funcionar os primeiros altos fornos de Galicia. O complexo industrial fora creado entre 1791 e 1806 polo Marqués de Sargadelos, estaba formado por unha factoría de fundición de ferro e unha fábrica de louza, e mantivo a súa actividade ata o ano 1875. De todo iso só quedan hoxe ruínas cuxo valor patrimonial lles fixo alzarse co título, en 1972, de Conxunto Histórico Artístico. Hoxe en día pódense visitar tanto a gran zona verde que o rodea todo, como os restos dos fornos de calcinación, a Casa da Administración (actual Museo Histórico de Sargadelos) e o Pazo de Ibáñez (construído como residencia do marqués en 1804).
Moi preto de aquí, a escasos 10 quilómetros e en pleno Monte do Buio, atópase o Pozo da Ferida, un salto de auga de máis de 30 metros formada polo río Xudreiro (afluente do Landro). Este lugar, ademais de ter un fácil acceso e estar ben indicado, é un lugar de extraordinaria beleza no que o silencio se ve roto soamente polo son da auga ao caer. Un auténtico paraíso no medio do bosque. Este é un deses lugares que hai que ver de preto.
Imos agora cara á zona máis oriental da Mariña Luguesa, non sen antes pasarnos por Viveiro a dar un paseo entre as rúas do seu casco antigo. Alí é imprescindible buscar o Canellón do Muro, un estreito pasadizo baixo a antiga muralla que rodeaba a cidade considerado unha das rúas máis estreitas de España.
Ao noso paso pola Mariña Central, detémonos na localidade de Alfoz. É aquí onde se alza maxestuosa a Fortaleza do Mariscal Pardo de Cela, torre do século XV declarada Ben de Interese Cultural no ano 1949 e Monumento Histórico Artístico en 1994. É aquí onde o Mariscal viviu ata que, tras a súa oposición aos Reis Católicos, foi condenado a morte.
Preto de aquí, en Fazouro (Foz), facemos outra parada. Esta vez penetraremos nun marabilloso castro celta que data dos séculos I e III. Trátase dun asentamento sobre unha pequena península rodeada de cantís fronte ao Mar Cantábrico. Foi aquí onde os nosos antepasados galaico-romanos establecéronse hai máis de dous mil anos, e hoxe, grazas ás diferentes escavacións e restauracións que se practicaron a finais do século XX, podemos admiralo en todo o seu esplendor.
Por último, e xa na esquina que pon fin a Galicia para, atravesando o río Eo, chegar a Asturias, é obrigatorio visitar Illa Pancha, en Ribadeo. Trátase dun pequeno illote comunicado coa península por unha estreita ponte. Nel, unha pequena edificación que data de 1880 e, ao seu lado, un faro de 1857 que, aínda hoxe, segue guiándonos á casa.
Como ves, na Mariña Luguesa tes todo un mundo por descubrir.
Comezamos?