Galicia, o país dos mil ríos, -tal e como a bautizou Álvaro Cunqueiro- é o lugar ideal para apostar polo turismo activo, un xeito de coñecer a nosa comunidade que namora aos máis aventureiros. Ademais de refrescarnos nas súas augas, percorrer os carreiros que os bordean ou pescar, os nosos ríos ofrecen diversas opcións de lecer que seguro que te atrapan.
O rafting é unha delas. Trátase de descender os ríos a bordo de balsas pneumáticas que se deixan levar polas correntes dos rápidos. Aínda que pareza mentira, é unha actividade apta para todo tipo de público e que, sen dúbida, é o remedio perfecto para liberar tensións e esquecernos das preocupacións do día a día.
Se finalmente elixes a nosa comunidade para iniciarte -ou non- nesta actividade, recomendámosche algúns dos ríos máis comúns para facer rafting en Galicia. Iso si, ten en conta que os períodos de navegación perfectos satópnase -xeralmente- entre o outono e a primavera e que nunca debe faltar un monitor experimentado a bordo da túa balsa.
Río Deza
En concreto un pequeno tramo de 8 quilómetros que descenden entre as localidades de Bascuas e Cira, na provincia de Pontevedra. Un descenso de case hora e media que require de todos os nosos esforzos para superar o estreito e pedregoso leito deste río.
Precisamente por este motivo, é conveniente resaltar que se trata dun percorrido non apto para principiantes. Se non é a primeira vez que te animas co rafting, quizais sexa o reto que estabas a esperar. Despois de manobrar sen descanso e coa adrenalina ao 100%, seguro que pensarás en repetilo.
Río Sil
O seguinte punto de encontro témolo no río Sil. Se es novo neste tipo de actividade, algúns tramos como o que conecta Sobradelo co Barco de Valdeorras (ambos na provincia de Ourense), son perfectos para iniciarse no rafting.
Trátase dun tramo de non máis de 10 quilómetros que se descenden sen moita dificultade. Anímaste?
Río Tambre
Coñeces o Salto da Cabra? É un coñecido rápido do río Tambre que transcorre entre Ponte Alvar e Portomouro, na provincia da Coruña. Unha navegación duns 8 quilómetros en augas cun nivel de dificultade baixa que permiten gozar da actividade en familia. O único requisito é que o caudal sexa alto, polo que a mellor época para descendelo é nos meses de choiva abundante.
Río Ulla
No río Ulla, o tramo recomendable é o que pasa de Xirimbao a Herbón, na provincia da Coruña. Nel, non só poderemos apreciar a beleza da ribeira galega senón tamén os montes que se elevan ao seu redor ou as antigas presas de muíños.
Entre cinco e oito quilómetros de percorrido que nos achegan practicamente ata a desembocadura do río na Ría de Arousa.
Río Miño
Por último o río Miño, un dos ríos máis emblemáticos da nosa comunidade. Con quilómetros e quilómetros de caudal, os percorridos máis interesantes para gozar do rafting atopámolos entre a presa de Frieira e Arbo, na provincia de Pontevedra.
Unha sucesión de zonas tranquilas e outras con maior ondada, que nos trasladan a unha montaña rusa natural do máis divertida.
Con todo, o máis sinxelo será contar coa axuda e o asesoramento dun equipo experto. Se estás interesado en probar, non será complicado atopar diferentes empresas que ofrecen a posibilidade de practicar esta actividade na nosa comunidade.
Quizais impón un pouco, pero seguro que é unha experiencia difícil de esquecer.