O Himno Galego é un himno ben curioso. Na súa extensa letra non aparece mencionada nin unha soa vez a palabra Galicia, e o texto, máis que enxalzar as virtudes do territorio, deféndeo contra quen o pretende aldraxar. É, con todo, un poema ben fermoso no que se aspira todo o aroma da paisaxe galega, o clima bravo e a singularidade desta terra. Mais quen foi o autor dos seus versos? E quen lles puxo a música?
O texto compúxoo en 1890 o que quizá sexa o poeta galego máis importante da época, á par con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. Eduardo Pondal naceu en Ponteceso (A Coruña) en 1835. Coñéceselle como o bardo galego polos seus poemas inspirados nas sagas do norte de Europa e na poesía céltica. Neles imaxina un pasado mítico para Galicia, cheo de heroes románticos e batallas, descrito cunha lingua elevada e un lirismo desbordado. Pondal retrata coma ninguén a paisaxe da Costa da Morte e de Bergantiños, de onde era orixinario. Médico de formación e corrector obsesivo dos textos, as súas obras principais son Rumores dos pinos e Queixumes dos pinos. Faleceu na Coruña en 1917 e está enterrado no histórico cemiterio de San Amaro, xunto ao mar que tanto amou.
En 1890 contactou con el o músico Pascual Veiga Iglesias, nacido en Mondoñedo (Lugo) en 1842. Veiga pediulle unha letra para presentar a un concurso de himnos galegos; Pondal era xa por entón era unha figura reverenciada dentro do pequeno mundo literario en galego. Para a ocasión escribiu un texto en orixe titulado Breogán; tras uns poucos cambios suxeridos por Veiga para que encaixase coa composición musical, o poema, finalmente chamado Os pinos, quedou na forma que hoxe coñecemos.
É un canto no que se chama a Galicia a saír do seu sono e rebelarse contra as inxustizas, unha sucesión de versos nos que se describe maxistralmente nuns poucos trazos a fermosa e feroz natureza do país, con ese comezo famoso: Que din os rumorosos… E non, efectivamente na súa longa letra non se menciona nunca a Galicia, á que se chama elipticamente nazón de Breogán, en referencia a un dos mitos célticos tan do gusto de Eduardo Pondal.
O himno de Pondal e Veiga non se interpretaría ata moitos anos despois. A súa primeira posta en escena data de 1907 e, como tantas cousas no panorama cultural galego da época, sucedeu do outro lado do Atlántico. Estreouse na Habana, Cuba, en 1907, e pronto se converteu en canción predilecta de actos galeguistas. O seu papel como himno de Galicia foi callando pouco a pouco e durante a Transición erixiuse definitivamente no símbolo que hoxe é.
En 1981, con motivo da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, oficializouse a súa categoría de símbolo da Comunidade Autónoma, e interprétase en ocasións solemnes e festas. Máis dun século despois da súa composición, o romántico himno de Pascual Veiga e Eduardo Pondal está máis vixente que nunca entre a sociedade galega.