Praias fluviais de Galicia: bañarse lonxe do mar tamén é posible

Cando soben as temperaturas e queremos refrescarnos, os case 1.500 quilómetros de costa que atesoura Galicia parecen a solución máis evidente. Pero na súa riqueza natural, Galicia ofrécenos tamén a opción de ir a praia sen achegarnos necesariamente á costa. Hoxe traémosvos unha selección dalgunhas das praias fluviais máis interesantes que atoparás en Galicia.

Tapia (A Coruña)

Esta praia fluvial situada a poucos quilómetros de Santiago, é un lugar perfecto para tomar o sol, pero se o teu é a sombra, non te preocupes, podes gozar dela baixo a súa extensa arboleda. A praia dispón tamén dunha zona recreativa con bar, ludoteca e biblioteca. Para evitar calquera contratempo hai un posto de socorro ao dispor dos usuarios.

Furelos (A Coruña)

Pertencente ao concello de Melide, é un espazo ideal para unha fin de semana con toda a familia. Os máis cativos contan con tobogáns, mesas de ping-pong, piscinas…Para completar as instalacións, hai tumbonas de madeira, grelladas e un pantalán para embarcacións de pouco tamaño.

Ademais, para os que queren exercitarse un pouco e estirar as pernas mentres gozan dun agasallo da natureza, hai un camiño de 15 km ao redor do río.

A Carixa (Pontevedra)

No municipio de Vila de Cruces, nas beiras do río Deza, preto da Fervenza do Toxa e do Mosteiro de Carboeiro, atópase esta praia fluvial onde podemos gozar dunha zona recreativa, de baño, dúas piscinas, un bonito paseo, un parque infantil e outro biosaudable. Sen dúbida o lugar perfecto para unha escapada.

A Calzada (Pontevedra)

Esta praia fluvial está situada en Ponte Caldelas, e conta desde 2015 con bandeira azul, grazas ás súas condicións ambientais e de instalacións. Nos seus 250 metros de lonxitude poderemos apreciar unha presa e un bosque con carballos, bidueiros e castiñeiros. Alí pódese gozar de zonas de baño de augas cristalinas para adultos e nenos, un parque infantil e outro biosaudable.

Vilatuxe (Pontevedra)

Esta praia fluvial do concello de Lalín coñécese tamén como Pozo do Boi. Unha sinxela presa de madeira forma unha piscina coa auga do río cunha profundidade de 1.8 metros, pero tamén hai zonas de menos profundidade para os nenos. Ao saír da auga poderás descansar sobre o amplo céspede, tomar un pouco de sol e gozar de todos os servizos que ofrece a área: mesas, grellada, cantina, randeeiras, etc.

Vilarello (Pontevedra)

A praia fluvial de Vilarello atópase no municipio pontevedrés de Valga. A súa chaira de area a beiras do río Ulla aseméllaa ás praias marítimas. Está situada nunha zona de interese natural, dentro da Rede Natura 2000, cun ecosistema de gran valor ecolóxico. Conta ademais cunha área de descanso con aparcamentos, hostalería e xardíns. Na época estival conta con servizo de socorrismo.

Sela (Pontevedra)

A beiras do río Miño, no concello de Arbo, atopámonos esta praia, que dispón de merendeiro e zona de pesca, polo que é un lugar perfecto para os afeccionados á pesca. Ademais, desde ela pódese acceder a dous roteiros pola beira do Miño, “O Roteiro das Pesqueiras” e o “Roteiro dos pescadores”. 

A Cova (Lugo)

No concello do Saviñao, en plena Ribeira Sacra, está situada esta pequena praia fluvial, a beiras do río Miño. Un lugar tranquilo e ideal para darse un baño refrescante. Con area fina, merendeiro, parque infantil e restaurante é posible, ademais, practicar diversos deportes náuticos, como kaiak ou pádel surf.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *