Pontes colgantes en Galicia

Entre todos os tipos de pontes, as colgantes son as máis divertidas. Aquí referímonos ás pasarelas peonís sobre ríos, que nos levan á outra beira dun xeito aventureiro e nos fan sentir máis preto da natureza, xa que o normal é que estean en zonas envoltas en árbores e aire puro. 

Por exemplo, no Parque natural das Fragas do Eume, este bosque atlántico costeiro tan famoso, hai dúas pontes colgantes. Case simbólicas, pois comunican a zona asfaltada coa máis selvática e misteriosa. Unha das rutas máis transitadas, o Camiño dos Encomendeiros, sae da ponte colgante do Cal Grande, preto dun refuxio de pescadores. Río arriba, atopamos a ponte de Fornelos, que moitas veces se toma como atallo, aforrando así 3 km desta ruta. O camiño lévanos pola beira do río até o mosteiro de Caaveiro. As dúas pontes son iguais, cunha estrutura bastante sólida.

A ponte de Leiro, dos anos 60, está feita de ferro pintado de branco. Atravesa o río Avia. Cruzando a pasarela saimos do casco urbano a unha área de recreo coñecida como O Salgueiral, un xardín xigante de salgueiros, próximo á praia fluvial. Pola ponte pasa a ruta entre Pazos de Arenteiro e Ribadavia, camiño tamén do mosteiro de San Clodio, a ponte medieval e dos viñedos da zona.

Dos anos 60 tamén é a ponte de Xirimbao, ou A Mariola, na Estrada. Pode que sexa a pasarela colgante máis longa de Galicia, con 80 m. Tamén é bastante alta. A estrutura é metálica, con grosos cables de aceiro e chan de grade, de xeito que se ve o río baixo os pés. Foi deseñada para a pesca do salmón no Ulla. De feito, a tempada de pesca condiciona a súa apertura ao público, entre maio e setembro. Esta ponte une moitas cousas á vez: os concellos da Teo e A Estrada, as provincias da Coruña e Pontevedra e os coutos de pesca de Ximonde e Xirimbao. Nas dúas beiras hai áreas recreativas para pasar o tempo.

A ponte de Calvelo, sobre o río Lérez, en Cercedo-Cotobade, non é tan longa, mide uns 30 m, mais sí está a bastante altura. Está feita con táboas de madeira fixas e grandes tirantes de aceiro. Comunica Tenorio, en Calvelo, con Santo André de Xeve. Desde o alto da pasarela vense pequenas fervenzas; debaixo, hai un vello muíño de pedra medio oculto. Ao chegar a Calvelo, podemos tomar unha merenda na zona de mesas e darnos un baño na praia fluvial do Canal, a 500 m da ponte.

Soutomaior é famoso polo castelo, mais tamén pola ponte colgante, parada obrigada de moitas rutas de sendeirismo. Colga a 6 m sobre o río Verdugo, case na súa unión co Oitavén. A pasarela é pequena, co piso de táboas de madeira, o que o fai que encaixe moi ben na contorna. Ao baixar da ponte agárdanos a Poza das Bestas, cun pequeno areal onde gozar dun baño. E, despois do descanso, podemos seguir a ruta de sendeirismo circular até a ponte medieval de Comboa, entre regatos e algún muíño, que ademais nos deixa na praia da Veiguiña Longa, por se peta un segundo baño.

Ao seu paso pola Terra Chá, o Miño da cabida a varios illotes no seu leito, son as Ínsuas do Miño. Para chegar á Ínsua de Seivane, temos que cruzar a ponte colgante de Parada, en Outeiro de Rei, unha das máis antigas. A illa ten un refuxio de pescadores e unha área de descanso con bancos, mesas e grellas. Pola zona tamén hai unha praia fluvial, así que se combinan todos os ingredientes para un día de verán perfecto. Aviso: a ponte bambea, así que so poden atravesala catro persoas á vez. Coidadiño, non vaia ser…

A poucos metros da Central Hidroeléctrica do Tambre, coñecida tamén como a “catedral hidroeléctrica”, obra de Antonio Palacios de 1932, está a ponte colgante do Tambre, que une Noia e Muros. A estrutura é metálica, con chan de grade, co que a vista é bastante completa. Desde ela vense as antigas pesqueiras de lamprea e os refuxios de pescadores. De aquí mesmo saen tres rutas de sendeirismo, de distinto grao de dificultade. A zona tamén dispón de área recreativa. 

A ponte de Acevedo-Oia vai sobre o río Tamuxe, e da acceso a Monte Redondo e Cova do Lobo. O chan de madeira e os pasamáns de troncos pulidos fan que harmonice plenamente coa paisaxe. É un paso obrigado do Camiño portugués pola costa. Actualmente está en proceso de rehabilitación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará