Plans para un Nadal con nenos

O Nadal é un tempo de ilusión, no que gozar da familia e das festas, non son vacacións sen máis. Aquí temos unha morea de plans para vivir a fondo estas datas.

Para metérmonos en materia, nada mellor que visitar algúns dos beléns máis impresionantes de Galicia. Por exemplo, mesmo podemos camiñar entre figuras do noso tamaño no Belén xigante de Viveiro, “Viveiro ante o berce”. Outro dos mellores beléns, tamén na provincia de Lugo, é o Belén electrónico de Begonte, no que vemos até o cambio de día e o cambio de tempo, con treboada incluída. O Belén artesanal en movemento de Valga distínguese por incluír elementos da actualidade e da vida rural galega. O do Liceo de Betanzos leva banda sonora e narración incorporada, ao compás do movemento das figuras. O da Orde Terceira de Ferrol tamén leva conto, neste caso, cun paxe en directo. En Ourense temos o Belén de Baltar, cen por cen ourensán, que ademais pódese visitar todo o ano. E unha visita á catedral de Santiago sempre ten éxito, sobre todo se imos ver o belén. Emporiso, este ano estará na igrexa de Santo Agostiño, Na mesma cidade, cómpre visitar o Belén de San Fiz.

Hai sitios nos que non lles abonda con montar beléns, que teñen que montar aldeas de nadal enteiras. É o caso das Aldeas de Nadal de Lalín, un auténtico parque temático do nadal, con 41 casiñas repartidas pola aldea de Papá Noel, a do Apalpador, a dos Reis Magos, a dos Trasnos, a da Música e a das Fadas. En Allariz o poboado é peculiar, feito a base de materiais sostibles coa colaboración do comercio, entidades e veciñanza. Teñen a praza de Nadal, o Minimunndo, a Granxa do Apalpador, a Fraga dos Trasnos, o parque de atraccións e o mercado de nadal. Cambados tamén ten a súa aldea de nadal na praza de Fefiñáns, con estanque e todo. En Pontevedra o poboado de nadal está na praza da Ferrería. Tamén temos un nadal enxebre, na Veiga, un bosque de nadal en Noalla… Sí que hai onde elixir!…

Escoitar un bo conto de nadal é outro plan a ter en conta. Nestas datas, as bibliotecas, coas actividades de Nadal en Rede, teñen unha programación moi atractiva, con obradoiros, contacontos, vsitas guiadas… Nos museos tamén hai plans diferentes. Na Cidade da Cultura, por exemplo, desde o 16 de decembro, co acendido da iluminación exterior, comezaron as actividades de nadal: teatro, obradoiros, experiencias de realidade virtual no Galiverso e visitas especiais en familia, estas do 27 ao 30 e o 3, 4 e 8 de xaneiro. 

Os castelos tamén se apuntan ao nadal. No castelo de Vimianzo o 23 de decembro acenden o cepo de nadal na lareira. O castelo de Sobroso está moi adornado, co campo cheo de cervos e luces. Doutra banda, no castelo de Soutomaior hai visitas teatralizadas, obradoiros, buzón de soños e un sonado mercado de nadal.

Falando de mercados de nadal, hai algúns moi animados, con moito entretemento para os máis cativos, como o da Coruña, na praza de María Pita, con iglú de actividades infantís; o de Santiago, na carreira do Conde e Área Central; o de Pontevedra na Ferrería; o de Ourense no parque de San Lázaro; o de Tui no paseo da Corredoira…

Aínda que aquí de momento non se conxelen ríos nin lagos, sempre podemos calzar uns patíns de coitela e deslizarnos por algunha das pistas de xeo que se montan por Galicia adiante. Xa son clásicas a da Alameda de Santiago, a da Coruña, a de Samil e no náutico en Vigo… E cada ano hai máis sitios onde patinar, xa que é algo moi divertido (Vimianzo, Oleiros, Santa Comba, Sarria, Cedeira, Vilalba…). 

Por suposto, hai que falar da “cidade onde vive o nadal”: Vigo. Se nos vai a luminotecnia, a visita é obrigada. Leva o seu tempo, porque aquí están concentradas todas as diversións do nadal: grandes escenas iluminadas no medio das rúas, mercado, tren de nadal, noria, montaña rusa… Para os máis tradicionais, aínda se pode ver o belén monumental na Casa das Artes.

Pasadas as celebracións de decembro, aínda nos quedan cinco días para Reis. Cinco días ben emocionantes, nos que hai que ir pensando en facerse un oco nalgunha das cabalgatas. En Vigo hai cabalgata estática polá mañá, aparcada na avenida Castelao, que se pon en marcha pola tarde, de praza de América até a Porta do Sol. O tema do espectáculo é as películas infantís. Na Coruña, este ano as carrozas levarán detalles picassianos, co gallo do 50 aniversario da morte do artista.

E isto é só unha pequena mostra de todo o que hai organizado nestas datas para gozalas intensamente e crear bos recordos. Bo 2023 a todo o mundo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *