Personaxes do entroido 

Quentando motores, que o entroido está a chegar! En Galicia é unha festa moi importante, de feito, contamos con nove entroidos considerados festas de interese turístico. Dous deles, o de Verín e o de Xinzo, son ademais festas de interese nacional e internacional respectivamente. Aínda que se celebra en todas partes, é na provincia de Ourense onde atopamos as personaxes de maior tradición. 

Para metermos de cheo no ambiente, imos achegarnos a cada un deles. Quen é quen no entroido galego? 

Pantallas de Xinzo de Limia. En Xinzo pasa que antes de rematar a festa dun ano xa están pensando na do seguinte. É que aquí o entroido parece infinito, non dura unha semana, senón cinco fins de semana! Quen da máis? E quen son os protagonistas?: as pantallas. Chámanse así por levar unha pantalla, que é unha máscara de pasta de papel pintada cunha cara como de demo bulreiro. Tamén levan cresta de cores. A camisa e o calzón son brancos, polainas e zapatos negros, capa vermella ou negra, faixa vermella con chocas e pano. Non é que pasen inadvertidos! Por se non soasen dabondo coas chocas do cinto, van batendo dúas vexigas de animal infladas, como se fosen globos. Coidadiño coas pantallas, que son as que poñen a xente á andar. Ai de nós como vaiamos sen disfrace… 

Cigarróns de Verín. Os cigarróns teñen que estar en forma para a festa. O traxe pode pesar até uns 25 kg! Din que a orixes da personaxe pode estar nos antigos recadadores de impostos ou nalgún cargo semellante. Ollo, que van armados cun látego! Recoñecémolos pola máscara pintada con bigotes e coloretes, que se prolonga nunha mitra de lata con símbolos animais ou astrais, con pompóns nos extremos, rematada por detrás nunha pelella. Van moi elegantes: chaquetilla, camisa branca, garabata vermella, calzóns con borlas, medias brancas e zapato negro. Enriba do faxín levan un cinto con seis grandes chocas para levar o ritmo. No desfile, látego na man, van impoñendo orde. 

Peliqueiros de Laza. Outros 25 kg pode chegar a pesar o traxe destes personaxes. Non se lles pode tocar nin manchar, mais sí insultar. A máscara e a mitra e, por suposto a pelica de animal, que de aí ven o nome de peliqueiro, son moi semellantes ás de Verín; lóxico, xa que son sitios próximos. No canto do látego dos cigarróns, estes van armados coa “zamarra”, unha fusta para castigar aos despistados que andan por aí sen disfrace. 

Boteiros e folións de Viana do Bolo. Os folións son comparsas dunhas 30 ou 40 persoas que levan ferramentas agrícolas e tambores, o seu xeito de darlle ritmo ao entroido polas rúas. Din que tocan para espantar os malos espíritos. Os boteiros son os que dan paso aos folións. Levan unha carauta rematada nun incríble penacho de cores. Multicor é tamén o resto do traxe, feito de fitas de seda. Levan chocallos no cinto e, a maiores, unha gran “monca”, pau decorado co que se axudan a choutar. Ollo, que tamén poden usala para meterse co público… 

Mázcaras de Manzaneda. O alto da montaña énchese de cor no entroido. En Manzaneda, a mázcara, malia o nome, normalmente vai coa cara descuberta. A decoración vai por riba da cabeza, nun pucho cun laborioso tocado, nunha elevada estrutura moi colorida. Levan camisa e polainas brancas con puntilla, mantilla, botas negras, bastón e fitas de cores. Como manda a tradición, o cinto vai cargado de chocallos para levar o ritmo. Aquí a música e o baile son moi importantes. Mais a mázcara non vai soa, senón acompañada sempre do folión ou fulión, unha comparsa que vai de ronda polas aldeas. Animan a festa con tambores, gaitas e ferramentas labregas. Nas foliadas xúntanse todos e fan representacións satíricas. 

Felos de Maceda. A indumentaria é moi parecida a dos peliqueiros e os cigarróns. O rasgo máis distintivo é o das medias negras no canto de brancas, colares, rabo de raposo e bastón. Levan cinco chocas e botas. Nun intento de achegarse ás orixes da festa, a mitra só se decora con animais propios da serra de Mamede. De seguida nos decatamos da súa presenza polos “esgutíos” (especie de aturuxos dos felos). Andan sempre choutando e bailando. Por certo, en principio só poden levar este traxe os homes solteiros. 

Boteiros de Vilariño de Conso. Aquí a festa é animada polos fulións, cos seus tambores e músicas de fouces e demais instrumentos do campo e os boteiros, que bailan e botan ao son. Os boteiros levan unha máscara de cartón, diferente segundo a zona, forrada de pelo e pel de cabra. A camisa e os pantalóns van adornados con fitas de cores. Tamén levan chocas no cinto e, na man, a “monca”, unha vara ás veces decorada tamén. 

Madamas e galáns de Cobres. O entroido de Cobres, en Vilaboa, Pontevedra, ten un aire máis señorial. Malia ser unha festa moi popular, os protagonistas trasládannos a unha sociedade clasista. É dos poucos entroidos sen máscara, a cara descuberta. As madamas van ataviadas con camisa e saia brancas, medias finas con zapato negro e un peitoril, unha especie de babeiro onde van prendidos moitísimos colares. E todo adornado con fitas de cores. plumas, pasamanería… Aínda que o máis espectacular é o sombreiro, profusamente decorado. Os galáns son igual de presumidos, mais levan un sombreiro algo máis pequeno. Da gusto ver a madamas e galáns bailar as súas elegantes danzas. 

Xenerais da Ulla. Estes personaxes distínguense ben porque van uniformados como se fosen a unha guerra de fantasía, cunha morea de condecoracións e sombreiros cheos de penachos de cores. Ademais, os correos van a cabalo, que tamén levan as súas mellores galas. O máis divertido son os “atranques”, encontros entre xenerais de distintos lugares que se poñen de batalla dialéctica, sempre en ton de bulra e sátira. E hai moito atranque, tendo en conta que na festa participan oito concellos da Coruña e Pontevedra (A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vilanova de Cruces).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *