Percorrido polos faros da Costa da Morte

A costa da Morte é a franxa costeira máis occidental de Galicia, na provincia da Coruña, que vai desde Caión a Carnota. Neste fronte aberto ao Atlántico, o litoral galego fai que a liña que bordea o mapa avance e retroceda, chea de pregues, polos moitos cabos, puntas, rías e pequenas illas que discorren enfrontadas ao océano. Aquí a mar é dura e salvaxe, xa se ve polo nome da costa, o que tamén fai dela un tesouro natural. (O espazo marítimo e litoral está protexido pola ZEC e a ZEPA, na Rede Natura 2000).

Nos extremos máis sobresaíntes da terra sitúanse os faros, vitais para navegantes e paradas espectaculares para camiñantes. Pois ven, vamos coñecer de preto eses faros. Comezando de norte a sur, desde Malpica a Fisterra, atopamos oito:

Faro das Illas Sisargas (Malpica). As Sisargas é un arquipélago formado por tres illas (Grande, Chica e Malata) e algún illote. O faro está na Illa Grande. O vello, de 1853, fora un dos máis antigos da Costa da Morte. Ao seu carón foi levantado o actual, pedra a pedra, polos veciños de Malpica, en 1915. Para chegar a el dependemos de embarcacións privadas, desde o porto de Malpica. Do embarcadoiro ata o faro, 2 km de andaina. As illas son un importante refuxio de aves, sobre todo de gaivotas e araos.

Faro de Punta Nariga (Barizo, concello de Malpica). É o faro máis moderno de Galicia. Entrou en funcionamento en 1998. A construción, asinada por César Portela, semella un barco que se mete no mar. A base, triangular, é un miradoiro. Na punta cara ao mar érguese a escultura O Atlante de Manolo Coia.

Faro de Punta Roncudo (Corme, concello de Ponteceso). Esta punta débelle o nome ao ruído que fai aquí o mar, tan bravo e rouco. É o paraíso dos percebes. O faro está en funcionamento desde 1920. É de costrución sinxela, non moi alto e zulexado en branco. É xemelgo do faro de Laxe, que tamén empezou a funcionar á vez. Entre os dous delimitan a ría de Laxe. Nesta perigosa zona, moitas pedras levan a memoria de naufraxios antigos, como o Petón do millo, chamado así ser onde afundira un barco cargado de millo, que deu de comer a todo Corme unha tempada. Entre os cantís hai tres cruces en memoria de tres percebeiros. 

Faro de Punta Laxe (Laxe). Xemelgo do faro re Roncudo, mais renovado en 1996, cando pasa de ser baliza a faro. Está na punta do monte da Ínsua. Desde o miradoiro, vemos, á dereita, a ría de Corme-Laxe; á esquerda, o mar aberto e, ao fondo, o Penal do Veo e a duna de Monte Branco. A zona dispón de área de descanso con bancos. Tamén hai unha escultura: A espera, de Iria Rodríguez.

Faro de Cabo Vilán (Camariñas). Foi o primeiro faro en España en funcionar con luz eléctrica, no 1896. Hoxe en día, é un dos máis potentes. Fronte a él, o mar bate no illote Vilán de Fóra, separado da terra polo paso do Bufardo. Aquí tamén atopamos pedras con nome propia, como a da Caveira ou a da Moa. Estamos nun espazo privilexiado, e seguro que vemos aves en perigo de extinción, como araos ou corvos mariños. Aquí tamén está o Centro de interpretación dos naufraxios, faros e sinais marítimos, ademais de sala de exposicións, tenda e café. 

Faro da Punta da Barca (Muxía). Construído en 1926 a carón do Santuario da Virxe da Barca, e das famosas pedras de Abalar, do Cadrís e do Temón (as supostas partes da barca: vea, casco e timón). Sitúase enfronte do Cabo Vilán, delimitando entre os dous faros a ría de Camariñas.

Faro do Cabo Touriñán (Muxía). O cabo é o punto máis occidental de Galicia e da España peninsular. Hai un faro vello, de 1898, e outro novo, de 1981. É un sitio estupendo para contemplar o solpor, sobre todo en certas datas do ano, nas que sabemos que é o derradeiro solpor de toda Europa continental, por cousas da rotación da terra (entre 22 de marzo e 25 de abril e 18 de agosto e 19 de setembro, aproximadamente).

Faro do Cabo Fisterra (Fisterra). Final de traxecto. Antigamente se pensaba que aquí remataba o mundo. Tamén se dí que aquí remata verdadeiramente o camiño (de Santiago), cando se queimaban as roupas da peregrinaxe á beira da mar e xa se podía volver a casa. O faro é de 1853. No 1888 instalouse unha serea, para cando a néboa non deixa ver a luz do faro. Emite sons cada minuto cun alcance de 25 m e, popularmente, é coñecida como “a vaca de Fisterra”. Outro complemento é o Semáforo, construído en 1879 par dar sinais da mariña de guerra. Hoxe en día é un loxamento rural. Desde o faro podemos ver a ría de Corcubión, o Monte Pindo, as illas Lobeira, e ata a costa de Carnota. Máis preto, o illote do Centolo, causa de moitos naufraxios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará