Percorrido polos camiños de peregrinación a Compostela

Un cuarto de século cúmprese agora da aprobación dun documento crave para a recuperación, a posta en valor e a promoción das rutas de peregrinación a Compostela. O 10 de maio de 1996 era aprobada a Lei de Protección dos Camiños de Santiago, un texto de ámbito autonómico que, segundo explicaba no seu preámbulo, tiña entre os seus principais obxectivos dotar a Galicia dunha ferramenta integradora que superase as limitacións da lexislación dispersa previa e que abordarse tanto os aspectos culturais, monumentais e urbanísticos do Camiño, como a pluralidade de rutas existentes e a necesidade de manter a súa integridade.

 

Vinte e cinco anos despois, as distintas rutas de peregrinación afrontan o novo Ano Santo coa excepcionalidade da súa duración extra (o xubileu foi estendido tamén o ano 2022) e o reto engadido de sobrepoñerse ás consecuencias da covid e retomar á exitosa senda previa á pandemia. Para que ti tamén poidas comezar a planificar a túa participación neste acontecemento extraordinario convidámoste a descubrir os distintos percorridos do Camiño de Santiago recoñecidos de forma oficial pola Xunta de Galicia. 

 

Camiño Francés

É a principal ruta de peregrinación a Santiago e os seus trazados esténdense por boa parte de Francia antes de converxer á súa entrada na Península Ibérica. O Camiño Francés é a máxima representación desas sentenzas xa universais que se refiren a este itinerario como a “rúa maior de Europa” ou que explican que “Europa se fixo peregrinando a Compostela” e foi o primeiro trazado en ser declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco, posto que nel se centraba aquel recoñecemento logrado en 1993. Este Camiño que entra na Península por Somport e Roncesvalles para fusionarse nunha única ruta pouco antes de Puente La Reina segue sendo a día de hoxe o trazado elixido pola maioría dos peregrinos que se encamiñan a Santiago. No seu tramo final recibe tamén a aqueles que chegan tamén polo Camiño do Norte e o Camiño Primitivo. O municipio de Pedrafita do Cebreiro é a porta de entrada en Galicia desta ruta que atravesa localidades emblemáticas como Samos, Portomarín, Palas de Rei, Melide e Arzúa.

 

Camiño Primitivo

O seu propio nome remítenos ás orixes desta ruta e revélanos a súa antigüidade. O Camiño Primitivo segue en boa medida o itinerario polo que o rei Alfonso II, o  casto se dirixiu desde Oviedo ata Galicia para visitar o lugar onde na actualidade se alza a cidade de Santiago de Compostela tras recibir noticia por parte do bispo Teodomiro da aparición dos restos do Apóstolo. Aquela viaxe, realizado a comezos do século IX foi, por tanto, a primeira peregrinación á tumba de Santiago e a semente do fenómeno que se desenvolvería durante os séculos seguintes. Esta ruta entra en Galicia pola Fonsagrada e pasa polos municipios de Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol e Palas de Rei antes de unirse co Camiño Francés en Melide.

 

Camiño do Norte

Do mesmo xeito que ocorre co Camiño Primitivo, o Camiño do Norte tende tamén lazos entre Oviedo e Santiago de Compostela e a súa popularidade remóntase, así mesmo, aos primeiros momentos do fenómeno xacobeo. Ademais, ambos foron recoñecidos como Patrimonio da Humanidade na ampliación que a Unesco realizou no ano 2015 do recoñecemento outorgado en 1993. Ribadeo, na Mariña Luguesa, e Trabada,  son os municipios polos que se adentran en Galicia as dúas variantes do Camiño do Norte antes de converxer en Mondoñedo e atravesar tamén outras localidades cheas de historia e arte como Vilalba e Sobrado. En Arzúa atópase co Camiño Francés e o Camiño Primitivo.

 

Camiño Inglés

Os peregrinos que chegaban en barco desde Inglaterra dan nome a esta ruta, aínda que realmente o itinerario acolleu ao longo dos séculos a xentes chegadas a Galicia desde outros moitos puntos de Europa por vía marítima. A Coruña e Ferrol, cidades cunha longa tradición portuaria, son a día de hoxe os puntos de partida oficiais dos dous trazados cos que arrinca o Camiño Inglés antes de fundirse nun só en Bruma (municipio de Mesía). Betanzos e Pontedeume, no trazado ferrolán, e Culleredo e Cambre, no coruñés, son algúns dos municipios que visitará o peregrino no seu camiñar cara a Santiago atravesando pontes e visitando igrexas de gran valor histórico e monumental.

 

Camiño de Inverno

O acceso natural desde a Meseta a Galicia serve tamén de porta de entrada dunha ruta  que no caso da peregrinación a Santiago foise perfilando como paso alternativo para evitar as neves dos puntos máis elevados do Camiño Francés. Ten a singularidade de ser a única ruta do Camiño que pasa polas catro provincias galegas e que permite mesmo contemplalas á vez, tal como ocorre desde o alto do Monte do Faro. Antes que os peregrinos, os romanos xa percorreron unhas terras onde a súa pegada segue presente. Rubiá é o primeiro municipio galego deste itinerario que tras atravesar as terras de Valdeorras se adentra na Ribeira Sacra, cruza a comarca do Deza (onde se une á Vía da Prata) e atravesa as terras do Ulla antes de chegar a Compostela.

 

Vía da Prata

A máis extensa das rutas de peregrinación dentro de Galicia entronca coa antiga calzada romana que unía as actuais cidades de Mérida e Astorga e debe o seu nome a un equívoco. Unha palabra árabe empregada para referirse ás vías empedradas e non o comercio deste metal precioso sería a orixe da denominación deste trazado cuxa pegada é especialmente visible en terras de Ourense. A Vía da Prata coas súas distintas variantes (Verín e Laza) atravesa case unha trintena de municipios desa provincia antes de entrar en terras da veciña Pontevedra, recoller aos peregrinos do Camiño Primitivo en Lalín e entrar na provincia da Coruña, preto xa da meta final. As terras do entroido  máxico, Allariz, Monterrei e a cidade de Ourense son algúns dos atractivos deste percorrido.

 

Camiño Portugués

O legado romano está moi presente tamén na principal ruta de peregrinación cara a Santiago procedente de terras portuguesas. A ponte internacional de Tui serve desde hai case un século e medio de entrada en Galicia aos peregrinos que antigamente debían empregar embarcacións para salvar as augas do río Miño. A considerada como cidade máis antiga desta comunidade dálles a benvida poñendo ao seu alcance unha rica historia e un inxente patrimonio e encamíñaos cara ao norte por outros municipios como O Porriño, Redondela (onde se incorporan os peregrinos da variante da Costa), Pontevedra e Caldas de Reis. Antes de chegar a Santiago tamén deberán atravesar Padrón, localidade crave no fenómeno xacobeo por ser o lugar de chegada da embarcación que trasladou os restos do Apóstolo desde Terra Santa.

 

Camiño Portugués da Costa

O porto da Guarda serve de entrada a esta ruta que, como o seu nome indica, segue a liña do litoral. O seu trazado achega aos peregrinos que o percorren ata monumentos centenarios e espectaculares paisaxes atravesando os municipios de Oia, Baiona e Nigrán antes de chegar á cidade de Vigo. A ría guía os pasos dos camiñantes cara ao leste para atoparse en Redondela coa ruta portuguesa que ascende case en liña recta desde Tui e proseguir así xuntos en dirección a Compostela.

 

Ruta do Mar de Arousa e o Río Ulla

As augas da ría de Arousa e o río Ulla viron chegar hai dous milenios a embarcación que trouxo a Galicia os restos do Apóstolo Santiago e na actualidade volven selar a súa relación co fenómeno xacobeo a través dunha ruta de peregrinación marítima e fluvial. Unha vintena de municipios forman parte dun percorrido que foi sinalizado desde as súas beiras con 17 cruceiros formando a único Vía Crucis marítimo do mundo. As corenta millas que separan a entrada da ría de Arousa de Padrón dan paso a continuación a outros 25 quilómetros a pé para quen opta por esta ruta no seu afán de peregrinar ata a tumba de Santiago.

 

Camiño de Fisterra e Muxía

A listaxe de rutas oficiais do Camiño complétase con outro percorrido singular. A diferenza dos anteriores, esta trazado non conclúe en Compostela, senón que parte precisamente da cidade do Apóstolo para permitir aos peregrinos visitar a Costa da Morte e coñecer dous lugares repletos tamén de simbolismo. Fisterra foi xa considerado en tempos dos romanos como a fin da terra e o seu Cabo foi por iso un destino de peregrinación anterior mesmo no tempo á propia Compostela. Muxía e o seu famoso santuario da Barca están intimamente ligados a Santiago debido a que segundo a lenda a Virxe aparecéuselle alí en vida do Apóstolo nunha embarcación de pedra para darlle ánimos cando este se atopaba evanxelizando a Península. Ames, Negreira, Mazaricos e Santa Comba son os municipios que os peregrinos percorren antes de chegar a Dumbría, onde deben decidir se se dirixen cara ao cabo fisterrán ou cara ao santuario muxián.

 

E se queres acceder a máis información pormenorizada de cada ruta, as súas etapas, atractivos e particularidades non dubides en visitar a web www.caminodesantiago.gal

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará