Percorrido polas antigas capitais do Reino de Galicia

A Galicia que coñecemos hoxe ten catro provincias. Mais, facendo un pouco de historia, no Reino de Galicia, o primeiro de Europa, tivemos sete provincias con cadansúa capital ata hai ben pouco (1833). Que tal se facemos un zoom e damos unha volta por elas? Comecemos polas que hoxe xa non son capitais.

Betanzos. É o núcleo dunha extensa comarca, rica en vide e produtos da horta. Disto temos mostra nos mercados semanais e nas feiras tradicionais do 1 e o 16 de cada mes.

No casco histórico é de visita obrigada a igrexa de San Francisco, onde está o sepulcro, sostido por un oso e un xabaril, de Fernán Pérez de Andrade «O Boo». Alí tamén están a igrexa de Santa María de Azogue, a de Santiago, a Praza da Constitución, a Casa do Concello, os Pazos de Bendaña e Landós, ou a Ponte Vella sobre o Mandeo.

No século XX, os irmáns García Naveira, á volta de facer as américas, impulsaron o crecemento da cidade; de feito, a praza central e numerosas institucións levan os seus nomes. Tamén construíron o Xardín do Pasatempo, curioso parque temático de época.

Polo San Roque, podemos asistir ao lanzamento do globo de Betanzos ou á jira dos Caneiros polo Mandeo. E por suposto, hai que probar a tortilla de Betanzos.

Mondoñedo. Como dicía Cunqueiro, Mondoñedo «é rica en pan, en augas e en latín». O latín ven da importancia eclesiástica: Real Santuario dos Remedios, igrexa de Santiago, o seminario… e a catedral, claro. Dinlle “axeonllada”, pois cando chegamos a ela da a sensación de que lle falta altura. As terras de Mondoñedo tamén son coñecidas como «Terras da Paula», que abranguen ata onde pode escoitarse a «paula», a campá máis grande da catedral.

Unha zona pintoresca é o Barrio dos Muíños, ás beiras do río Valiñadares. Agora moitos son obradoiros artesanais, algúns abertos ao público. O río pode cruzarse pola Ponte do Pasatempo, onde retiveran a Isabel de Castro co indulto do seu home Pardo de Cela, polo que non chegou a tempo de evitar a morte do mariscal e mailo fillo.

A contorna é rica en castros, petróglifos, fervenzas e ata covas, como a do Rei Cintolo.

Ah, e temos que probar a tarta de Mondoñedo, inventada polo famoso Rei das Tartas, segundo el a partir dunha receita medieval.

Tui. A súa situación fronteiriza e a proximidade das vías marítimas e fluviais, ademais de facela branco de invasións, tamén lle deu un carácter especial. Por iso hai tantas murallas e patrimonio de orixes diversas, como o xudeo (incluso hai unha «ruta xudea»).

Na cidade monumental destaca a catedral, que posúe a primeira portada gótica de toda a península e o maior claustro medieval conservado de toda Galicia. Ao ser sé episcopal, igrexas non faltan: a de San Telmo (exemplo do barroco portugués), a capela da Misericordia, a de San Francisco, o convento das Clarisas (famosas polos riquísimos peixes de améndoa)…

Tui é porta de entrada do camiño portugués en Galicia. A Portugal está unida por dúas pontes, que cruzan a Valença do Minho, coa que compón unha eurocidade desde 2012. 

E non nos perdamos o paseo fluvial e unha andaina polo monte Aloia, o primeiro lugar declarado Parque Natural en Galicia .

Lugo. É a cidade máis antiga de Galicia, e conserva moitos restos do seu pasado. O máis importante, a muralla, do século III, a única romana conservada íntegra de todo o mundo. Ten a vantaxe de que podemos pasear por riba dela. Dentro fica o casco vello, coa Praza Maior, o Museo Provincial, a Casa do Concello, a catedral de Santa María… 

Na Idade Media foi centro de peregrinación, pois a catedral expuña, aínda hoxe, unha hostia consagrada as vintecatro horas do día (aparece no escudo da cidade e no do reino). No 1669 constitúese a ofrenda do reino de Galicia. Aínda se celebra e, cada ano, as antigas capitais participan na Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.

Fóra do centro, podemos camiñar pola beira do río, onde están as augas termais e a ponte romana que se cruzaba de camiño a Braga.

Ourense. Tamén coñecida como a cidade das burgas. Estas, xunto co Santo Cristo e a Ponte Vella, son os símbolos da cidade. Por certo, que ten sete pontes máis.

Paseando polo casco vello vemos a catedral de San Martiño, co seu Pórtico do Paraíso, que conserva a policromía orixinal; a igrexa da Trinidade; os conventos de San Francisco e de Santa Eufemia; a capela de San Cosme e San Damían, a casa do concello, o Museo Arqueolóxico…  e prazas con moito ambiente, como a praza Maior, a da Magdalena ou a do Ferro.

Pola marxe dereita do Miño podemos facer o paseo termal, onde van aparecendo termas para todos os corpos (con temperaturas desde 41 a 72 graos!).

A Coruña. Nesta península en pleno Atlántico, vaiamos por un lado ou outro sempre nos atopamos co mar. Ben se ve camiñando polo paseo marítimo.

Desde a Torre de Hércules, o único faro romano conservado en pé, temos unha panorámica da cidade e das rías de Ares, Sada e Ferrol, e de Malpica e As Sisargas. Disque con boa vista ata se albisca Irlanda. Outro miradoiro é o do Monte de San Pedro, onde, ademais de imaxinar Irlanda, podemos chegar a ver o Cabo Prioriño e o Prior.

Entre as paradas obrigadas están a Praza de María Pita, a Cidade Vella, A Mariña coas galerías ou o castelo de San Antón. 

Dun tempo a esta parte tamén é cidade de museos científicos (Aquarium, Casa das Ciencias, Domus). E ten variada oferta de ocio e cultura.

Santiago. E deixamos para o final a que hoxe é capital de Galicia. Aquí remata o camiño. Aquí chegan todas as frechas amarelas. Precisamente no centro da praza do Obradoiro está o Km 0 de todos os camiños a Santiago. A praza está rodeada de edificios monumentais ademais da catedral, como o pazo de Xelmírez, o de Rajoy, o Hostal dos Reis Católicos, o reitorado.

Fóra da praza, a cidade sigue monumento tras monumento: San Martiño Pinario, Casa da Parra, Praza da Quintana… Ademais, mestúranse en zonas cheas de ambiente, como a rúa do Franco ou do Villar.

Temos boas vistas desde a Ferradura, o Campus Sur, Belvís, Bonaval, ou mesmo desde os tellados da catedral. Máis lonxe, no Monte Pedroso ou no Gaiás. E, para máis paseo, unha andaina pola beira do Sar ou do Sarela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *