Con tanta costa que hai en Galicia, uns 1.500 km, a variedade de cantís e praias, moldeados con personalidade polo Atlántico e o Cantábrico, da para moita andaina. Amosamos aquí algúns paseos para deixarse levar polas vistas (coidado, non acabemos na auga…). Tres exemplos na provincia de Pontevedra, na de Lugo e na da Coruña.
Paseo do Monte Boi, Baiona. Este monte está na península de Monte Boi ou Monterreal, unha vixía perfecta no Atlántico. Pola súa situación estratéxica, ao longo do tempo tivo moitos asentamentos. Hoxe en día fican os restos da fortaleza de Monterreal, de entre os séculos XII e XVI. No século XX tamén foi renovada, e agora abeira un parador nacional. O paseo bordea o perímetro da fortaleza, ou sexa, da península, co que vamos de cara ao Atlántico todo o tempo. Por un lado acompáñanos a costa de Nigrán, por outro as Cíes e, máis aló, moito máis aló… América. O percorrido comeza na praia da Cuncheira e remata na da Ribeira, ou viceversa, claro. No camiño, podemos ver as tres torres de vixilancia que se manteñen en pé: a Torre do Reloxo, que era a que daba o sinal de alarma en caso de ataque, a Torre da Tenaza, que defendía o porto coas baterías de tiro, e a Torre do Príncipe, que foi nun principio un faro. No traxecto, de 2 km, pasamos tamén por varias praias e mesmo por unha antiga cetárea.
Sendeiro das Pedras Negras, O Grove. O paseo sae do porto deportivo de San Vicente do Mar, e vai case todo por pasarelas de madeira á beira do mar, pegadas ás rochas. Seguindo o bordo do mapa pasamos polas praias de Pedras Negras, Farruco e A Barrosa, e por algunha cala pequena. Temos bancos onde descansar e gozar das vistas, coas Ons diante. O paseo remata na praia Canelas, despois de 3,2 km.
Da factoría Massó á praia de Liméns, Cangas. Dentro da senda costeira de Cangas-Donón, dun total de 23 km, podemos facer este tramo máis pequeno, de 3,8 km. Comeza na antiga fábrica de Massó. Avanzamos ata a Lagoa de Congorza, con gran riqueza biolóxica, especialmente de aves acuáticas. Seguimos pola praia do Medio, a praia de Areamilla, As Furnas, cun miradoiro e bancos onde descansar, o areal de Santa Marta e a gran praia de Liméns, última parada, coas súas dunas e piñeiros.
Da Rapadoira a Llas, Foz. Aquí respírase o Cantábrico de fronte. Este paseo, de 2,5 km, sae do porto de Foz e vai bordeando os cantís até a praia de Llas. Tamén ten bancos e miradoiros, e mesmo unha ponte de madeira sobre o mar, desde a que case parece que vaiamos saír voando como gaivotas. En todo o percorrido sucédense puntas e calas: Punta do Cabo, Punta do Corno, Cala de Ronqueira…
Paseo pola Punta Socastro, O Vicedo. A ruta iníciase no aparcamento, 1,9 km antes de chegar á punta. Comeza sendo unha pista entre piñeiros e eucaliptos, e deseguida albiscamos o remate, no famoso Fociño do Porco, fronte á ría de Viveiro. Ata aí lévannos unhas pasarelas de madeira que dan mil voltas, con bastantes chanzos. Ollo, que en época alta hai que pedir cita para pasear por aquí, porque se non se abarrota.
De punta Morán á praia de Sucastro, Xove. Nesta zona do Cantábrico abondan as illas pequenas. Aquí temos os illotes Farallóns ao leste e ao oeste As Salseiras e o illote de Ansarón, con moitos corvos mariños e gaivotas. Os cantís de Morán tamén son coñecidos como os Cantís de Papel, polas formas que fixo neles o mar, que os deixou como papeis engurrados. En 2 km plantámonos na praia de Sucastro. Queremos máis? Pois veña, en 5 km máis estamos na Punta Roncadoira e o monte Castelo, cos seus bancos de Nacente e Poñente.
De Santa Cruz a Santa Cristina, Oleiros. Comezamos no porto de Santa Cruz onde, por certo, tamén podemos cruzar até a illa de Santa Cruz e dar un paseo polo seu perímetro. Volvendo ao porto, entón, seguimos a andaina até unhas escaleiras, que nos levan ao parque As Galeras. Aquí hai unha extensión de campo e árbores para pasar o día enteiro, con panorámicas da enseada de Santa Cruz ata Mera e da Coruña. Por alí baixamos até a praia Grande de Bastiagueiro e logo subimos ata o miradoiro do parque Nirvana. Saíndo do parque, baixa unha rúa cara o paseo de Santa Cristina, onde remata a ruta. En total, 4,38 km.
Da praia de Area Maior a Santo Hadrián, Malpica de Bergantiños. O camiño comeza no paseo marítimo de Malpica. Despois de bordear a praia de Area Maior, imos ascendendo pouco a pouco até ter unha boa panorámica do conxunto. Dende aquí, imos até a praia da Seaia. E volta a subir, até a fonte Navenllos. E, máis arriba aínda, e chegamos á ermida de Santo Hadrián dos s. XVI-XVII, (renovada no XX) e á fonte do santo, que dín que é milagreira. Como vemos, imos pola beira de mar e logo tomamos distancia, ao longo de 3,6 km. Se nos animamos, podemos seguir o Camiño dos Faros, que remata en Fisterra, en fin, xa serían 200 km…
Da praia de Mar de Lira a Portocubelo, Carnota. Este é un paseo curto, de 1,13 km, mais intenso. As vistas son variopintas: temos diante o monte Pindo; ao noroeste, a ría de Corcubión e as illas Lobeiras; máis aló, Fisterra e, xusto diante, unhas fantásticas vistas da praia de Carnota. O camiño discorre por unha plataforma de madeira e remata no peirao de Portocubelo, unha aldea mariñeira con moito sabor. Tamén podemos seguir ruta até o faro de Lariño, se queremos ter outra perspectiva da paisaxe.