Parque Forestal do Monte dos Pozos

Situado na parroquia de Santo André de Valadares, no concello de Vigo, o Monte dos Pozos é un miradoiro e unha área verde e recreativa que ofrece espectaculares vistas de grande parte da cidade, a ría e as Illas Cíes desde os seus 397 metros de altura. O dos Pozos forma parte da Serra do Galiñeiro, un conxunto montañoso que pasa polos concellos de Vigo, Gondomar, O Porriño, Mos e Tui, formando unha non moi pronunciada diagonal NO – SL no sur da provincia de Pontevedra. Alén do Galiñeiro (máxima altura da cadea cos seus 711 metros), na serra que leva o seu nome tamén se destacan o monte Aloia, parque natural, e os vigueses Alba e O Cepudo, que ao igual que o mesmo Monte dos Pozos, forman un parque forestal e serven de perfectos miradoiros. 

O Parque forestal do Monte dos Pozos, que ten 11 hectáreas de extensión, conta cunha lagoa artificial na que viven peixes e algúns parrulos que son alimentados a diario polos donos do único restaurante do lugar. Unha ponte de madeira cruza a lagoa, na que desemboca, tras algunhas curtas fervenzas, un regato pequeno. No parque hai colocados varios bancos e mesas de pedra para uso dos visitantes. A maioría das árbores que poboan o monte son piñeiros, sendo a excepción a vexetación ribeirega. 

É un lugar axeitado para que os nenos contacten cunha contorna monte sen irse moi lonxe da cidade. 

A día de hoxe, o Monte dos Pozos é un dos mellores miradoiros da cidade de Vigo, provisto con bar e restaurante, mesas e até barbacoas. Trátase dun espazo natural que permite a recreación dos visitantes, que se poderán deleitar ollando a cidade, a ría e as Cíes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *