Din que a invasión francesa a comezos do XIX, primeiro, e os ecos das Guerras Carlistas, despois, deixaron unha pegada tan fonda nas terras do Ulla que os seus habitantes acabaron por integrar os vistosos uniformes militares da época na única festa que, naquel tempo, os pobres se podían permitir: o Entroido. Probablemente ese pasado bélico estea na orixe dos Xenerais da Ulla, os personaxes máis característicos do Carnaval nos concellos da conca baixa do terceiro río máis importante de Galicia.
Os xenerais percorren nos días de Entroido as parroquias dos concellos coruñeses de Boqueixón, Santiago de Compostela, Teo, Touro e Vedra; e dos pontevedreses de Vila de Cruces, A Estrada e Silleda, todos eles á sombra do impoñente Pico Sacro. Locen un espectacular traxe no que destaca un altísimo gorro bicorne, decorado con plumas de cores e, nos mellores deseños, de pavo real. A chaqueta é escura e está habitualmente inzada de galóns, medallas e adornos dourados, e cinguida ao corpo cunha faixa vermella e unha bandeira. Estes traxes son moi valiosos, e non é estraño ver aos xenerais viaxando de parroquia en parroquia cun sombreiro máis sinxelo, para preservar a integridade do principal.
Os Xenerais da Ulla cabalgan a lombos de monturas tan ben amañadas coma eles mesmos. Os cabalos, excepcionalmente coidados, adórnanse tamén con plumas e arreos especiais. En moitos deles destaca unha peza de espello fixada sobre a cabeza.
Xunto aos xenerais viaxan de aldea en aldea os chamados correos, normalmente mozos e mozas vestidos de maneira algo máis modesta, con gorro circular e campaíñas colgando tanto do traxe coma dos arreos do cabalo. Estas figuras son as encargadas de anunciar a chegada dos xenerais ás parroquias e de asistir aos personaxes principais. Tamén vai na comitiva unha persoa que porta unha caixa de madeira na que os veciños introducen cartos. Para que?
As achegas fanse para que os xenerais, chegados á porta dunha casa, se deteñan a dar “vivas”, é dicir, a pronunciar, espadín en alto, palabras eloxiosas para o doador e a súa familia. Os “vivas” son habitualmente o preludio dos combates nos que se miden os xenerais: os atranques.
Son estas lizas puramente dialécticas, nas que dous xenerais se enfrontan cara a cara con rimas enxeñosas dirixidas a burlarse do opoñente, axitando con desenvoltura o espadín e poñéndose moi tesos sobre a sela. Nelas non é infrecuente que se comenten os asuntos veciñais e políticos que marcaron o ano pasado. Desde hai bastantes anos existen xenerais de ambos os dous sexos, e todos eles demostran unha gran pericia verbal nesta sorte de regueifas a cabalo.
A tradición do Entroido é moi rica na comarca da Ulla, e a estas personaxes principais acompáñanas, segundo o concello, outras figuras tradicionais, coma o rei e a raíña (vestidos de xeito similar a xenerais e correos, pero que viaxan a pé), o Demo (particular e único, pois só se atopa na aldea teense de Reis), os coros, ou as comparsas montadas en peculiares carrozas artesanais.