Os miradoiros máis espectaculares de Galicia

Non fai falta escalar montañas altísimas para deixarnos levar pola emoción da paisaxe. En Galicia temos moitas ventás á contemplación, lugares deses nos que nos sentimos trascendentais e á vez parte da natureza. E onde parece que os mapas se fan realidade.

Hai moitos miradoiros e, aínda que os máis coñecidos sexan os que dan ao mar, nas montañas do interior tamén podemos gozar de vistas incríbles. 

En canto á costa, se empezamos polo Cantábrico, na ría de Viveiro dispárase cara ao mar a Punta Socastro. Talvez coñezámola por outro nome menos fino: O Fuciño do Porco. Por este saínte entre as praias de Abrela e San Román, discorre unha pasarela polos cantís que nos leva mar adentro. Para situarmos, ao leste vemos o Illote da Gaveira, o Monte Faro e a praia de Area e a enseada de Esteiro, en Xove; cara ao oeste, a enseada da Pereira e a Illa Coelleira e, cara ao norte, o mar aberto.

O miradoiro do faro do Cabo Ortegal, ante as rochas máis antigas da terra, tamén é impresionante. Está no concello de Cariño, e delimita a ría de Ortigueira. Desde o miradoiro, no propio faro, vemos de fronte os illotes dos Aguillóns; ao leste, Estaca de Bares; ao oeste, a Punta do Limo e Vixía Herbeira. Ademais da impresión das vistas, sobrecolle saber que estas rochas de granito negro se formaron a partir de magma nas tripas da terra hai millóns de anos. Por certo, tamén é un bo lugar para a ornitoloxía.

Moi preto de alí, en Cedeira, a menos de 15 km, podemos gozar das vistas desde os cantís máis altos de Europa no miradoiro de Vixía Herbeira, antigo emprazamento de vixilancia costeira. Desde alí, se ollamos cara á esquerda (o sur) vemos Punta Tarroiba e Punta Balteira; Cedeira e parte da súa ría e, os días despexados, Punta Frouxeira, Cabo Prior e As Sisargas. E, á dereita (o norte), as Puntas de Cadro e do Limo e, ao pé do cantil, as Illas Gabeiras. Aquí un día de vento hai que agarrarse a algo, non vaiamos saír voando. 

No concello de Dumbría, na comarca de Fisterra, hai un porto de montaña, frecuentado por ciclistas esforzados, con vistas das boas, tamén. Trátase do miradoiro de Ézaro. Desde o alto, podemos contemplar a punta do Cabo Fisterra, as Illas Lobeiras, a desembocadura do río Ézaro, o monte Pindo (o «Olimpo Celta») e o encoro de Santa Uxía, case nada.

Na Guarda, na provincia de Pontevedra, érguese o monte de Santa Trega. Todo el ten puntos desde os que contemplar a paisaxe, mais podemos subir ao máis elevado: O Pico de San Francisco. Chámase  así porque está orientado cara ao illote da Ínsua, onde vivían monxes franciscanos. No alto, miramos a desembocadura do Miño, Portugal, o val do Rosal e o mar, claro. Na ascensión gozamos das vistas da citania de Santa Trega, un dos exemplos de cultura castrexa-romana máis importante de Galicia.

Outro pico de altura é o Monte Picudo. No alto está o chamado miradoiro Pico da Muralla, na confluencia dos concellos de Lousame e Rianxo. Aquí, grazas a unha recente plataforma de madeira que nos eleva sobre o aire, gozamos dunha panorámica perfecta sobre a ría de Arousa, a de Muros, a de Noia, Santiago de Compostela e, nun día solleiro, ata das Illas Cíes. 

Se tiramos cara ao interior, xa non temos a inmensidade do océano, aínda que tamen haxa auga, mais aí están as montañas e os ceos, outra inmensidade. Pena Trevinca, no concello da Veiga, na comarca de Valdeorras, é o punto máis alto de Galicia (2.127 m!). Ao ter tanta altura, tamén ten miradoiros dispersos polo percorrido. Algúns deles, como O Rañadoiro ou As Tablillas, son destino astroturístico, ideais para contemplar a paisaxe celeste.

A Ribeira Sacra ten miradoiros para dar e tomar. Un dos máis concorridos é o miradoiro dos Torgás, popularmente coñecido como Os Balcóns de Madrid, desde onde cruzaban o río os que ían traballar a Madrid, xeralmente de barquilleiros. Na outra beira, desde Monforte, collían o tren á capital. As varandas dispostas para non caer abaixo semellan balcóns. Atópase en Parada de Sil, en Ourense, no camiño que vai desde Parada ata o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. Segundo o despexado que estea o tempo, podemos ver o Santuario de Nosa Señora de Cadeiras e Monforte de Lemos, ademais dos vertixinosos canóns e bancais do Sil, claro. 

E para rematar, que tal un pouco de relax con vistas inmellorables? Na Illa de Monteagudo, no arquipélago das Cíes, podemos subir ata o Alto do Príncipe e descansar do sendeirismo na Cadeira da Raíña (todo queda na realeza). Desde o trono, vistas á praia de Rodas, á Illa do Faro e ao Atlántico. Iso sí, branda non é, pois é deseño do vento en plena rocha. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *