Os mellores paseos urbanos

Hai lugares dentro da cidade que nos sacan do balbordo do tráfico e demais e nos fan sentir que estamos moito máis lonxe. Emporiso, son rutas que empezan aquí mesmo, cabo da rúa, só hai que descubrilas.

Paseo da Malata, Ferrol. Este paseo circunvala toda a enseada da Malata ao longo duns 2 km. É moi plano e liso, e ten carril bici. Podemos saír mesmo desde o Porto de Curuxeiras e rematar na praia da Cabana. Neste pacífico recuncho da ría de Ferrol está a cidade deportiva e o recinto ferial de Punta Arnela. Tamén pasamos pola antiga cetárea a carón da praia da Cabana. Desde alí, na beira oposta vemos o barrio de Canido, o porto comercial e a zona militar da Graña. 

Paseo do río Rato, Lugo. O traxecto comeza na ponte da Chanca, e vai pola beira do Rato, ás veces en zona de bosque, de campo aberto ou de horta. Tamén ten carril bici. Polo camiño temos bancos, fontes e moita vexetación e fauna: rás, patos, garzas… Lembremos que estamos na Reserva da Biosfera Terras do Miño, e precisamente neste paseo se atopa o Centro de Interpretación, no antigo Muíño do Tendeiro, onde podemos visitar a exposición e informarnos das actividades que se realizan na reserva. Un pouco máis adiante remata este paseo de 3,4 km. O río Rato vai dar ao Miño preto da ruta así que, se temos ganas de máis quilometraxe, sempre podemos estirala pola beira do Miño.

Parque dos menhires e Torre de Hércules, A Coruña. O paseo vai reseguindo a costa, na que a protagonista é a Torre de Hércules. Achegámonos á punta Robaleira e a punta Herminia, nunha paisaxe que combina o campo verde, o mar azul e a branca escuma rompendo nas rochas, coa torre sempre presente, e o Golfo Ártabro diante. Un escenario perfecto para as esculturas que nos mos atopando no camiño, como Familia de menhires de Manolo Paz, Monumento aos fusilados de Díaz Pardo ou Breogán de Xosé Cid. Aquí temos moitas opcións para tirar por un camiño ou outro. Se facemos o paseo circular desde os menhires, son 4,1 km.

Senda fluvial do Lérez, Pontevedra. Este percorrido circular comeza na ponte peonil sobre o río, no campus universitario. Camiñamos pola beira do río e pasamos pola praia fluvial e unha zona de merendeiros até chegar ao antigo Balneario do Lérez, de principios do século XX, cun pasado moi notable, que hoxe conserva o edificio principal coa fonte de augas medicinais no interior. Desde aquí, cruzamos a ponte e comezamos o camiño de volta que, despois dun pequeno tramo un pouco máis estreito e accidentado, se converte nun camiño moi cómodo. O percorrido é de 6 km en total.

Paseo do Lagares, Vigo. Nunha cidade como Vigo, sorprende que a pouco que avancemos esteamos na aldea. É un encanto que ten. Este paseo, de facelo enteiro, comeza na avenida de Madrid e remata en Samil. A lonxitude total é de 8 km, mais podemos facer un tramo máis pequeno. Por exemplo, o que vai de Sárdoma a Castrelos. O percorrido arranca na ponte medieval da parroquia de San Pedro de Sárdoma. Despois de cruzala, o paseo transcorre pola beira do río, moitas veces entre edificios. Cando chegamos a Castrelos podemos aproveitar para descansar no parque e visitar o Museo Castrelos, cunha colección arqueolóxica e artística moi importante. Este percorrido é de 2 km. Si seguimos o paseo, máis alá de Balaídos, cruzamos as xunqueiras do Lagares até chegar a Samil.

Da ponte Vella a Outariz, Ourense. Aínda que o paseo termal do Miño é máis amplo, esta ruta, máis pegada á cidade, de 4 km máis ou menos, vai desde a Ponte Vella até as termas de Outariz. Despois da ponte romana, seguimos pola ponte do Milenio e, situándonos na marxe dereita do río, imos dar ás augas termais da Chavasqueira e, a continuación, do Tinteiro e o Muíño da Veiga, un pequeno exemplo da riqueza termal de Ourense. A ruta é lineal e abrangue 4,7 km.

Paseo polo río Sarela, Santiago de Compostela. Hai un paseo máis longo que circunvala Santiago, mais este é un tramo duns 3 km, que vai de Galeras a Sarela de Abaixo. Comeza ao pé do monte Pío, cruzando o parque de Galeras. Seguimos o curso do Sarela, afluente do Sar, e chegamos a Carme de Abaixo. Nótase que estamos en Santiago, xa que aquí atopamos una capela barroca a unha ponte do século XVI, nunha bonita paraxe. Neste punto, o urbano vólvese cada vez máis rural. Despois, pasamos pola ponte Sarela, onde os peregrinos tiran para Fisterra. Síguenlle os muros do pazo de San Lourenzo de Trasouto, que bordeamos. E, cando chegamos á rúa Bidueiro, é o fin do traxecto, xa no lugar de Sarela de Abaixo. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *