Os bambáns con mellores vistas de Galicia

Nos últimos anos, e grazas á influencia de redes sociais coma Instagram, popularizáronse en Galicia bancos e bambáns situados en lugares con vistas únicas do país. Esta tendencia comezou co autoproclamado “mellor banco do mundo”, situado en Loiba, Ortigueira, que permite a perfecta observación dos acantilados que entran no Cantábrico galego. Dende a súa inauguración hai máis xa dunha década, dado o seu éxito como reclamo turístico, moitos concellos e particulares lanzáronse a colocación de bancos nalgúns dos emprazamentos máis fermosos de Galicia. E non se tratou só de bancos, tamén se instalaron bambáns, que son aínda máis fotoxénicos. Estes son os que mellores vistas ofrecen.

Na Ribeira Sacra, na provincia de Lugo, atópase o Bambán da “Adega Terra Brava”, parroquia de Doade, concello de Sober. Debido á súa colocación na ladeira, parece que os que suben neste bambán poden case que sobrevoar o canón do río Sil, cos seus dous escarpados lados cheos de viñedos e bosques, unha paisaxe idílica. Trátase dunha atracción privada á que só se poderá acceder realizando algunha compra na adega. No mesmo territorio da Ribeira Sacra, en Nogueira de Ramuín, na provincia de Ourense, atópase o “Bambán do Solpor”, que se alza nun monte dedde o que se poden observar uns solpores espectaculares, como indica o seu nome. 

No sureste da provincia de Ourense, no concello de Vilariño de Conso, foi inaugurado este ano o “bambán máis alto de Galicia”, coa intención de atraer maior turismo e interese a unha zona do país para moitos descoñecida. Desde o bambán, a máis de mil metros de altura sobre o nivel do mar, as vistas do Parque Natural de O Invernadeiro e do Encoro das Portas son inigualables: montes arredondados e cobertos  de vexetación autóctona, atravesados por cursos de auga que se perden no horizonte. Ademáis, mediante un permiso que se pode obter online, os visitantes poden entrar no Parque Natural de O Invernadeiro, fogar de lobos, corzos e xabarís.  

Deixando xa o interior, en Marín destacaba polas súas vistas da ría pontevedresa o bambán da Praia do Santo. Desgraciadamente, a carriola en cuestión leva xa uns meses desaparecido sen causa aparente. Con todo, a Praia do Santo segue a ser unha ubicación privilexiada dende a que admirar grande parte da costa norte da ría: Poio, Sanxenxo, Portonovo, e até as Illas de Ons. Ademáis, cómpre aproveitar o día para visitar a fermosa praia de Lapamán, veciña da do Santo.

En Cambados, na ría de Arousa, hai outro bambán na praia, na Praia de Espiñeiro. Está colgado das pólas dunha árbore, nun lugar ideal para ollar ben as marismas do Umia e todo o fin da ría. No Sur, no concello de Nigrán, no alto de Monteferro, atópase aínda outra carriola, que nesta ocasión apunta para as Illas Cíes, permitindo aprezalas dende un punto de vista diferente ao das postais, dende un monte que se rompe en acantilados até o mar.

E, na fronteira con Portugal, en Tui, hai no paseo fluvial un bambán fronte ao Miño que tamén se converteu recentemente nun imán de turistas e “instagramers”. Alén da panorámica do Miño, a característica máis distintiva desta carriola é o feito de que está dentro dunha gaiola branca, o que lle outorga un aire nostálxico, romántico e elegante perfecto para as fotos.

Os bambáns colocados en lugares fermosos, de vistas únicas, ideais para ser fotografiadas, son un éxito turístico asegurado en Galicia, polo menos nos últimos anos. A  competencia por ofrecer a mellor composición, a mellor postal, e así como os diversos títulos e reclamos empregados para atraer a atención da xente, dánlle un aire particular e divertido a esta moda, que proba que a beleza natural galega tamén puede ser tendencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *