Oito miradoiros con estilo

Para gozar dunhas boas vistas, contamos cunha morea de miradoiros en puntos estratéxicos da paisaxe galega. Algúns deles aportan un atractivo engadido, normalmente unha peza escultórica que harmoniza coa paisaxe, e que os converte en lugares especiais, deses que non se esquecen. Aquí amosamos, de norte a sur, oito exemplos destes miradoiros con estilo:

Na cidade da Coruña, as vistas máis coñecidas son as panorámicas desde a Torre de Hércules e o Monte de San Pedro mais, na zona do Portiño, no bordo do Paseo Marítimo, hai un bo motivo para facer un alto no camiño: a Fiestra aberta ao mar. É unha obra en granito de Francisco Pazos. Lembra o marco dunha ventá coa súa contra abatida e todo. Tres chanzos dan paso ao van, que enmarca un anaco do Atlántico. Diante vemos as Illas de San Pedro, arquipélago de pequenas illas (O Vendaval, O Pé, O Aguillón) e varios illotes. E mar e ceo.

Ás veces parece que algún xigante ou xiganta despistada deixara algo esquecido no seu paseo. Por exemplo, en Arteixo, alguén deixou uns anteollos, dos de “terra á vista”, de 15 m de longo! Por sorte para nós, veñen acompañados dunha cadeira ben alta, coma as dos socorristas, para poder botar unha ollada. En realidade, trátase dun conxunto escultórico, obra de Enrique Saavedra Chicheri, titulado Monumento ao Voyeur, aínda que é coñecido como O Vixiador. Está no alto dun saínte de rochas que nos atopamos no paseo marítimo de Sabón. Se sentamos na cadeira e apuntamos a ollada, vemos un círculo co horizonte: Atlántico á vista!

Un dos miradoiros máis recentes é o da Cidade da Cultura, no Gaiás, en Santiago. Alí, no Bosque de Galicia, está instalado o grupo escultórico Espellos, de Manolo Paz. Outra vez os xigantes deixando… rosquillas? Non… En realidade son dous grandes cilindros de pedra, da canteira de Lamas de Abade, para máis información. Co uso do dobre arco e a disposición das pedras, lémbranos ás construccións do Camiño de Santiago: muros, arquitectura románica… levándonos á conexión entre a Cidade da Cultura e o Camiño (lembremos que a Vía da Prata ten un tramo paralelo ao Gaiás). E ao asomarnos entre as pedras, enmarcada na elipse, a meta do camiñante: a catedral. 

Se na Coruña tiñamos una fiestra ao Atlántico, en Noalla-Sanxenxo, na provincia de Pontevedra, temos unha Porta ao Océano. Noalla-Sanxenxo… Non é onde está o famoso banco? Certo! Pois para completar o mobiliario, agora toca a porta. Esta porta é un marco branco feito de madeira de carballo, estratéxicamente situado na Punta Faxilda. Os creadores son os mesmos veciños de Noalla-Sanxenxo que fixeron o banco. Nesta ocasión, á vez que dan unha pista para a contemplación dos mellores solpores, fan referencia á lenda popular do lugar. Xusto desde aquí, na zona máis próxima á illa de Ons, nas noites sen lúa, saía a Santa Compaña, que viña do Monte do Faro, cara a illa. E como cruzaba? Pois resulta que aparecía unha porta que a levaba por riba do mar até as praias de Ons, onde a comitiva desaparecía baixo terra no cemiterio de Canexol. Lendas aparte, desde aquí temos unha vista inmellorable do océano e as illas (Ons, Sálvora e as Cíes nos días claros). Polo momento, non se sabe de ningunha viaxe na porta nova…

Tampouco se sabe que haberá dentro do Monte do Faro, en Domaio, pero no miradoiro do cumio saen dúas mans de xigante do chan. As Mans do Monte do Faro foron talladas en madeira a base de motoserra, por José Antonio Fervenza “Yosi”, tamén coñecido como “Yosi aizkolari”, de Moaña. As mans están en postura de recibir, xa que fan de cómodos asentos e, ademais, xiratorios. Unha leva reloxo e todo, da marca “taller Yosi”. Aquí non é nada cansado contemplar vistas, que abranguen toda a ría de Vigo, desde Redondela ás Cíes, Vigo, a ponte de Rande, Baiona, Cabo Home e Silleiro, Moaña e Cangas.

E se buscamos vistas da Costa da Vela, das Cíes, e de Ons, un lugar ideal para atopar o encadramento perfecto é a Caracola de Cabo Home, en Cangas, no alto do Monte do Facho. Esta buguina xigante está feita dunha estrutura de aceiro, como se estivese debuxada no aire, que deixa espazo á vista e ao movemento. Pensada para escoitar o mar desde dentro da caracola. É unha obra de Lito Portela, coa que intentou facer unha intervención sutil na paisaxe e no enclave axeitado para que no solpor o sol encaixase xusto no centro da espiral. E parece que o conseguiu.

Un clásico do Val Miñor é o miradoiro da Virxe da Rocha, no alto do Monte Sansón, en Baiona. O monumento inaugurouse en 1930. A escultura, feita en granito sobre as rochas do monte, foi deseñada por Antonio Palacios. Ten 15 m de alto, e representa á virxe cunha barca na man dereita. A cuberta da barca constitúe o miradoiro, ao que se accede por unha escaleira de caracol interior. A cara e as mans da virxe son de mármore branco, feitas por Ángel García Díez. A coroa é de porcelana. Esta escultura, ademais de ser un miradoiro, foi concibida como punto de referencia para os navegantes. Desde arriba vemos Baiona, as praias de Nigrán e até as Cíes. 

Máis ao sur, temos outra perspectiva de altura, onde hai que andar con bastante cautela, por certo, para non caer a rolos. No concello do Rosal, no Monte Torroso, a carón de Santa Trega, nunha zona chea de petróglifos, o século XXI tamén deixou a súa pegada nas rochas. Neste monte, os perfís das grandes pedras foron aproveitados para labrar rostros fantásticos, que nos acompañan ante a panorámica que temos diante: A Garda, Oia, Cabo Silleiro, desembocadura do Miño, Cíes e, cara ao interior, O Val do Miño. As Esculturas de Monte Torroso son obra de Pepe Antúnez Pousa, Félix G. Hidalgo e Alejandro Durán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará