O pergamiño Vindel no Museo do Mar de Vigo

“Ondas do mar de Vigo, se vistes meu amigo? E ai Deus!, se verra cedo?”. Estes son probablemente os versos máis coñecidos da lírica galego-portuguesa medieval. Escribiunos no século XIII Martín Códax e están contidos nun dos grandes tesouros da literatura galega de todos os tempos, o pergamiño Vindel. Este cancioneiro pode contemplarse ata o mes de marzo no Museo do Mar de Vigo, un espazo que xa por si mesmo merece unha visita.

O Vindel conecta a cultura galega co que foi o seu pasado máis brillante. Durante o século XIII varios trobadores e segreis como o propio Martín Códax, Afonso X o Sabio, Don Dinís, Airas Nunes ou Pero Meogo compuxeron ducias de cantigas que tiveron gran repercusión entre os poetas de media Europa. Estas composicións recollíanse en códices coma o agora exposto en Vigo.

Mais o Vindel ten unha característica que o fai único, máis alá da fermosura e calidade dos versos do seu autor: ademais da letra, o copista anotou a música que debía acompañar os poemas. A historia do cancioneiro é ben curiosa, pois foi un libreiro madrileño, Pedro Vindel, quen en 1914 atopou o códice envolvendo un libro de Cicerón do século XIV. Vindel mostroulle as cantigas a Víctor Said Armesto, experto en literatura medieval, que confirmou a autenticidade e transcendencia das sete cantigas contidas no pergamiño.

O libreiro vendeuno anos despois e o pergamiño Vindel iniciou un peregrinar que o levaría en mans privadas primeiro a Suecia e finalmente á Morgan Library de Nova York, onde se conserva desde 1977. De alí partiu por uns meses para regresar á terra na que se compuxo e da que falan as súas cantigas. Ata o momento, a obra nunca saíra dos andeis do museo neoiorquino. Esta é, polo tanto, unha ocasión única para ver un fragmento clave da historia de Galicia.

O pergamiño contén sete composicións e a mostra do Museo do Mar de Vigo baséase en cada unha delas para dividir a experiencia. Acompañado doutras pezas literarias medievais e actuais, o Vindel é a escusa perfecta para explorar como era a sociedade na época na que foi escrito. A exposición consta de máis de cincuenta esculturas sagradas, restos arqueolóxicos, pinturas e outros documentos que transportan ao visitante a unha ría de Vigo moi diferente da actual, pero igualmente rica e viva.

A exposición sobre o pergamiño Vindel é unha gran ocasión para visitar o Museo do Mar vigués, un edificio singular desde a súa concepción. Deseñado polos arquitectos Aldo Rossi, inicialmente, e César Portela, aproveita parte da antiga fábrica de conservas Alcabre-Molino de Viento, do século XIX, integrándoa nunha serie de edificios que toman a súa inspiración da nave industrial antiga. A través da exposición permanente é posible coñecer como o océano marcou a vida diaria desta parte de Galicia, das primeiras formas de pesca á industrialización actual, das técnicas sinxelas coas que se recollía o peixe ata non hai tanto aos grandes barcos conxeladores e as modernas tecnoloxías de envasado e conserva, nas que Galicia segue a ser punteira.

O conxunto atópase pegado ao mar, a unha pequena praia na que aínda traballan os pescadores como antano. Un dos seus maiores atractivos, que fará as delicias dos máis pequenos, é o seu acuario, no que se poden ver as especies que poboan o fondo mariño da ría: sargos, congros, rodaballos, sardiñas ou linguados comparten hábitat con lumbrigantes, centolas e estrelas de mar, demostrando a riqueza do “mar de Vigo” ao que Martín Códax lanzaba, hai 800 anos, preguntas imposibles de responder.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *