Ursaria, a Terra dos Osos. Este vello topónimo acode máis dunha vez á cabeza cando se percorren os arredores do Mosteiro de Oseira. Este cenobio, un dos máis espectaculares de Galicia, garda na súa contorna moito máis que arte e relixiosidade: os montes da Serra de Martiñá que a rodean preservan una biodiversidade que retrotrae aos tempos dos monxes medievais.
Oseira vese observada día tras día polo cumio severo da Pena Veidosa, un monte de 1.000 metros de altitude declarado Lugar de Importancia Comunitaria e percorrido por varios camiños. Son en conxunto máis de 2.000 hectáreas protexidas no corazón da Dorsal Galega, a cabalo entre o municipio de San Cristovo de Cea, no que se atopa o mosteiro, e o de Carballedo. A súa integración na Rede Natura 2000 débese á importancia da flora e da fauna que se gorece nestas lombas, ocupadas na metade da súa extensión por monte baixo.
A erosión producida polo vento, que sopra sen freo nas alturas da Serra, deixou nas zonas altas unha paisaxe característica marcada polos arbustos e os enormes bolos de pedra granítica que recordan en moitos casos os volumes dun castelo medieval. Entre os matos de monte baixo, o visitante pode observar, se ten fortuna, animais tan típicos da fauna galega coma corzos, paspallás, píntegas ou vacalouras, pouco frecuentes noutros montes; e, no ceo, os lagarteiros voando á busca de presas.
A riqueza paisaxística da Pena Veidosa é o contrapunto perfecto para o esplendor patrimonial do Mosteiro de Oseira, que leva sendo o centro espiritual e económico da zona desde hai preto dun milenio. O cenobio fundouno en 1137 un grupo de monxes que buscaban soidade nas abruptas ladeiras destas montañas. O propio topónimo indica que o lugar foi escollido pola inaccesibilidade: “ursaria”, palabra da que deriva o actual Oseira, fala dun territorio no que se escondían en tempo os osos, “ursus” en latín.
Oseira é un prodixio arquitectónico do estilo cisterciense. A igrexa é de comezos do século XIII. A sala capitular, xa do XV, ten unha estrutura desas que, unha vez vistas, xamais se esquecen, sostido o teito por columnas nervadas de fustes que se retorcen sobre si mesmos e coroados por arcos vexetais, case exóticos. A congregación viviu unha época de esplendor nos séculos finais da Idade Media, para despois, chegada a Moderna, encadear unha serie de desgrazas que estiveron a punto de clasurala. En 1552 un espantoso incendio danou gravemente todos os edificios, salvo a igrexa, e chegou a pensarse en trasladar o cenobio a outro lugar.
Porén, os distintos abades conseguiron financiamento (mesmo recorrendo á Coroa) para reconstruír o centro, dotándoo do robusto aspecto actual. Os fermosos claustros son proxectos levados a cabo entre os séculos XVI e XVIII, seguindo os estilos arquitectónicos de cada época. Practicamente abandonado desde a Desamortización de comezos do XIX, non foi ata os anos sesenta do século pasado que se empezou a restaurar sistematicamente.