O Ézaro, meca do ciclismo internacional

Son moitos os motivos para achegarse ata o municipio coruñés de Dumbría e gozar dun dos seus lugares máis emblemáticos: O Ézaro. A silueta dunha cima de lenda (o Monte Pindo) que se alza alén do leito do Xallas, a espectacular fervenza que este río traza para atoparse co océano Atlántico debullando unha paisaxe única en Europa, e as vistas que desde alí temos doutra paraxe tamén mítica (a do Cabo Fisterra) propician que este espazo se teña erixido nun dos principais polos de atracción para os visitantes que acoden á Costa da Morte. 

 

Ademais, nos últimos anos o lugar converteuse en meca de peregrinación para os afeccionados ao ciclismo, que non queren deixar pasar a ocasión de pisar o escenario das xestas protagonizadas polos profesionais deste deporte nas ramplas que ascenden ata o miradoiro do Ézaro. Con apenas dous quilómetros de lonxitude, pero cunha desnivel de case 270 metros, a estrada do miradoiro ten un pendente media que rolda o 15% e que alcanza no seu punto máis dramático un pico de case o 30% o que propicia que mesmo os deportistas máis experimentados teñan que levar o seu corpo ao límite para non botar o pé ao chan. 

 

Foi no ano 2012 cando La Vuelta a España se internou por primeira vez na  estremecedora ascensión dumbriesa e foi entón cando a cima inscribiu o seu nome no podio dos grandes cumes ciclistas. Joaquín Rodríguez inaugurou o seu palmarés impoñéndose a tres mitos do ciclismo mundial (Alberto Contador, Alejandro Valverde e Chris  Froome) e demostrando que destacar no Ézaro só está ao alcance duns poucos elixidos. Un ano despois, os ciclistas volveron a ese mesmo escenario, e aínda que non se detiveron alí debido a que a etapa continuou ata Fisterra, si volveron deixar imaxes para o recordo. E tres anos máis tarde a Volta escolleu de novo O Ézaro como meta dunha xornada tan agardada polo público como temida polo pelotón. Valverde e Froome volveron facerse notar, pero non puideron alcanzar ao francés Alexandre Geniez nin ao murciano Rubén Fernández, primeiro e segundo respectivamente, que aproveitaron as primeiras pedaladas da Volta daquel ano para buscar o seu anaquiño de gloria.

 

Este ano, a pandemia do coronavirus obrigou a atrasar as datas de La Vuelta, pero non variou o trazado das etapas así que o pelotón volverá visitar Dumbría en busca dun novo gañador para un cumio que o propio  Geniez definiu de forma gráfica tras o seu triunfo do 2016 como “un pequeno Alpe d´Huez” irmandando así O Ézaro cunha das montañas máis míticas do Tour de Francia e do ciclismo mundial. Será o 3 de novembro cando os ciclistas encaren de novo as ramplas do Ézaro. Nesta ocasión farano en formato contrarreloxo individual e o miradoiro dumbriés servirá de meta a unha etapa de 33,5 quilómetros de lonxitude que arrincará en Muros e que axudará a perfilar o gañador final da competición.

 

Ademais, ao amparo do interese suscitado por La Vuelta e da celebridade que cobrou o lugar naceu outra competición ciclista, neste caso de carácter popular, que contribuíu tamén a estreitar os lazos co deporte desta zona. Desde o 2015, o Gran Fondo Ézaro ven reunindo cada ano a máis dun milleiro de ciclistas para percorrer as estradas da Costa da Morte e atreverse coas ramplas do miradoiro. Afeccionados de todo o país e doutros moitos lugares teñen tomado parte xa nunha proba que chamou tamén a atención de grandes figuras do ciclismo xa retiradas da práctica profesional. Miguel Induraín, Claudio Chiappuchi, Alex Zülle e Tony  Rominger son algunhas das estrelas da bicicleta que reviviron no Ézaro escenas e duelos que forman parte xa da historia dese deporte.

 

Pero as de La Vuelta e as do Gran Fondo Ézaro non son as únicas bicicletas que visitan a zona. Moitos curiosos queren contemplar de preto as empinadas costas do Ézaro e numerosos ciclistas afeccionados atrévense a tratar de emular aos seus ídolos en calquera época do ano. Os propios responsables municipais constataron xa hai algo máis dun ano o impacto que a promoción a través do ciclismo tivera na chegada de turistas á localidade detallando que entre o 2012 e 2018 o número de persoas que se achegou pola oficina local de turismo pasou de 2.000 a 80.000.

 

O Ézaro é xa non só sinónimo de paisaxes sen igual, senón tamén de deporte, esforzo e capacidade de superación. E así o ratifica tamén a escultura colocada nas inmediacións de miradoiro e que nos lembra que as bicicletas son, por dereito propio, un habitante máis do lugar.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *