A historia de Galicia está intimamente ligada ao mundo do mar. A pesca e a construción naval impulsaron o desenvolvemento do litoral dende hai séculos dando forma a unha historia e a un patrimonio de gran valor. A súa conservación e difusión é o que propiciou a posta en marcha en numerosas localidades de toda a comunidade de museos nos que, ademais de preservar a cultura marítima, se dá voz aos veciños que dedicaron toda a súa vida ao mundo da pesca. Atrévete a coñecer os segretos mellor gardados das costas de Galicia visitando algúns destes recintos.
Museo do Mar de Galicia
O Museo do Mar de Galicia é un centro cultural e científico dedicado exclusivamente ao mar, sendo un interesante lugar para comprender a vinculación histórica dos veciños galegos co mundo marítimo. Inaugurado no ano 2002, atópase na punta do Muíño, na parroquia viguesa de Alcabre. O centro consta de 17.000 metros cadrados destinados á exposición permanente e a diversas mostras temporais de temas variados, pero sempre relacionados co mar. Este espazo, deseñado polo arquitecto italiano Aldo Rossi e o galego César Portela, consegue que o visitante poida descubrir moi de preto a actividade pesqueira e o seu desenvolvemento durante a historia, incluíndo os avances técnicos na bioloxía mariña e as embarcacións. O percorrido polas salas culmina cunha visita ao acuario do museo, onde se poden observar os ecosistemas que existen entre o peirao do recinto e a costa das Illas Cíes.
O museo está aberto todo o ano salvo os días 25 de decembro e 1 e 6 de xaneiro, nos que permanece pechado, e o 24 e 31 de decembro, nos que só abre pola mañá. Podes consultar os horarios completos así como as tarifas a través da súa web.
Museo da Salga
Situado en Punta Moreiras (San Vicente do Grove), este museo é un complexo composto por dúas antigas fábricas de salga. A máis antiga está totalmente habilitada para que os visitantes poidan ver os procesos de conservación da sardiña en salmoira que se utilizaban nos séculos XVIII e XIX. O percorrido pola nave, aberta ao público e con entrada de balde, está perfectamente explicado en paneis sitos nas diversas seccións. A segunda nave ten unha estrutura cun estilo máis moderno e foi edifiicado sobre as ruínas da outra máis antiga. Nesta salgadeira, que conta cun importante carácter etnográfico, atópase a exposición permanente na que se ofrece unha visión sobre a historia mariñeira da zona, ademais da arte da pesca e do marisqueo. Aquí se expón unha gran variedade de obxectos para que o visitante poida familiarizarse co mundo marítimo, como os distintos tipos de redes e as conservas. Podes consultar toda a información sobre os horarios e accesos a través da web municipal.
Museo do Mar de Rianxo
O Museo do Mar de Rianxo está situado nunha antiga vivenda coñecida como A Casa do Coxo que foi restaurada e que ten unha orientación fundamentalmente etnográfica e antropolóxica. Sito na praza de Castelao, as súas salas permiten ao visitante facer un percorrido polo modo de vida dunha vila mariñeira coas súas singularidades: a obtención de alimento do mar, a construción de barcos e as artes de pesca utilizadas. O museo consta de tres andares: o primeiro está composto por unha sala dedicada á recreación de embarcacións mediante maquetas, ademais dunha pequena biblioteca temática sobre o mar; a planta baixa acolle unha sala expositiva que achega ao visitante á realidade do mundo mariñeiro; e o soto recrea un obradoiro tradicional de pequenas embarcacións, con distintos paneis explicativos e as diferentes pezas e ferramentas que se empregaban. Pódese visitar de forma individual ou participando en percorridos guiados. Máis información na web https://omarfeitotradicion.gal/gl/museodomar.
Museo Mares de Cedeira
O Museo Mares de Cedeira xorde como unha iniciativa para poñer en valor o traballo realizado por todos os homes e mulleres do mar. Tamén ten como finalidade dar a coñecer as súas ferramentas de traballo e espallar a cultura mariñeira, que está tan presente nos nosos días. Deste xeito, a vila de Cedeira pode conservar a súa historia que, desde sempre, estivo ligada ao mar. Sendo un proxecto da Asociación de Mares de Cedeira, o concello e a confraría de pescadores, este museo garda innumerables pezas que forman parte da memoria do municipio. Embarcacións, motores, fósiles, cunchas… son elementos que, xunto coas aportacións propias dos veciños, foron quen de conservar unha longa tradición mariñeira. O museo conserva tamén tres embarcacións tradicionais que teñen moita importancia no patrimonio pesqueiro de Galicia: un bote de remos, unha lancha motora e unha dorna. Ademais, mostra coleccións moi singulares, como a das pezas dun buque que estivo presente no desembarco de Normandía. Está aberto de martes a domingo, pero con diferentes horarios segundo a época do ano. Podes consultar toda a información na súa web.
Museo Casa da Navegación de Baiona
Aberto ao público dsnde o ano 2005, o Museo Casa da Navegación de Baiona atópase no casco histórico deste municipio pontevedrés. Trátase dunha instalación municipal que contén unha colección sobre a evolución da Real Vila, destacando o importante papel que xogou o seu porto na historia da navegación atlántica. A súa colección permite ao visitante coñecer o legado histórico da zona a través de diversos elementos: os documentos antigos relacionados coa vila, as pezas recuperadas procedentes de intervencións arqueolóxicas e subacuáticas e a exposición de fondos propios, entre os que destaca a súa maqueta da Carabela A Pinta e as antigas lámpadas do faro Silleiro. A exposición está dividida en catro áreas temáticas e trece módulos, repartidos en dous andares: a planta baixa está dedicada á orixe e evolución da vila, mentres que a primeira ofrece información sobre o porto, ademais de sobre a arte e os perigos da navegación. Pode consultar a información sobre horarios e tarifas na web de turismo do Concello de Baiona.
Museo do Mar da Guarda
A Guarda ten un importante pasado ligado ao mundo da pesca que se pode observar na arquitectura do barrio mariñeiro e no seu Museo do Mar. Esta edificación, sita ao final do Paseo Marítimo da capital municipal, lembra a unha antiga fortaleza defensiva e agocha unha colección baseada na pesca de baixura tradicional. O museo conta con dúas coleccións: unha etnográfica (contén unha mostra das antigas artes de pesca) e outra malacolóxica (conten unha sección de cunchas do mar procedentes de distintas partes do mundo). Pódese visitar as fins de semana e festivos desde febreiro ata a ponte da Constitución. Máis información na web https://www.turismoaguarda.es/gl/museo-del-mar/.
Museo do Mar de Laxe
O Museo do Mar de Laxe, localizado nun inmoble de elevado interese arquitectónico tradicional, está integrado no casco histórico da vila de Laxe. O seu contido céntrase principalmente no patrimonio antropolóxico, visual e histórico (desde finais do século XIX ata finais do XX) dese municipio da Costa da Morte, da comarca da que forma parte, Bergantiños. e da veciña Terra de Soneira. Inclúe tamén un fondo documental fotográfico formado por unhas 67.000 imaxes procedentes do arquivo dos fotógrafos locais Plácido Vidal e José María Vidal. O museo está dividido en catro plantas nas que, ademais da colección, ofrécense outros servizos como unha sala de conferencias. A exposición fotográfica está situada na planta baixa e reflicte a historia e a evolución do propio municipio e de gran parte da Costa da Morte. Podes consultar a información sobre visitas na web https://turismolaxe.gal/museo-do-mar/museo/.
Museo Naval de Ferrol
O Museo Naval de Ferrol conta con máis de 2.650 rexistros catalogados entre pezas e conxuntos de valor histórico relacionados coa actividade da Armada e a súa relación co municipio coruñés e a historia naval de España. Atópase no edificio do Arsenal de Ferrol, coñecido como o Presidio de San Campio e que constitúe en si mesmo unha marabilla arquitectónica de estilo barroco-neoclásico que data do século XVIII. A parte exterior conta cunha colección de áncoras que está considerada como unha das mellores do mundo.
Na sala de Armas do museo o visitante poderá observar todos os elementos que conformaron no seu momento a dirección de tiro dun buque do século XX, así como diversas pezas de artillaría e instrumentos náuticos empregados polos navegantes nas súas travesías. Entre os modelos conservados nas súas salas destacan algunhas pezas e obxectos procedentes da fragata Santa María Magdalena, que se afundiu na ría de Viveiro. Máis información na web da Fundación Museo Naval.
Museo da Construción Naval
Tamén en Ferrol podemos visitar o Museo da Construción Naval, unha institución impulsada pola Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas (Exponav) co obxectivo de divulgar o desenvolvemento das técnicas de construción dos buques e os materiais empregados neste proceso. A exposición do museo ofrece unha visión sobre os sucesos históricos máis relevantes vinculados con esta actividade en España, que se relaciona na actualidade cos modernos estaleiros de Astano, Bazán e Navantia. A planta baixa do edificio móstranos un percorrido polas técnicas de construción e servizos básicos dos buques, mentres que a superior nos ofrece unha sala de exposicións temporais e zonas temáticas. Todo o museo posúe fondos documentais do patrimonio marítimo e industrial que teñen un gran valor, pois permiten ao visitante coñecer o papel de Ferrol na construción militar e civil en España desde o século XVIII ata hoxe. Podes consultar toda a información sobre horarios e entradas na súa web.
Museo Provincial do Mar (Cervo)
No municipio de Cervo agárdanos o Museo Provincial do Mar, que foi creado en 1969 por iniciativa do mestre Francisco M. Rivera Casás de coleccionar obxectos relacionados co mar. O complexo museístico, sito na antiga Escola Unitaria de San Cibrao, ten como obxectivo promover a historia mariñeira dos municipios costeiros de Lugo e dar a coñecer a súa riqueza biolóxica e etnográfica. O Museo do Mar de Cervo presume de ser a instalación monográfica desta índole máis antiga de Galicia. O edificio alberga catro salas de exposicións: a primeira mostra documentos gráficos e mecánica naval; a segunda recolle fondos de etnografía; a terceira está dedicada á fauna e flora mariñas; e a cuarta dedica a súa atención á construción naval e a unha colección de cartas náuticas, instrumentos, áncoras e nós, entre outros. Máis información na web municipal.
Museo Massó
Sito no municipio pontevedrés de Bueu, este museo está instalado nas naves industriais da antiga conserveira Massó Hermanos. Foi o famoso inventor Guillermo Marconi o que suxeriu a creación do museo durante a visita que realizou en 1928 a esta fábrica de conservas ao quedar abraiado pola colección de obxectos e documentos que alí había. Uns poucos anos máis tarde, en 1932, os irmáns Massó fixeron realidade o proxecto. A gran sala do primeiro andar está dedicada á navegación e aos inicios do comercio marítimo, todo ilustrado mediante maquetas, libros e mapas, entre outros obxectos. Na planta baixa poderemos observar unha sala centrada na explotación dos recursos do mar, con fotografías e pezas únicas. Tamén hai exposicións temporais e unha sala destinada ás tres embarcacións máis emblemáticas da ría de Pontevedra. Cando pechou a conserveira en 1994, o museo pasou a mans da Xunta de Galicia e hoxe en día mantén o patrimonio marítimo e industrial que o caracteriza. Prepara a túa visita consultando a súa páxina web.
Arquivo da Pesca de Caión
O Arquivo da Pesca de Caión é un proxecto impulsado pola Cofradía de Pescadores de Caión para preservar e dar a coñecer a historia deste porto sito no municipio coruñés da Laracha a través da actividade pesqueira da zona. Na súa exposición atoparemos documentos, obxectos, paneis explicativos e incluso material audiovisual que poñen en valor unha actividade clave no desenvolvemento da zona. A historia da propia confraría, a evolución da pesca durante o período comprendido entre os séculos XVII e XIX e durante o século XX e episodios concretos como a caza de baleas son algúns dos contidos que se poden coñecer neste museo. Máis información na súa web.