Mariñán, un pazo barroco

Mariñán é un dos pazos máis espectaculares da provincia da Coruña. Situado no concello de Bergondo, moi preto de Betanzos e a uns 25 quilómetros da cidade da Coruña, comparte con outros edificios galegos coma o Pazo de Oca unha historia en común, a que os levou a representar os soños de grandeza dos seus donos en torno ao século XVIII.

Din os historiadores que as orixes de Mariñán hai que buscala arredor do século XV e que neste lugar se erguía un edificio defensivo. A súa situación á beira do Mandeo, que forma a ría de Betanzos, é a probable razón deste emprazamento, entre dúas das principais localidades da zona no medievo: Betanzos, ao sur e río cara a dentro, e Pontedeume, ao norte, na zona exterior da ría.

A través dos séculos foron propietarios deste edificio integrantes das principais familias nobiliarias galegas (os Traba, Láncara, Lemos, Altamira, Soutomaior…). A maior parte do que hoxe se ve no pazo é do XVIII, que deixou a súa pegada entre barroca e racionalista tamén no deseño. O último cambio de propiedade de Mariñán tivo lugar nos anos trinta do século pasado, cando o seu derradeiro dono, Gerardo Bermúdez de Castro, o cedeu á Deputación Provincial para que o administrase. Hoxe este organismo público segue facéndose cargo del, e Mariñán acolle con regularidade xuntanzas, debates ou cursos para os máis novos.

Mais, en orixe, ademais de servir de residencia nobre a función principal de Mariñán era impactar. A vontade de impresionar do arquitecto (e do dono) queda patente desde a mesma entrada principal do edificio, na parte interior da U na que se dispoñen as diferentes estancias. Efectúase a través dunhas escalinatas de pedra cuns elementos moi curiosos: dous personaxes, vestidos de servos, reciben ao visitante nunha actitude atenta que, pese ao desgaste da pedra por causa do paso do tempo, aínda é apreciable hoxe.

Tamén é unha escalinata, aínda de maiores dimensións, a que dá acceso á parte traseira do pazo e aos xardíns. Realizada en granito, é un prodixio de distribución de espazos, pois conecta a gran terraza con boa parte das estancias. Está decorada moi ao gusto clásico, con enormes vasos tallados na pedra e conducións de auga que adornan as balaustradas.

O interior acolle unha parte da colección artística da Deputación da Coruña. Cadros e esculturas dos séculos XIX e XX e mobiliario de época adornan as estancias do pazo, entre eles obras de Ovidio Murguía, Picasso, Lloréns ou Díaz Pardo.

Capítulo aparte merecen os xardíns. Sitúanse na parte do terreo que dá cara ao estuario que forma o Mandeo na ría betanceira e foron deseñados xa no século XIX ao gusto formal francés. Así se conservan: cos buxos trazando fermosas formas poligonais, nesta aira medran árbores autóctonas e tamén outras ornamentais procedentes doutras latitudes, coma abetos do Cáucaso, mirtos, pacanas de Illinois, pradairos… Hai, por suposto, un ciprés, como é tan habitual nos pazos galegos.

Moitas destas plantas atópanse no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, o que lles outorga especial protección. A colección segue medrando, pois é tradición que os visitantes ilustres que pasan por Mariñán planten unha árbore no chamado Xardín da Palabra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *