Guía para visitar o Parque Nacional das Illas Atlánticas

Este Parque Nacional marítimo-terrestre está formado por varios arquipélagos situados fronte ás Rías Baixas: os de Cortegada e Sálvora na ría de Arousa, o de Ons na ría de Pontevedra e o de Cíes na de Vigo.

Hai que ter en conta que temos que coidar estes tesouros naturais para conservalos, o que significa respectar todas as normas cando os visitamos. Así, por exemplo, non poderemos tirar resíduos, arrincar vexetación, coller cunchas, facer pesca submariña ou deportiva, facer ruído, levar animais domésticos (agás cans guía), introducir especies animais ou vexetais, achegarnos aos cantís, etc. Por certo, pódese facer snorkel sen chumbos nas zonas de baño tranquilamente, mais o mergullo con outro tipo de equipo precisa autorización. Para aproveitar mellor a visita, é recomendable seguir a orde dos itinerarios sinalizados, que poden ser guiados se o solicitamos con antelación. Para lembrar todo isto e máis, cada arquipélago conta co seu posto de información. 

O número de visitantes ao día, de campistas, ou de fondeos de barcos privados está regulado, así como as zonas de fondeo e as rutas de paseo polas illas, por mor da conservación do ecosistema, claro.

É bo ter claro o tema das tempadas. Dunha banda, temos a tempada alta, que abrangue a Semana Santa e o período estival, do 15 de maio e o 15 de setembro; doutra, a tempada baixa, que é o resto do ano. 

En canto ao acceso ás illas, temos que contar con que so hai liñas de transporte marítimo regular para visitar as Cíes e Ons, e únicamente en tempada alta. Antes de sacar o billete hai que solicitar unha autorización da Xunta a través da web http://illasatlanticas.gal. Nestes dous arquipélagos tamén está permitido acampar, previa autorización, como non, sendo 15 o número máximo de días seguidos que se pode ficar. Hai que reservar con antelación para obter a tarxeta de campista, pois para o resto de visitantes os billetes son sempre de ida e volta. Se ademais de durmir queremos comer algo, contamos con establecementos hosteleiros nas Cíes e en Ons.

En tempada baixa, as visitas organízanse a través das navieiras, en grupos de non máis de 25 persoas cun guía acreditado polo parque nacional. Neste caso, son as navieiras as que se encargan das autorizacións. Así é como se accede a Sálvora e Cortegada en tempada alta e baixa, xa que non teñen liñas regulares. Durante todo o ano está permitido o acceso a todas as illas en embarcacións privadas, en determinadas zonas e sempre coas autorizacións pertinentes.

O arquipélago de Cíes, na bocana da ría de Vigo, pertence ao concello de Vigo. Está formado por tres illas (Monteagudo, Faro, San Martiño) e illotes (Agoeiro ou Boeiro, Penela dos Viños, Carabelas, Ruzo). Aquí temos unha das praias máis famosas de Galicia e do mundo: a praia de Rodas, que une Monteagudo e Faro. Nos puntos máis altos hai miradoiros con vistas impresionantes, como O Alto do Príncipe. Ademais da riqueza natural, as illas contan con restos de asentamentos, xa que no pasado estiveron habitadas. As liñas regulares para visitar as Cíes saen de Vigo, Baiona e Cangas do Morrazo.

O arquipélago de Ons pertence ao concello de Bueu. Está fronte á ría de Pontevedra, e o forman as illas de Ons, aínda poboada, e a de Onza, máis pequena e reserva toda ela.. En Ons hai moita furna, a máis tebrosa, O Buraco do Inferno. Tamén ten arenais acolledores, como a praia e as dunas de Melide. E a visita é de interese etnográfico, pois ademais de estar poboada, Ons ten un rico patrimonio de contos e lendas, e un polbo moi rico. O transporte marítimo sae de Bueu, Sanxenxo, Portonovo e Marín.

O arquipélago de Cortegada está no interior da ría de Arousa, na desembocadura do río Ulla, e pertence ao concello de Vilagarcía de Arousa. Son illas máis recollidas, protexidas da forza mariña, nas que os fondos son areosos, ideais para o cultivo da ameixa. A illa de Cortegada ten un peculiar bosque de loureiros, ademais dos restos dunha aldea e da ermida dos Milagros. No illote de Malvinas Grande, atopamos un bosque de cerquiños, dos poucos que hai na costa atlántica. As embarcacións para visitalas parten de Vilagarcía de Arousa e Carril.

O arquipélago de Sálvora está no concello de Ribeira. Estas illas e illotes protexen a ría de Arousa polo norte. Mentres a illa de Sálvora é bastante chá, con moitas dunas e bolos graníticos, os illotes de Noro e Sagres son fundamentalmente rochosas. Noutro tempo, Sálvora estivo habitada, e aínda fican restos da aldea. É illa de moitas lendas, como a da serea, lembrada por unha escultura sobre as rochas. Os barcos con visitantes parten sobre todo do Grove e Aguiño; outros saen de Ribeira, A Pobra, Boiro, A Illa de Arousa e Vilagarcía; ocasionalmente, saen de Bueu.

Se andamos pola zona, é recomendable ir ao Centro de Visitantes das Illas Atlánticas, en Vigo que, ademais de ofrecer información e ampliar a nosa visión do Parque Nacional, organiza actividades, xornadas, obradoiros, programas de voluntariado, de formación de guías… tanto no centro como nas illas. Até se pode participar ofrecendo a nosa colaboración observadora nas investigacións sobre bolboretas, por exemplo. Doutra banda, hai actividades didácticas dirixidas aos distintos ciclos dos centros educativos, e mesmo xogos interactivos na propia web. 

Tamén hai centros nas illas: o Centro de Visitantes da Illa de Ons e o Centro de Visitantes das Illas Cíes, abertos polas tardes en tempada alta. Na illa de Sálvora está a Exposición do Pazo de Sálvora, aberta todo o ano.

Para calquera dúbida, solicitación de autorizacións, descarga de folletos, etc: http://illasatlanticas.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará