Granxas de Galicia para visitar en familia

O crecemento das cidades e a fuxida da aldea tróuxonos unha sociedade ben alonxada das labouras do campo e da gandería. Cada vez hai máis nenos e nenas que nunca viron unha vaca de preto. De xeito que, un estupendo recurso para achegármonos este mundo, é a visita a unha das moitas granxas que nos abren as portas en Galicia. 

Moitas son coñecidas como granxas-escola, enfocadas na divulgación da vida no campo e en actividades de ocio máis aló da granxa. Sobre todo acollen grupos de estudantes, familiares ou amigos. Entre elas:

A granxa de Berganda, en Negreira, preto de Santiago de Compostela, aparte actividades agrícolas e de coidados dos animais, ofrece actividades de ocio e tempo libre como: hípica, obradoiros, celebración de eventos, etc.

A granxa de Barreiros, en Sarria, Lugo, conta con horta ecolóxica, animais de razas autóctonas, campos de cultivo, árbores froitais… Teñen estacion meteorolóxica e todo.

A granxa do Souto, en Ortigueira, ademais de ser centro de turismo ecuestre, da a posibilidade de facer campamentos, rutas, visitas, clases, cursos… Moitas granxas, como a do Souto, abandonaron a actividade leiteira, no seu caso, e convertíronse en centro de actividades ecuestres turísticas.

A granxa de Belelle en Neda, A Coruña, tamén ten equitación e apicultura.

O complexo de Fervenza aventura, en Silleda, Pontevedra, preto da fervenza da Toxa, con tanto que medrou, xa pasou de granxa a «centro de actividades na natureza».

Deste estilo tamén é a granxa El Kirico, en Fornelos de Montes, Pontevedra, onde, ademais de dar de comer aos animais, regar, amasar pan… podemos facer piragüismo, escalar no rocódromo, ou lanzarnos pola tirolina.

Outras granxas están máis centradas na súa produción. Algúns produtores ecolóxicos fixáronse nas posibilidades que abrira o sector do enoturismo, por exemplo, e comezaron a abrir ao público as súas explotacións. E parece que funciona. Ver de primeira man a fabricación ou obtención do produto dá confianza ao público como consumidor. Entre elas, por exemplo:

A Casa Grande de Xanceda. É unha casa agraria do século XVIII transformada cos novos tempos. Dispón de ecotenda, ecozoo, onde poder tomar contacto cos animais, prados, sala de ordeño, ecohorta, cava dos queixos, despensa, cortellos… e de actividades axeitadas a cada época do ano. Nela vemos o proceso da produción dos seus iogures, manteigas e queixos.

Nalgunhas desta granxas, ademais, podes levar a casa algo feito por ti (moitas veces comestible e todo), como na Casa do queixo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes. Ofrece actividades de ocio, de produción (procesado da lá, uso dos abonos…), de gastronomía (facendo queixo, chourizos…), de historia (con roteiros guiados polos muíños…).

Na granxa do Arqueixal, na que dispoñen de diferentes casas, adícanse aos queixos e iogures ecolóxicos, e tamén invitan á participacion nas tarefas de esfollar millo ou elaborar queixos artesanais.

Outra granxa adicada ao queixo é de Grixeira, en Cospeito. Por certo que se fixo famosa por ser a que produce algún dos queixos dunha coñecida cadea de hamburgueserías (empeza por eme).

Nestas granxas, non so estamos a falar de animais como vacas, porcos, galiñas, etc. As abellas tamén son protagonistas nalgunhas granxas visitables, como en Apípolis, en Santo Estevo de Xeve, en Pontevedra. Abre entre marzo e outubro, pois no resto dos meses as abellas non teñen moita actividade. Outra é Abellamoura, nas Pontes, na Coruña. Aquí podes mergullarte na apicultura por un día, con cata de meles incluída.

Outra alternativa moi recomendable é a visita ao Museo Vivente do Mel O Enredo do Abelleiro, en Arzúa.

Tamén se fala de granxas familiares. Son as que pasan da produción para o autoconsumo á venda directa de produtos ecolóxicos de calidade. Algunhas tamén ofrecen aloxamento. Ademais de venda de capóns, terneiras, porcos, patacas, etc. tamén hai cultivos de flores, por exemplo, na Casa das Flores, en San Sadurniño, A Coruña, ou fungos na Casa dos Fungos, en Melide, A Coruña.

Hoxe en día tamén nos referimos a estes sitios como «ecoagroturísticos», xa que promocionan a vida sustentable. Por exemplo, na Asociacion cultural do Millo Corvo, aproveitan para que aprendamos ou retomemos antigos costumes e tradicions. Outros, como Orballo, en Paderne, A Coruña, propoñen un cultivo innovador e sostible para a produción de infusións, especias e plantas aromáticas. 

Unha granxa curiosa para visitar é a Casa de Vázquez, en Láncara, Lugo, produtora de mazá e tenreira ecolóxicas, que alberga o Museo vivo e integrado do Campo e da Locomoción agraria, adicado á vida nunha casa tradicional labrega e á historia do tractor.

E, a modo de advertencia, temos que ter en conta que as visitas ás granxas fanse sempre baixo cita previa confirmada, e máis nos tempos que corren. Así que veña, a escoller destino!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará