Galicia, paraíso da escalada

Es dos que está a esperar que chegue o bo tempo para organizar unha viaxe de escalada? 

Pois le con atención, aquí descubrímosche un novo paraíso para os amantes deste deporte. E é que en Galicia existen numerosos puntos ao longo de toda a xeografía onde gozar dos teus pés de gato, ademais de coñecer espazos naturais incribles e contemplar espectaculares vistas. 

Co paso do tempo a comunidade galega foi gañando adeptos que se desprazan ata aquí para practicar a escalada deportiva. 

Esta semana amosámosche as da provincia de Pontevedra, que é a que conta con máis escolas. Aquí tes uns bos exemplos: 

 

Faro Budiño – O Porriño 

As mellores épocas para escalar aquí son a primavera e o outono, pero durante o inverno pódese acudir tamén porque a rocha seca rapidamente tan cedo como asoma o sol. A escalada é de adherencia, e é necesario moito equilibrio. Este lugar caracterízase polas enormes rochas que emerxen do subsolo, posiblemente formadas por magma que ao subir á superficie arrefriou creando esta impresionante paraxe. O feito de que se lle chame Faro a un monte é común en Galicia porque pola súa orografía servían de referencia para camiñantes.

MonteFerro – Nigrán 

Este espazo, formado por pequenos cantís de granito próximos ao Faro de Nigrán, agrupa 46 vías ben equipadas e cunha altura que rolda entre os 10 e os 14 metros. Ademais da escalada tamén poderemos gozar de fantásticas vistas da entrada da Ría de Baiona, Illas Estelas e Illas Cíes.

 

Monte Galiñeiro – Gondomar 

Esta escola está formada por bloques de pouca altura nos que a dificultade se centra nuns poucos metros. Con máis de 120 vías repartidas entre 20 sectores con diferentes graos de dificultade poderás, ademais de darlle uso aos teus pés de gato, gozar deste miradoiro natural, que permite avistar Vigo, o Val Miñor, o Val do Louro e mesmo o Oceáno Atlántico.

 

Hío ( Donón) – Cangas 

O Facho de Donón é un lugar singular da costa galega por concentrar diversos valores patrimoniais e paisaxísticos. Se a iso lle engadimos que é un dos espazos destinados á escalada cos que contamos en Galicia, damos coa combinación perfecta. En Hío atopámonos cunha escalada vertical ou lixeiramente tombada sobre placas e algunha fisura duns 20 metros. O feito de escalar nun cantil con vistas ao mar fai que sexa un lugar especial para visitar. 

 

Santa María de Oia – Oia 

Esta zona deportiva conta con case 120 vías, repartidas en esborralles (desplomes) e placas verticais de granito que alcanzan os 20 metros. Ademais gozarás das vistas da coñecida como Costa da Luz.

 

Monte Trega – A Guarda 

Aos pés do Miño atópase o monte Trega, case fronteira con Portugal, e desde o que poderás observar unha panorámica 360º con vistas ao río Miño e ao Atlántico máis embravecido. Ademais nas súas ladeiras atoparaste cun dos poboados castrexos máis emblemáticos de Galicia, o Castro de Santa Trega. Neste sector predominan as vías fáciles con pasos técnicos, cun bo equipamento e alturas que poden chegar aos 20 metros.

 

Segade – Caldas de Reis 

No Concello de Caldas de Reis atopámonos con granito de boa calidade para a práctica deste deporte. A escola consta de 22 vías de equipamento e 10 vías novas, colocadas recentemente. 

Debido á súa orientación é recomendable evitar as horas centrais do día no verán. Pero se a calor aperta pódese gozar dun baño nas pozas contiguas á zona de escalada. Trátase dun espazo tranquilo, arborizado e no que deleitarse coa natureza mentres practicas o teu deporte favorito.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *