Galicia e os faros

O litoral galego é complexo, cheo de entrantes e saíntes e de pequenas illas. Isto tamén fai que sexa rico en pesca, en diversidade ecolóxica e en paisaxe. Aínda que non o pareza, Galicia é a comunidade autónoma con maior lonxitude de costa, así que non é de estrañar que haxa tanto faro. Tal cantidade de cabos e rías precisan dunha boa iluminación. Por certo, a meirande parte dos faros foron levantados no século XIX, segundo o Plan de Alumbrado de las Costas de España, de 1847, baixo o reinado de Isabel II.

Empezando polo nordeste, aínda no Cantábrico, podemos facer un percorrido seguindo o mapa polos faros máis destacados.

O primeiro que atopamos no litoral lucense é o da Illa Pancha, na parte máis occidental da ría de Ribadeo. En realidade son dous: un de 1857, hoxe en día aloxamento turístico, e outro de 1983. 

O faro de Punta Atalaia está situado na costa cantábrica, en San Cibrao,  concello de Cervo, desde onde se poden observar os Farallóns e os incribles cantís.

A 100 km máis ou menos cara ao oeste de Ribadeo, chegamos ao cabo de Estaca de Bares, xa na Coruña, no concello de Mañón, entre as rías do Vicedo e Ortigueira. Estamos no punto máis setentrional de toda a península. O faro funciona desde 1850. A uns metros, está a Estación Ornitolóxica de Estaca de Bares, importante observatorio de aves migratorias, en especial de mascatos, pardelas e corvos mariños. Cara aos cantís podemos ver os restos de cinco muíños na pendente.

Tradicionalmente, sempre se tomou a Bares como a fronteira entre Atlántico e Cantábrico. Mais, segundo a Organización Hidrográfica Internacional e o Instituto Xeográfico Nacional, a liña divisoria simbólica atópase na Punta dos Aguillóns, no cabo Ortegal, noutro extremo da ría de Ortigueira.

Despois do de Estaca de Bares, este é o segundo faro máis ao norte. Está en Cariño, entre a ría de Ortigueira e os cantís de Teixido. Desde aquí vense os acantilados do Limo ao oeste e os Aguillóns ao leste. E tamén, se non anda anubrado, Estaca de Bares. A sensación de estar nunha paisaxe infinita, acúsase ao saber que os cantís están constituídos por formacións rochosas de granito negro, as pedras máis antigas do mundo. Moi preto, na Serra da Capelada, entre o cabo e Santo André de Teixido, temos os cantís de Vixía Herbeira, os máis altos da Europa Continental. 

Xa meténdonos na Costa Ártabra, outro bo faro é o do Cabo Prior, ao norte de Ferrol, na parroquia de Covas. Activo desde 1853, antigamente foi punto estratéxico de defensa militar.

Se seguimos bordeando entrantes e saíntes chegamos ao único faro romano que sigue en pé de todo o mundo. E o que funciona desde hai máis tempo (II d. C.). Cambiou un pouco coa remodelación neoclásica, claro. Desde o século XV converteuse nun símbolo da súa cidade. E foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no 2009. Sí, é a Torre de Hércules.

Hai moitas lendas no tocante á súa construción. Alfonso X remítenos a un Hércules vencedor do xigante Xerión, que erixe a torre para conmemorar o feito, cos ósos de Xerión soterrados embaixo. Outras historias falan da Torre de Breogán, desde a que se ve Irlanda, que sería conquistada por Mil, neto de Breogán. Outros contos relaciónanna cun espello no que aparecía reflectida unha illa paradisíaca á que marchou o monxe Trezentario e alí ficou sete anos. E aínda hai máis…

E baixamos a Costa Ártabra ata a fronteira coa Costa da Morte. Aquí o traballo dos faros é moi importante polo perigo que ten o mar. O primeiro, é o das Illas Sisargas, en Malpica. O faro está na Sisarga Grande. O actual foi feito polos veciños de Malpica en 1915, á beira do vello. Este fora un dos máis antigos da Costa da Morte (1853), xunto co de Fisterra. As illas están declaradas Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), un paraíso para gaivotas e araos.

O segundo faro máis grande da Costa da Morte, despois do de Fisterra, é o de Cabo Vilán, en Camariñas. O vello é de 1854 e o novo de 1860 (o primeiro non salvaba a rocha saínte do cabo, co que non había boa visibilidade). Foi o primeiro faro español electrificado. Alí está o Centro de Interpretación dos Naufraxios da Costa da Morte. Por certo, é o que ten máis longo alcance entre os faros de Galicia: 28 millas.

Outro faro clave na Costa da Morte é o do Cabo Touriñán, en Muxía, ao sur da ría de Camariñas. Sitúase no punto máis occidental da península. Ten un faro vello, de 1898, e outro novo, de 1981. Neste cabo dase a particularidade de que durante certas datas do ano (entre o 22 de marzo e 25 de abril e o 18 de agosto e 19 de setembro, aproximadamente), podemos contemplar o último solpor da Europa Continental.

O derradeiro faro da Costa da Morte é o de Fisterra, que da paso ás Rías Baixas. Os romanos considerábanna o fin do mundo coñecido. De sempre se dixo que o remate do Camiño de Santiago se facía aquí, cando os peregrinos queimaban as roupas á beira do mar e emprendían o regreso a casa (suponse que con outras roupas). O faro data de 1853. En 1888 instalouse unha serea por mor da néboa, á que chamaron «A vaca de Fisterra».

As Rías Baixas son máis abertas e seguras, polo que non hai tanta profusión de faros. 

Un dos máis importantes e que serve de transición é o faro de Corrubedo. Situado nunha contorna rochosa desde onde se poden observar as dunas do Parque Natural Dunas de Corrubedo. Foi construído en 1853 e deseñado por Celedonio  Uribe. Desde esta localización distínguense perfectamente as luces dos faros de Fisterra e das illas Cíes.

E se queremos contemplar as vistas das Cíes e de toda a ría de Vigo podemos subir ao faro das Cíes, que da nome ao monte e á illa que o acolle: O Faro. 

En Baiona, o derradeiro cabo importante de Galicia é o cabo Silleiro, cun faro de 1866 e outro novo de 1924. Nos anos 40 foi enclave militar, con instalacións de artillaría costeira, que foron abandonadas nos 80. 

E se continuamos a liña da costa cara abaixo atopamos o Faro Montedor, en Viana do Castelo. Como, xa chegamos a Portugal? Aquí deixamos entón o repaso pola Galicia fareira…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *