Galicia, destino termal

Que tal un bo baño? Non é verán? E que máis dá? Temos augas a temperaturas moi axeitadas en calquera época do ano. E, sobre todo, de calidade superior, con propiedades moi saudables. Así que veña, bañador, chanclas, toalla e… en marcha: destino termal!

Para localizar augas termais (augas minerais quentes), hai pistas que non fallan: o paso dun bo río; o paso dos romanos, grandes afeccionados aos baños; e a toponimia do lugar (cantas vilas hai de nome Caldas, Caldelas, Baños, Burgas…). Conclusión: aquí hai moito diso, logo moitas termas tamén. Tantas, que Galicia é unha das zonas con máis recursos termais de toda Europa.

Ademais das termas ao aire libre, xa sexan públicas ou privadas, podemos gozar dos beneficios destas augas a través de fontes, onde facer curas hidropínicas (ou sexa, beber auga); e dos balnearios, estacións termais que ofrecen tratamentos baixo supervisión médica. Dun tempo a esta parte extendéronse os spas, onde se ofrecen hidroterapias con auga non mediciñal quentada artificialmente, e os talasos, nos que a auga provén do mar.

A raíña das termas é Ourense, con máis de 70 xurdencias catalogadas. Abonda dicir que a capital é coñecida como A cidade das Burgas. No mesmo centro urbano, destes mananciais abrolla a auga a máis de 60 graos. Teñen ao seu carón unha piscina termal pública e os restos dunha balnea (baños romanos).

Na mesma cidade, se camiñamos á beira do río, pasada a ponte do Milenio, e damos unha volta polo Paseo Termal do Miño, vemos algo único. Como pode ser? Onde se viu tanta terma en 5 km de andaina? E case todas públicas e de uso lúdico! Por se fose pouco, se andamos mal de forzas, podemos coller o tren das termas, que sae da Praza Maior e ten parada en cada unha delas.

As primeiras que atopamos son as termas da Chavasqueira, aínda non recuperadas despois do incendio de 2019. Tiña varias pozas e zonas de xardín, e unha zona de pago na parte superior, para terapias de beleza e demais. As seguintes, deixando atrás a fonte-miradoiro do Tinteiro, son as do Muíño da Veiga, ao pé dunha vella acea restaurada, e con zona verde, tamén. Síguenlle as termas de Outariz, de inspiración xaponesa. Estas, privadas, ofrecen máis servizos, como termas interiores, dous circuítos e diversos tratamentos. As últimas son as de Outariz e Burga de Canedo, o maior centro termal de Ourense, con piscinas de auga quente e fría, zonas axardinadas, e parque con randeeiras. O traxecto remata na fonte de Reza, no Paseo das Ninfas. 

Polo xeral, nestas termas a temperatura da manación ronda os 60 graos e a do baño os 40. Antes de meternos dentro temos que ter en conta as recomendacións de cada espazo termal, pois pode haber temperaturas ou condicións minerais específicas non axeitadas para determinados estados físicos ou idades.

Xa fóra da cidade, Miño abaixo, seguimos atopando máis puntos termais: Laias, con balneario; Castrelo de Miño, con restos dos Baños de Santa María, e outros desaparecidos despois da construción do encoro; Ribadavia, coas termas de Prexigueiro, unhas privadas, e outras públicas á beira do río, rodeadas de árbores. Seguindo cara abaixo aínda temos a vila termal de Arnoia e a de Cortegada, e, co curso do río, as de Melgaço e Monção (en Portugal) e Caldelas de Tui.

Se o Miño deixa pegada termal, o Limia non fica atrás. En pleno Parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés podemos visitar a vila termal de Lobios, á beira do xacemento romano de Aquis Originis, unha das mansio (especie de parador) que había ao longo da Vía Nova, a calzada romana que unía Bracara Augusta e Asturica Augusta, con complexo termal incluído, por suposto. Lobios ten hotel-balneario e, ao aire, na beira do río Caldo, afluente do Limia, piscina pública de augas termais e praia fluvial. 

Outra parada ben romana é Bande. Alí, á beira dos vestixios arqueolóxicos de Aquis Querquennis, temos augas entre 36 e 48 graos para darnos un bo baño, precisamente na zona coñecida como Os Baños de Bande. As pozas estiveron ocultas moito tempo polo encoro das Cunchas, que ás veces xoga ás agachadas con elas.

En Lugo tamén hai restos de baños romanos, no Paseo fluvial de Miño. Alí, en pleno Camiño primitivo, levántase o Balneario de Lugo, onde se conservan os restos do apodyterium, ou vestiario, e unha zona abovedada, das antigas termas romanas. 

Nas Rías Baixas hai unha Ruta das Vilas Termais. Algunhas, coas antigas casas de baños desaparecidas (Catoira, Pontecaldelas, Vila de Cruces) e outras aínda en marcha e renovándose cos novos tempos (Caldas de Reis, Mondariz-Balneario, O Grove). 

Na provincia da Coruña tamén hai mananciais aproveitados por balnearios como os de Carballo, Arteixo ou Brión.

Os balnearios galegos estiveron moi de moda a principios do século XX. Parece que nos levan a un mundo de luxo e relax onde o tempo non existe. Entre os balnearios históricos destacan o da Toxa, que hoxe tamén dispón de talaso; o de Mondariz, o preferido de Pardo Bazán; o de Cuntis, o máis grande de Galicia; o Dávila de Caldas de Reis, en pé desde 1780; o de Guitiriz, de 1908, actualmente pechado; o de Lugo, coas súas termas romanas; o do Carballiño, renovado en 2017; o de Augasantas da Ribeira Sacra, do que fican as ruinas preto do novo; ou o de Baños de Molgas, de 1873.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará