Experiencias de Turismo industrial en Galicia

Hai anos asociábamos o turismo ás praias, aos monumentos, e pouco máis. Hoxe falamos de turismo rural, gastronómico, enolóxico, da natureza, de aventura, de saúde e benestar, relixioso, deportivo, astronómico… Unha das categorías en auxe é a do turismo industrial.

Un dos seus obxectivos é o de protexer o patrimonio industrial, de aí que tamén estea relacionado coa arqueoloxía industrial (temos categorías para todo), esa que estuda os espazos e as máquinas usadas pola industria, e as características dos grupos sociais que deveñen dela. Así, máis aló dun interese estético ou funcional, ábrenos ao coñecemento das historias locais.

En moitos casos, significa unha oportunidade para a reconversión de zonas inactivas que tiveron importancia no pasado. Noutras ocasións, achéganos a fábricas en pleno funcionamento.

En Galicia, as principais fábricas xiran arredor do mundo do mar (conserveiras, industria da salga, construción naval), aínda que tamén as hai mineiras, eléctricas, ou cerámicas, por exemplo.

Ferrolterra é unha das comarcas punteiras neste tipo de turismo. Podemos facer a Ruta da construción naval, coa opción dun paseo en lancha pola ría. As paradas claves da ruta son: o Arsenal Militar, impresionante conxunto estaleiro e base naval do século XVIII,  onde tamén está o Museo da Construción Naval e o Museo Naval Exponav; as instalacións de Navantia, estaleiros públicos en Ferrol e Fene adicados á construcción e reparación de grandes buques e a proxectos de eólica mariña; o castelo de San Felipe, exemplo de batería abaluartada do século XVIII.

Por outra banda, as principais conserveiras da zona, pódense percorrer seguindo a Ruta conserveira, con paradas en La Pureza, en Cariño ou Mar de Ardora, en Ortigueira, por exemplo.

Tamén na comarca temos o Complexo mineiro das Pontes. Aquí naceu «As Pontes Experiencia Industrial», coa función de preservar o patrimonio industrial local arredor da central térmica. Lembremos que en 2012 detívose a extracción de carbón e a maior mina de lignito a ceo aberto de España foi convertida nun inmenso lago artificial. Vemos na zona como todo xiraba arredor da Central, con poblados como As Veigas, exclusivamente para a xente empregada na fábrica, xa que nas súas mellores épocas chegaron ao municipio máis de cinco mil persoas, e nalgún sitio tiñan que vivir.

O conxunto da Fervenza do Ézaro, en Dumbría, en plena Costa da Morte, coa antiga central eléctrica, está nunha entorna ideal, con cascada, o Monte Pindo, praia cercana e un estupendo mirador. Ademais, conta co Museo da electricidade.

Xa nas Rías Baixas, a industria conserveira, fábricas de salgadura e cetárias teñen moita presencia. Un dos destinos máis destacados é o Museo Massó, en pé desde 1932, instalado nas naves da antiga conserveira Massó Hermanos, preto do porto de Bueu. A antiga fábrica de conservas e factoría baleeira áchase en Cangas, en estado de abandono. Relacionados co tema, tamén están as Salgadeiras de Moreiras, no Grove, onde se recuperou para o turismo a fábrica de salga de peixe dos séculos XVIII e XIX, e que se completa cun espazo museístico.

En Vigo, tradicional capital da industria en Galicia, temos a posibilidade de navegar en catamarán pola ría coñecendo toda o pasado e o presente do «Vigo pesqueiro».

Na provincia de Lugo tamén temos expoñentes do turismo industrial como os Fornos da Pontenova, adicados á extracción de ferro e limonita. O conxunto presenta cinco grandes chemineas de principios do século XX, construídas, por certo, con ladrillos feitos na fábrica de Sargadelos. Na súa época, constituíu un motor para a economía da zona, incluso partía unha liña de ferrocarril de aquí a Ribadeo para a distribución do produto. Hoxe hai unha ruta que descorre polas vías dos vagóns que baixaban aos fornos, entre túneis e minas abertas. 

E xa que falamos de Sargadelos, temos que dicir que é outra fábrica visitable. E por duplicado, pois a cerámica faise no Cervo, na Mariña lucense, e no Castro, en Sada. A súa orixe remóntase á fábrica de levantada en Cervo en 1806. Ao principio, adicada á siderurxia e, máis adiante, como fábrica de louza, aproveitando o caolín da zona. A antiga época dourada transcorreu a mediados do século XIX. Xa no XX, na década dos 60, anos despois de fundar ceramicas do Castro en Sada, é recuperada por Isaac Díaz Pardo e impulsada por persoeiros como Luis Seoane, facéndose símbolo do galego. 

Outra fórmula de reconversión de antigas industrias, ademais de facer centros de interpretación ou museos, é adicalas ao aloxamento rural. Por exemplo, en Allariz, á beira do río Arnoia, está a antiga Fábrica de curtidos da familia Nogueira, con hospedaxe e Museo do coiro. A zona da contorna foi transformada nun Parque etnográfico.

En Galicia o turismo industrial arrancou tarde en relación con outros puntos da península ou do resto de Europa, pero é un sector que continúa crecendo. Abonda fixarse en recentes propostas como a de Mega, de Estrella Galicia, por exemplo. Ou as experiencias de enoturismo que nos ofrecen as adegas das distintas Denominacións de Orixe do Viño en Galicia. Eexperiencias que, ademais, é moi doado de mesturar con experiencias gastronómicas, artísticas… ou de calquera outro tipo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará