Durmir nun pazo

Escoitar o canto dos paxaros desde o amencer, algún galo talvez, sen o balbordo dos coches; refuxiarse entre grosos muros de pedra cheos de historia; dar un paseo polos xardíns entre o recendo dos buxos, pode que formando labirintos e todo, e as cores vivas das camelias e das buganvillas, ao mellor entre o frescor de fontes, estanques, ou mesmo regatos; papar boas viandas ao calor da lareira, en vaixelas antigas; descansar tomando o aire na solaina, ou dentro, na biblioteca; escoitar os grilos mentres cae a noite… Case podemos imaxinar que o pazo pertenceu á nosa familia ao longo de xeracións e que agora nos toca gozar del. Eh! Esperta! Non todo o mundo ten un pazo! Mais sempre temos a opción de pasar unha noite nun polo menos…

É que moitas destas casas señoriais, despois de épocas de esplendor e de épocas de decadencia, de pasar de mans en mans, de acabar sendo residencias de verán, ou casas de labranza, ou mesmo sendo expropiadas, chegan ao século XXI transformadas en recurso turístico. Manter un pazo en condicións costa o seu así que, ao diversificar as súas funcións, se converten nunha fonte de rendemento económico, ou ás veces simplemente unha axuda para manterse en pé.

Así, hai pazos particulares visitables, como o de Faramello, que presume de ser o máis visitado de Galicia; outros abeiran museos, como o Quiñones de León en Vigo, ou centros institucionais, como o de Gandarán, de Pontevedra, sede da Misión Biolóxica de Galicia, ou o de Lourizán, sede do Centro de Investigación forestal; outros son famosos polas adegas, nas Rías Baixas, como o de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa ou o de Fefiñáns en Cambados; outros locen xardíns e camelias de sona internacional, como o pazo de Oca, Quinteiro da Cruz ou A Saleta, que forman parte da Ruta da Camelia…

Doutra banda, co seu toque rústico e histórico, os pazos son lugares entrañables para a celebración de eventos públicos ou privados, de festas, de vodas e mesmo de concertos, como os festivais de verán no Pazo de Cea, por exemplo. Algúns céntranse na gastronomía, con cociñas a cargo de chefs de prestixio, como Pepe Vieira (pazo da Buzaca) ou Pepe Solla (pazo de Cea).

Aínda que, para aproveitar o máximo o ambiente pacego, o mellor é ficar a durmir. Temos sorte, pois moitos se converteron en hoteis. Son as cinco estrelas dos aloxamentos rurais. Están clasificados no grupo a, polo que teñen que cumprir a condición de ser de antes de 1900 e de ofertar entre 5 e 15 habitacións.

Normalmente contan con dous andares máis faiado, orientados cara ao sur ou ao leste, buscando o sol. Ademais da casa principal, poden conservar outras dependencias, como capela, pombeiro, hórreo… e, sobre todo, moito xardín.

Como Galicia está chea de pazos, e todos fantásticamente situados, hai variadas ofertas no interior e na costa. Aínda que os máis grandes e luxosos están na provincia de Pontevedra, onde os protagonistas son as camelias e os viñedos. Por certo que en Nigrán, no Val Miñor, mesmo hai unha rúa dos pazos, unha das rúas coa vivenda máis cara de toda Galicia.

Hai pazos con vistas ao mar, como o da Merced en Neda, Ferrol. Data do século XVI, e a lenda dí que está unido por un pasadizo submariño ao mosteiro de San Martiño de Xubia, na outra beira da ría. No século XVIII foi fábrica de curtidos; no XIX, convento de franciscanos e, desde 1991, aloxamento, sendo o primeiro en adicarse a iso na provincia da Coruña. Como vemos, os pazos sempre en transformación…

Se somos máis de monte, tamén podemos relaxarnos en pazos entre montañas, como o de Freiría, na Pobra de Trives, ou o Pazo da Pena, en Manzaneda, por exemplo, preto de Cabeza de Manzaneda, desde o que podemos visitar o Parque natural do Invernadeiro e mesmo achegarnos ás Médulas.

Ao mellor o que buscamos é un pazo con torres e escalinatas. Pois aí están o de Torres de Agrelo, en Redondela, con vistas a San Simón e Rande, reconstruído no século XIX sobre as ruínas dun convento franciscano. O Pazo da Touza, na famosa rúa dos Pazos de Nigrán, tamén conta cunha boa torre e unha fermosa balaustrada, ademáis de curiosas gárgolas con cabeza de león.

Para a xente que non lle abonde o xardín, que saiba que hai establecementos que tamén contan con recursos extra, como o pazo de Sedor, en Arzúa (con pádel, piscina, horta, bicis para sendeirismo…); o de Bentraces, en Barbadás, Ourense, tamén con piscina; ou o pazo do Souto, en Sísamo, Carballo (piscina, horta ecolóxica, cafetería, parque infantil…), entre outros.

En fin, hai moitos pazos onde elixir… E durmir nun deles, ademais do que ten de relaxante, é un xeito de meternos de cheo na natureza e na historia desta terra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *