Catro mil anos é o que habería que remontarse atrás no tempo para coñecer as orixes do inxente patrimonio arqueolóxico que atesoura a localidade pontevedresa de Campo Lameiro. Pero tan só unha década é o tempo que nos separa da inauguración do centro deseñado para protexer e divulgar ese testemuño en pedra do noso pasado. Foi o 6 de xullo do 2011 cando abriu as súas portas de forma oficial o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, un espazo consagrado aos petróglifos no que é posible coñecer a súa orixe e achegarse ao mundo dos antigos poboadores do lugar que lles deron forma. A súa posta en marcha foi a formalización dun proxecto nado case tres lustros antes e que viña confirmar a importancia dun xacemento declarado monumento histórico artístico hai case medio século e considerado como unha das concentracións de arte rupestre máis importantes non só da Península, senón de toda Europa. Unha década despois da súa apertura convidámosche a descubrir este espazo único.
Centro de interpretación
Un orixinal edificio de forma alongada e recuberto por laxas de pedra dá a benvida a todos aqueles que se achegan ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre. No seu interior alberga un amplo espazo expositivo dividido en nove sectores para que o visitante poida coñecer o mundo dos petróglifos desde diversas perspectivas, incluídos o proceso de investigación e posta en valor do propio xacemento de Campo Lameiro.
Rastros do pasado, Enigmas nas pedras, Busca e estudo, Desvelando os arquivos da terra, Hai 4.000 anos, Pedra contra pedra, Outra ollada, Novos enigmas e A conservación da memoria son a seccións deste percorrido que inclúe reproducións, paneis explicativos, contidos audiovisuais e, mesmo, un apartado no que se recrea como foron creados os petróglifos.
O centro expositivo dispón así mesmo dunha cafetería restaurante cunha ampla terraza con belas vistas do val de Campo Lameiro e dunha tenda na que é posible adquirir recordos do parque, publicacións sobre os petróglifos e produtos de artesanía local.
Área visitable
Se o centro de interpretación é a porta de entrada ao mundo dos petróglifos, a área visitable é a xoia da coroa e o elemento que dá sentido a todo o parque. Un percorrido de máis de 4 quilómetros de lonxitude debidamente sinalizado e acondicionado con espazos para o descanso convida o visitante a internarse nun auténtico museo ao aire libre que lle permitirá contemplar algúns dos exemplos máis sobresalientes da arte rupestre de Campo Lameiro.
As Laxes da Forneiriña, dos Cabalos e dos Carballos, os outeiros dous Cogoludos (I e II), das Ventaniñas e da Pena Furada, e a Fonte da Pena Furada son as oito paradas deste itinerario pensado para mostrar os principais motivos e escenas dos petróglifos na propia contorna no que foron ideados e creados hai arredor de 4.000 anos. Gravados en pedra pódense ver figuras como cervos, xinetes dacabalo, estruturas laberínticas e círculos concéntricos.
Poboado da Idade de Bronce
O percorrido polo parque inclúe tamén a posibilidade de albiscar como era a vida das persoas que deron forma á arte rupestre. Isto é posible a través da recreación a escala real dun pequeno poboado da Idade de Bronce formado por varias cabanas, algunhas estruturas para o almacenamento de víveres, e cercados para o gando, todos eles construídos cos mesmos materiais que empregaban os antigos moradores do lugar.
Actividades
Para apreciar todo o que ten que ofrecer, o parque dispón dun amplo programa de actividades pensadas tanto para escolares, como para grupos de diversos tamaños e familias. O acompañamento dun guía experto permite descubrir todos os secretos da arte rupestre, e a participación nos percorridos realizados á tardiña e, mesmo, durante as primeiras horas da noite, constitúe unha oportunidade única de contemplar os petróglifos desde unha óptica moi diferente.
Máis información en https://www.paar.es
E ademais
Pero Campo Lameiro presume de ser a capital da arte rupestre non só polo seu parque arqueolóxico, senón polo amplo patrimonio que se estende máis aló dos límites do recinto aberto hai agora 10 anos. A Pedra da Serpe, situada no Castro de Penalba, e os petróglifos de Rotea de Mendo, Chan da Lagoa e Outeiro de Chan da Lagoa son outros valiosos e sorprendentes lugares que ben merecen unha visita. O concello de Campo Lameiro deseñou unha ruta que parte da capital municipal para poder descubrilos.
Máis información en https://campolameiro.org/