Boa parte do legado histórico, patrimonial e etnográfico de Galicia concéntrase nos museos que se poden visitar ao longo e ancho desta terra. A oferta destas institucións e a variedade de ámbitos aos que están dedicadas é inmensa e constitúe outro dos grandes atractivos culturais de Galicia. Con motivo da celebración do Día Internacional dos Museos, que se conmemora cada 18 de maio, queremos convidate a que coñezas e goces das principais coleccións xestionadas pola Xunta de Galicia. Esperámosche!
Museo das Peregrinacións e de Santiago
Santiago de Compostela
Se buscas saber máis sobre o Camiño de Santiago e o papel que xogou na evolución da cidade de Compostela, non podes deixar de visitar este museo situado no corazón do seu casco vello, fronte á súa famosa catedral. Creado en 1951 por iniciativa de Manuel Chamoso Lamas, e tras varias décadas de inestabilidade e avatares diversos, o museo abriu as súas portas xa de forma permanente ao público en 1996 na sede da Casa Gótica, edificio que actualmente acolle as áreas técnicas, administrativas e a biblioteca. En novembro de 2015 inaugúrase a sede de Praterías, no edificio do antigo Banco de España, remodelado polo Consorcio de Santiago segundo o proxecto do arquitecto Manuel Gallego Jorreto. A exposición permanente do museo percorre as tres plantas do edificio de Praterías guiando aos seus visitantes a través de tres áreas temáticas: a peregrinación como fenómeno universal, a peregrinación xacobea e o Camiño de Santiago e o nacemento e a evolución da cidade de Santiago.
Museo Pedagóxico de Galicia ( MUPEGA)
Santiago de Compostela
Así era o ensino en Galicia no século XIX. Se o que buscas é facer unha viaxe no tempo e entender como evolucionou o ensino galego desde o século XIX ata a EXB, non podes perder esta viaxe a través do Museo Pedagóxico de Galicia. Inaugurada en outubro de 2004, o obxectivo desta mostra situada na zona de San Lázaro é recuperar, protexer, mostrar e difundir o rico patrimonio educativo de Galicia. Para iso, conta por exemplo, con curiosos obxectos escolares, xoguetes ou a recreación dunha aula de época.
Centro Galego de Arte Contemporánea
Santiago de Compostela
Este museo conta cunha das principais exposicións de Compostela e cunha clara vocación de modernidade e internacionalidade desde os seus inicios, no ano 1995. O seu edificio, obra do prestixioso arquitecto portugués Álvaro Siza, é unha obra de arte en si mesmo que traza un harmonioso contraste co veciño convento de San Domingos de Bonaval, sede do Museo do Pobo Galego. No seu interior, ademais dun programa de exposicións temporais desenvólvense outras iniciativas como obradoiros impartidos por artistas, ciclos de conferencias, encontros con creadores e críticos, e incursións nos campos da música, as artes escénicas ou o cinema. Todas estas accións están enfocadas á exhibición, o gozo e o coñecemento das tendencias e correntes dentro da creación artística contemporánea. Caldo de cultivo de novas correntes creativas, os visitantes do CGAC atoparán un espazo de creatividade.
Museo de Belas Artes da Coruña
A Coruña
Tras varias localizacións provisionais, en 1995 inaugúrase o actual edificio do Museo de Belas Artes na cidade de Coruña. Obra tamén do arquitecto xa anteriormente mencionado, Manuel Gallego Jorreto, esta galería abarca unha ampla colección ordenada cronoloxicamente e estruturada en varias seccións: pintura, gravado, debuxo, artes decorativas, numismática, medallística e escultura. De visita obrigada para os amantes da arte, neste museo destacan obras de autores da talla de Juan de Arellano, Rubens, Urbano Lugrís, Luís Seoane, Joaquín Sorolla ou Francisco Leiro entre outros. Son tamén de grande relevancia tamén as coleccións de gravados de Goya ou a de Cerámica de Sargadelos.
Museo do Castro de Viladonga
Castro de Rei
Así era a vida nun castro durante a Idade de Ferro. Situado entre as dúas últimas murallas ao lado sueste do Castro de Viladonga, no municipio de Castro de Rei, este museo achéganos a un dos tesouros arqueolóxicos máis lendarios e de maior interese histórico de Galicia. Dividido en catro salas, o edificio está dedicado á interpretación e a explicación do xacemento. Ademais a exposición custodia os materiais descubertos nas sucesivas escavacións do castro, cuxa visita forma parte tamén da experiencia inigualable que supón achegarse ata este monumento lucense.
Conxunto Etnográfico do Cebreiro
O Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro)
Na aldea do Cebreiro, entrada a Galicia do Camiño Francés cara a Santiago de Compostela, o Conxunto Etnográfico do Cebreiro ofrece aos seus visitantes unha xanela ao ambiente tradicional da montaña lucense. As catro pallozas que o conforman, tres delas musealizadas, achegan ao público a estas características vivendas adaptadas ás duras condicións da montaña e á vida cotiá dos que fosen os seus habitantes, mediante a exposición de mobles e útiles relacionados cos traballos téxtiles, agrícolas ou gandeiros.
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Ourense
A sede deste museo, que alberga unha ampla selección de elementos histórico-arqueolóxicos, sitúase no antigo Palacio Episcopal, en pleno corazón do centro histórico de Ourense. Declarado como monumento histórico artístico no ano 1931, o edificio atópase actualmente en remodelación. É por iso que as coleccións foron trasladadas a dous puntos. Quen queira visitar esta colección, deberá dirixirse por unha banda ao edificio de Santa María de Europa, onde se almacenan a maioría das obras e doutra banda, á sala de Exposicións de San Francisco, onde atoparán unha selección das esculturas máis representativas do museo baixo o título “Escolma de Escultura”.
Museo Etnolóxico de Ribadavia
Ribadavia
Aínda que nun principio funcionou como sección etnográfica do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, hoxe en día conta cunha sede propia e de carácter independente. Está situado en pleno centro histórico de Ribadavia, nun palacete coñecido como Pazo de Baamonde ou Casa da Fundación. Os seus visitantes poderán coñecer diferentes aspectos relacionados co mundo téxtil e a vestimenta ou a música popular, entre outras cuestións ligadas á cultura rural da provincia de Ourense. Ademais, na actualidade acolle unha mostra temporal con obras da Colección Abrente que permite contemplar óleos, gravados, serigrafías e esculturas de recoñecidos artistas galegos.
Museo do Viño de Galicia
Ribadavia
Situado na casa reitoral de Santo André de Camporredondo, en plena comarca do Ribeiro, o Museo do Viño de Galicia sorprenderá pola súa beleza a todo aquel que decida visitar este conxunto monumental. A arquitectura deste edificio, antigamente priorado de San Martiño Pinario, responde ao labor histórico de elaborar, almacenar e distribuír viño cara á cidade de Compostela. Este museo dedica a súa exposición permanente á difusión do patrimonio cultural vitivinícola de Galicia a través de numerosos obxectos, ferramentas, instrumentos técnicos ou escritos. Os seus visitantes poderán achegarse a todo o proceso de elaboración do viño, desde as técnicas e sistemas de cultivo ata o proceso de obtención desta bebida.
Museo Massó
Bueu
Instalado nas naves industriais da antiga conserveira Massó Irmáns, en pleno centro do municipio pontevedrés de Bueu, o Museo Massó embarca aos seus visitantes nunha aventura a través do océano e das grandes expedicións marítimas. Nas súas salas coñecerás máis sobre as actividades pesqueiras galegas e as factorías conserveiras e baleeiras. Nas súas exposicións este patrimonio marítimo e industrial conviven co espírito erudito do coleccionismo da época. Instrumentos de navegación, documentos e libros antigos, obxectos curiosos ou maquetas de barcos históricos serán algúns dos elementos que os seus visitantes poderán contemplar entre esta colección.
Museo do Mar de Galicia
Vigo
Emprazado na vella fábrica de conservas Alcabre-Muíño de Vento, en Vigo, o edificio que ocupa o Museo do Mar de Galicia foi ideado polo arquitecto italiano Aldo Rossi e finalizado polo galego César Portela, como mestura de vangarda e tradición. Este complexo museístico está formado por cinco naves rehabilitadas, un edificio de nova construción tamén comprendido por cinco naves e un peirao, onde se emprazan o acuario e o faro. O museo aproxima aos seus visitantes os segredos do sorprendente mundo mariño no que o nexo de unión de todas as súas salas serán a pesca e os recursos acuáticos.