Un dos innumerables atractivos que Galicia ofrece aos visitantes non se atopa nas súas paisaxes, nin no seu patrimonio nin nos fogóns que dan vida á nosa saborosa gastronomía. Basta con botar unha ollada aos ceos para gozar do espectáculo que nos regala a natureza tal como veñen facendo moitas persoas desde hai milenios. Os fenómenos astronómicos teñen marcado a vida dos habitantes destas terras desde tempos inmemoriais condicionando aspectos tan diferentes como a sementa e recolección dos campos, a construción e orientación de monumentos funerarios e a celebración de festividades diversas. Fenómenos como a posta de sol inspiraron lendas e converteron lugares como Fisterra en espazos de referencia para xentes de toda Europa. E tamén son moitos os paralelismos entre o Camiño de Santiago e a propia Vía Láctea.
Galicia é por tanto un lugar ideal para a contemplación do firmamento, tal como acreditou a Fundación Starlight, incluíndo tres localizacións diferentes da comunidade entre os destinos que posúen unha “excelente calidade de ceo” e un “exemplo de protección e conservación”. As certificacións que concede esta entidade creada polo prestixioso Instituto de Astrofísica de Canarias teñen en conta aqueles escenarios que “incorporan a observación do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural ou científico e fomentan á súa vez o Turismo de Estrelas”. Conséguese así aproveitar “a astronomía e a visión do firmamento como ferramenta para unha nova forma de turismo sostible”.
Trevinca
As montañas do espazo natural protexido de Trevinca, no municipio ourensán da Veiga, convertéronse en agosto do ano 2015 no primeiro espazo de Galicia en recibir a certificación da Fundación Starlight. A altitude da zona e o feito de estar afastada de grandes núcleos de poboación convértena nun espazo ideal para a observación da Vía Láctea e de fenómenos astronómicos periódicos, como as choivas das Perseidas e das Xemínidas que se producen, respectivamente, nos meses de agosto e decembro. O Pico Maluro, A Tablilla das Lagoas e O Rañadoiro son os tres vértices do triángulo que delimita esta área de observación na que foron habilitados varios miradoiros astronómicos.
Máis información en http://www.aveiga.gal/turismo/miradoresastronomicos.php
Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia
En xaneiro do 2016, a comunidade sumou o seu segundo selo Starlight coa certificación do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia como destino turístico para a observación astronómica. A fundación recoñecía así o enorme potencial dos catro arquipélagos que forman esta área protexida (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) para esta actividade, confirmándoa como un atractivo máis que engadir aos seus enormes valores naturais e paisaxísticos. As espectaculares noites nas illas, inspiraron diversas actividades destinadas a fomentar a protección e observación dos ceos nocturnos e a posibilidade de pasar a noite no propio parque, nos aloxamentos habilitados en Cíes e Ons, facilitan o acceso a estas propostas.
Máis información en https://www.parquenacionalillasatlanticas.com/index.php?lang=es
Muras
Hai só uns meses, en decembro do 2020, o municipio lucense de Muras converteuse no terceiro espazo galego recoñecido ata a data pola Fundación Starlight cunha das súas certificacións. Os montes da Serra do Xistral álzanse alí como inmellorables balcóns para gozar das estrelas. Foron identificados 10 puntos diferentes de observación agrupados en dúas grandes zonas suficientemente afastadas dos núcleos de poboación. A primeira zona inclúe os miradoiros de Campelas da Auga e Piocorto, e a Cruz da Fraga Gorda, mentres que na segunda zona están situados os miradoiros de Manzoi e A Gañidoira, a Cruz de Bestermud, o Alto da Amosa, a área de autocaravanas do municipio, a Cruz do Campo e a carballeira do Viveiró.
Máis información en https://muras.gal/wp-content/uploads/2020/12/Certificado-Municipio-Starlight-Muras.pdf