Descubre a beleza termal de Ourense: O Carballiño, Laias, Lobios, Baños de Molgas, Verín, Ourense

A provincia de Ourense, con tanto río e tanto manancial, é o reino das termas, ben o sabían os romanos, grandes afeccionados ás augas quentes. Podemos gozar dos beneficios das augas termais en moitos lugares, xa sexa en paraxes naturais, en instalacións públicas ou en balnearios privados, estes case todos con servizo de hospedaxe. 

Por exemplo, á beira do río Arenteiro, que atravesa O Carballiño, xorden as augas que deron orixe ao Gran Balneario do Carballiño. O edificio orixinal, de 1816, aínda en pé mais remodelado, claro, trasládanos a outras épocas. Aquí, a auga agroma a 26 ºC e é ideal para aliviar afeccións hepáticas, intestinais e otorrinolaringolóxicas. Ademais do pavillón do manancial, conta con casa de baños, feita en 1900, e con instalacións modernas. No exterior, os xardíns lévannos até unha natureza máis salvaxe seguindo o curso do río, onde podemos percorrer a Senda do Arenteiro, que pasa por moitos puntos interesantes, como o parque etnográfico, a Pena dos Namorados, e varios muíños e pontes.

O Gran Balneario usa o máis importante dos tres mananciais do concello. Nesta vila termal, ademais, podemos tomar as augas nas Caldas de Partovia e en Bañiños de Arcos.

Na vila termal de Cenlle, na comarca do Ribeiro, temos varias alternativas para un darmos un bo baño termal. Por unha banda, a Área termal de Barbantes, un complexo gratuíto que dispón de tres piscinas con auga de entre 21-28 ºC, que aproveitan o manancial de augas sulfurosas, axeitadas para poñer a punto os ósos, as articulación e a pel. Ademais, ten cafetería, aparcamento e área de autocaravanas.

Se buscamos algo máis sofisticado, temos que achegarnos a Laias. As augas termais de Laias xa se veñen usando hai moitos séculos. Dicíase mesmo que o rei de León Vermudo II dábase alí baños para aliviar a gota. A mediados do século XX construíuse un balneario, máis tarde asolagado baixo o encoro de Catstrelo de MIño. Hoxe hai un balneario novo, do 2001, reformado en 2015, que ademais funciona como hotel de catro estrelas. Aquí, as augas son hipertermais, de mineralización media e sulfuradas. Agroman a 47,3 ºC, e pódese dicir que poñen o corpo en marcha (son boas para a artrose, a recuperación dos deportistas, estrés, para xente con limitacións motoras…). Cerca das instalacións hai lugares de interés para visitar, como o castro de San Cibrán de Lás ou o mosteiro de Oseira.

Lindando con Portugal, no medio da Reserva da biosfera transfronteiriza Gêres-Xurés, está a vila termal de Lobios, concello bañado polo río Caldo, afluente do Limia. O nome do río xa nos fai pensar en augas caldosas, quentiñas, ou sexa, en termas. Precisamente, na zona están as ruínas da Mansio romana Aquis Originis, que xa contaba cun complexo termal.

No río Caldo hai piscinas naturais con augas cunha temperatura de xurdencia de até 60ºC. Son moi boas para o aparato dixestivo, respiratorio, problemas de pel, fígado, reuma e artrite.

O balneario de Lobios, tamén hotel, está especializado en cicloturismo, e é punto de información de BBT Galicia. Na contorna, ademais de internarnos no parque do Xurés, podemos achegarnos ao conxunto arqueolóxico de Aquis Querquennis, ao parque megalítico de Muíños ou á igrexa de Santa Comba de Bande.

Os romanos sempre se encargaron de aproveitar as augas termais. En Baños de Molgas, mesmo o nome que lle puxeron ten que ver co asunto (Balneos Mollicas: baños suaves e sedantes). Alí, xunto á Ponte Vella que cruza o río Arnoia, está a Burga de Baños de Molgas, fonte termal pública con augas de entre 28 e 29 ºC, moi axeitadas para a artrite, reuma e gota. A carón da burga, levántase o hotel Balneario, en pé desde 1873. O balnerio aproveita a auga de tres mananciais: dous de augas quentes, a 49 ºC e outro máis templado, a uns 28 ºC. Desde o edificio podemos facer moitas rutas de sendeirismo pola beira do río.

A vila termal de Verín está ao sureste da provincia de Ourense, lindando con Portugal. Precisamente, xunto coa vila termal de Chaves, en Portugal, constitúen a primeira Eurocidade da Auga. É unha das zonas con máis concentración de augas termais e medicinais de toda a península. No concello de Verín hai cinco mananciais: o de Fontenova, ideal para afeccións dixestivas; o de Cabreiroá, con manacións con certo grao carbónico; o de Sousas, a mellor para os riles; A Fonte do Sapo, para afeccións respiratorias, dixestivas e urinarias e o Balneario de Caldeliñas, coa a auga máis quente, moi boa para a pel e as alerxias. Moitas instalacións teñen planta de embotellado para o consumo de auga de mesa.

E deixamos para o final a capital das termas: Ourense, a “Cidade das Burgas”. No mesmo núcleo urbano, conta con instalacións termais ás dúas beiras do Miño, para todos os gustos e todos os petos (hainas de pago e de balde).

No centro está o manancial das Burgas, onde agroma a auga auns 64 ºC. Seguindo o río, sucédense as demais termas, con zonas recreativas e servizos variados: A Chavasqueira, tamén a 64 ºC, o manancial do Tinteiro, algo máis fresco, o do Muíño da Veiga, a 65,4 ºC, o de Outariz, a 55,7 ºC, a Burga de Canedo, a 60,2 ºC e A Fonte de Reza, a 31,5 ºC. De todos eles agroman augas estupendas para aliviar as afeccións da pel e do aparato locomotor, principalmente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará