Descobre a maxia das Rías Baixas en 4 días: o paraíso galego espérate!

As Rías Baixas, unha das nosas xoias naturais, é o destino ideal para unha escapada de catro días. Praias fabulosas, paisaxes verdes, gastronomía de primeira… Aquí temos todo o necesario para desconectar da rutina e gozar dunha experiencia única.

Día 1: Vigo e arredores

A primeira parada é Vigo, a cidade máis grande de Galicia, cun potente porto pesqueiro, que combina un moderno núcleo urbano co espectáculo natural da ría. O mellor plan é adicar a mañá a coñecer o casco vello, coas súas rúas empedradas, prazas e monumentos. Por suposto, sen deixar de pasar polo Mercado da Pedra e pola rúa da Peixaría, onde hai que catar o manxar máis típico da cidade: as ostras.

Pola tarde, travesía pola bocana da ría até as Cíes, o tesouro da Ría de Vigo. O arquipélago forma parte do Parque natural marítimo terrestre da Illas Atlánticas de Galicia, xunto cos de Cortegada, Sálvora e Ons. Abrangue as illas de Monteagudo, Faro e San Martiño. A praia de Rodas, ponte natural entre Monteagudo e Faro, foi elixida en varias ocasións unha das mellores praias do mundo. Augas cristalinas, area fina, aire atlántico cen por cen… Que máis se pode pedir?

Día 2: Baiona e o sur das Rías Baixas

Continuamos a nosa viaxe cara ao sur. A mañá é para Baiona, unha vila costeira con moita historia, moito encanto e moito areal, pois ten até seis praias no mesmo casco urbano. Aquí recalou a Pinta á volta do descubrimento de América, e atopamos varios recordatorios do acontecemento na cidade, mesmo unha réplica da carabela ancorada no porto, que se pode visitar. En Baiona agárdanos un importante casco histórico, un estupendo paseo marítimo e o Paseo de Monte Boi, que rodea a península do mesmo nome pola beira do mar. No curuto do monte está a fortaleza de Monterreal, hoxe parador, que nos ofrece unhas vistas máis elevadas das Cíes, da costa de Nigrán e do mar aberto.

A 18 km al sur, agárdanos Oia, coa peculiar estampa do mosteiro de Santa María de Oia, fundado no século XII, prácticamente metido na praia. Despois de estirara as pernas e encher os pulmóns de aire oceánico, en menos dun cuarto de hora en coche, poñémonos na Guarda. A pouco que subamos o monte de Santa Trega, atopamos miradoiros naturais con incríbles vistas sobre a desembocadura do Miño, con Portugal a fronte e o Val do Rosal. Por se fose pouco, polo camiño temos a sorte de contemplar un dos xacementos castrexos máis espectaculares de Galicia.

Día 3: Pontevedra e contorna

Para o terceiro día deixamos Pontevedra, no centro das Rías Baixas. É unha das cidade máis cómodas e ecolóxicas de Galicia, cun núcleo urbano con moita historia e moi coidado, con diversos puntos de interese: o Museo de Pontevedra, a Peregrina, Santa María a Maior, a Alameda, o paseo fluvial…

Seguindo a ría de Pontevedra chegamos a Combarro, vila pesqueira no concello de Poio, famoso pola zona vella, moi ben conservada, e sobre todo pola cantidade de hórreos e cruceiros que ten á beira do mar. Máis ao norte, xa na ría de Arousa, está Cambados, capital do albariño. vila ten un conxunto histórico artístico de moito nivel, coas ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo, o pazo e a praza de Fefiñáns, o pazo de Montesacro,  a torre de San Sadurniño… Para completar a visita e coñecer a fondo a zona, o ideal é deixarse caer por algunha das adegas da DO Rías Baixas.

Día 4: Ría de Arousa e Ría de Muros e Noia

Sen saír da ría de Arousa, hai outras vilas que deixarán pegada en nós, como Vilagarcía de Arousa, ou, xa na provincia da Coruña. Rianxo ou A Pobra do Caramiñal. Como remate, nada mellor que pasear por un dos parques naturais de Galicia: o complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.

Este último día, hai que aproveitar para coñecer a ría de Muros e Noia, a máis ao norte das rías Baixas, onde temos moitos lugares nos que parar: o castro de Baroña, Porto do Son, Serra de Outes… O destino final do cuarto día é Santiago, fin de camiño, que nos transmite o peso da historia en cada rúa.

Entón que? Aínda dubidamos? Imposible! O destino perfecto para a nosa escapada de catro días en Semana Santa está aquí, nas Rías Baixas! A facer a maleta e… Boa viaxe!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *