Contemplar a beleza do ceo en Galicia: Destinos Starlight

Andar á procura de ceos estrelados é unha misión imposible ás veces. Que se lúa chea, cando non superlúa, que se nubes, que se farolas… Nas aldeas sentimos o ceo máis preto de nós, e xa non digamos no alto dun monte, por exemplo.

Desde logo, hai sitios onde contemplar o ceo nocturno é unha experiencia inmersiva e poética. Eses lugares afastados, protexidos da contaminación luminosa, convértense en destinos ideais para o astroturismo.

A Fundación Starlight, creada en 2009, con base en Tenerife, e impulsada polo Instituto de Astrofísica de Canarias e a consultora Corporaciones, ten como principal obxectivo a protección do ceo nocturno e a difusión da astronomía. Para iso, estimula o turismo das estrelas, sostible e de calidade, a través dun sistema de certificacións que acreditan os Destinos Turísticos Starlight. Os concellos que solicitan ser Destino Starlight teñen que cumprir unha serie de requisitos ambientais, de servizos, de estratexias de alumeado intelixente, etc. Pola súa banda, a fundación desenvolve cursos especiais para a formación dos guías e monitores astronómicos e promociona estelarios con actividades relacionadas coa astronomía.

A Fundación Starlight tamén concede certificacións a aloxamentos. Así, hai hoteis, casas rurais e até cámpings Starlight, por exemplo, en Cuntis, Trevinca, Valdín, Cíes, Sanxenxo…

Hoxe en día, Galicia conta con tres Destinos Starlight: Trevinca, desde 2015; o Parque nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas, desde 2016; e Muras, desde 2020.

Trevinca. O centro Astronómico de Trevinca está no concello da Veiga, no macizo do mesmo nome, ao sueste da provincia de Ourense. Nesta zona chea de montañas está o punto máis alto de Galicia, Pena Trevinca, de 2.200 m de altitude. O Destino Turístico Starlight atópase no triángulo formado entre A Tablilla das Lagoas, Pico Maluro e O Rañadoiro, dentro do Espazo natural protexido de Pena Trevinca (zona ZEC e ZEPA). Ademais da altitude e a ausencia de contaminación lumínica, a climatoloxía da zona, especialmente despexada, é perfecta para coñecer o ceo.

Xa de sempre, os afeccionados á astronomía reuníanse nesta zona para ver as estrelas. Despois, co impulso do astroturismo, inaugurouse o Observatorio Astronómico Trevinca, en 2021, que ten dúas cúpulas, oito telescopios e un planetario, todo un luxo. Aquí faise un gran labor de difusión desta ciencia a través da observación mesma e da organización de actividades: visitas guiadas, xornadas, concertos, obradoiros… Ademais, contan cos dous magníficos miradoiros estelares: As Tablillas, a 1.500 m de altitude, e O Rañadoiro, a 1.000 m, perfectos para contemplar a Vía Láctea. 

Parque nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Calquera destas illas (arquipélagos de Cortegada, Sálvora, Cíes e Ons) é un magnífico lugar para ver o ceo sen interferencias, no medio do mar, so iluminado polos astros.

A Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) encárgase de organizar diferentes actividades gratuítas arredor dos ceos. Inclúen observacións diurnas e nocturnas, pernoctacións, prácticas fotográficas… Doutra banda, cada vez hai máis empresas privadas que organizan travesías nocturnas para ver as estrelas.

Os mellores puntos de observación son os seguintes: O Lago dos Nenos e A Pedra da Campá en Cíes; Caniveliñas, en Ons; Punta Fradiña, en Cortegada e Aldea, en Sálvora.

Muras. Este pequeno concello do norte de Lugo, entre ríos e montes, na Serra do Xistral, é un dos mellores puntos de observación dos ceos. En concreto, en dúas zonas: dunha banda, nos miradoiros da Cruz da Fraga Gorda, As Campelas da Auga e O Piocorto; doutra, na zona de Cruz de Bestermud, Miradoiro de Manzoi, Miradoiro da Gañidoira, Alto de Amosa, Área de autocaravanas, Cruz de Campo e Carballeira do Viveiró.

En Muras ben sabían que contaban cun lugar único para ver as estrelas así que, no seu tempo, ademais de solicitar a certificación Starlight, empezaron a facer actividades nocturnas co ceo como protagonista, impulsadas pola Sociedade Galega de Historia Natural, como acampadas nocturnas, obradoiros de astrofotografía, etc.

So nos queda esperar que chegue a noite, que non haxa moitas nubes, que lúa non estea ao máximo, e deixarnos guiar polo camiño das estrelas…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará