Cogomelos: benvido outono

Co inicio do outono damos a benvida de novo ás paisaxes marróns e douradas, ás follas caídas, ás primeiras choivas e aos campos cheos de cogomelos. É por iso que, cada ano, por esta época, os montes énchense de afeccionados á micoloxía. E se hai un lugar no que se atopan cogomelos de calidade é en Galicia, debido ao seu clima, que favorece o seu brote.

Aínda que se poden atopar ao longo de todo o ano, é no outono cando a cantidade é maior e máis variada. Nesta época, en Galicia, hai máis de 4.000 especies diferentes, e entre os mellores sitios para colleitalas están a Ribeira Sacra, os Ancares, o Courel, a serra do Suido e os piñeirais das Rías Baixas.

As especies máis valoradas adoitan estar en lugares concretos cunhas condicións de temperatura e humidade moi específicas, pero o certo é que hai centos de especies que se poden atopar con facilidade nos montes galegos. Porén, tamén hai moitas especies perigosas. Por iso, o recomendable é informarse previamente acerca destes cogomelos. Se queres informarte sobre este tema, hai asociacións micolóxicas en toda a comunidade que fan rutas e asesoran a todo aquel que o desexe sobre os diferentes tipos de fungo, dando información sobre que cogomelos non se deben recoller.

Tal é a importancia que este produto ten na nosa comunidade que, en numerosas cidades e vilas, fanse festas e eventos na súa honra. É o caso do Outono Micolóxico de Vilagarcía de Arousa (entre o 6 e o 15 de novembro) ou as Xornadas Micolóxicas de Parada de Sil, Mos, Bueu, Cee ou Monforte de Lemos; sen esquecer tampouco a Festa da Castaña e do Cogomelo de Riós (5 e 6 de novembro). En todas elas, ademais de poder asistir a conferencias e talleres con micólogos expertos, poderanse degustar cogomelos para todos os gustos.

Así que xa sabes, se queres introducirte un pouco máis neste mundo, telo realmente fácil en Galicia. Anímaste a saber máis?

2 comentarios en «Cogomelos: benvido outono»

Deixa una resposta a Francisco Rivera Román Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *