Castro Caldelas, unha vila arredor dun castelo

A Asociación de los Pueblos Más Bonitos de España ampliou hai unhas semanas a súa lista de vilas destacadas pola súa fermosura e coidado. Entre as novas incorporacións están dúas localidades galegas, a lucense Mondoñedo, berce de escritores como Álvaro Cunqueiro e Leiras Pulpeiro e posuidora dunha espectacular catedral; e a pequena localidade de Castro Caldelas, na provincia de Ourense, un lugar a medio camiño entre, as Terras de Trives, a Ribeira Sacra e o Macizo central ourensán.

Esta situación xeográfica privilexiada fixo que a práctica totalidade dos pobos que pasaron por Galicia ao longo da historia deixasen a súa pegada aquí. O mesmo nome da vila fala da súa importancia na época castrexa, e mesmo con anterioridade, dada a gran cantidade de petróglifos e mámoas que se concentran na contorna.

Con todo, foi a Idade Media a que configurou Castro Caldelas como hoxe a coñecemos… e como é fácil de comprobar en canto se ve a localidade ao lonxe. Un consello: se é posible, é moi recomendable chegar pola estrada que ascende desde o Sil, unha pronunciada subida coa torre vixiando os últimos quilómetros do percorrido. O espectacular castelo data de principios do século XIV e formaba parte do patrimonio da Casa de Lemos. Durante a Revolta Irmandiña, entre 1467 e 1469, sufriu coma tantos outros recintos fortificados a carraxe dos campesiños levantados, que o derrubaron en parte, aínda que a vitoria final dos señores obrigounos a reconstruílo. A finais do século XVIII pasou a mans da Casa de Alba, xa convertida en residencia nobre. Durante a Guerra da Independencia en 1808 a torre foi incendiada polas tropas francesas, e xa a finais do XX a Casa de Alba cedeu o seu uso ao Concello.

Na actualidade, convertido en centro de interpretación da comarca, pode visitarse na súa totalidade e é unha clase mestra de como se construían os castelos na súa época, con grosos muros delimitando a contorna, un patio central con pórticos e a alta torre de homenaxe dominando a un lado as altas montañas do Macizo central ourensán  e ao outro as terras que baixan cara ao Sil. Castro Caldelas tivo, ademais, unha especial relevancia na historia de Galicia. Coa fortaleza e os mosteiros de San Xoán de Camba e San Paio de Abeleda como protagonistas da vida diaria caldelá, os séculos do medievo foron aquí especialmente fecundos. A principios do XIII o rei Afonso IX concedeulle privilexios asinando o chamado Foro do Burgo de Castro Caldelas, de 1228, que pasa por ser unha das primeiras expresións escritas do idioma galego.

O mes de xaneiro é especialmente axeitado para visitar Castro Caldelas. Os montes que rodean a vila están habitualmente coroados de neve, o que lles engade beleza e, ademais, a localidade acolle unha das súas festas máis tradicionais, a Festa dos Fachós. Celébrase o día 19, na véspera de San Sebastián, e nela os veciños camiñan en procesión desde a igrexa dos Remedios e arredor do castelo portando grandes fachos de lume alumeando a escuridade da noite. A celebración é unha escusa perfecta para pasear polas rúas estreitas e retortas, plenamente medievais, e contemplar as galerías de madeira que adornan moitas das casas máis antigas. Se, por mor da meteoroloxía propia do inverno, a medio paseo te ataca o frío, non sufras: en calquera cafetería da vila poderás quentarte cun café e un pedazo da saborosa bica que elaboran nas panadarías locais, unha variedade de biscoito doce e esponxosa que aviva o espírito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *