Bancos para gozar da mellor compañía literaria

Existen diferentes formas de viaxar por Galicia seguindo a pegada dos nosos escritores máis ilustres. Podemos facelo a través das paisaxes que os inspiraron, visitando os espazos que foron importantes nas súas vidas ou achegándonos ata aqueles lugares nos que son lembrados e homenaxeados anos ou décadas despois do seu falecemento. Entre estes últimos destinos destacan as casas-museo nas que é posible empaparse do ambiente en que viviron e deron forma ás súas creacións. Pero hoxe queremos propoñerche unha experiencia que che permitirá mirar aos ollos a algúns destes autores, sentar a carón deles, imaxinar incluso unha conversa e se che apetece abrir un libro e gozar da lectura na súa compaña. Para poder facelo só tes que buscar algunhas das estatuas a tamaño real coas que foron homenaxeados en varias cidades galegas e que che convidan a tomar asento.

 

Valle Inclán

Santiago de Compostela

A súa etapa estudantil en Santiago de Compostela, cidade á que se referiu como “rosa mística de pedra”, deixou unha profunda pegada en Ramón María del Valle Inclán (1866-1936), tal como se pode ver nalgunhas das súas obras e outros escritos. En xusta correspondencia a cidade do Apóstolo erixiulle unha estatua e regaloulle un espazo privilexiado na Alameda desde o que poder contemplar eternamente as torres da Catedral e a zona vella compostelá. A estatua, elaborada en bronce polo escultor César  Lombera, foi inaugurada hai algo máis de dúas décadas, en xaneiro de 1999, e desde entón non deixou de recibir a visita dos veciños e os visitantes da cidade. Sentar no banco ocupado por Valle-Inclán, fotografarse con el e gozar das vistas é xa un dos clásicos de Compostela. 

 

Alfredo Brañas

Carballo

César Lombera é tamén o autor da estatua coa que Carballo homenaxea desde o ano 2015 a un dos fillos máis ilustres da localidade: o escritor e político rexionalista Alfredo Brañas (1859-1900). A peza está inspirada nun retrato ao óleo que o pintor José María  Fellonera realizou de Brañas, e foi colocada nunha céntrica rúa peonil da capital da comarca de Bergantiños, xusto á beira da vivenda natal do escritor. Outro banco situado xunto ao que ocupa Brañas é un lugar habitual de descanso para os carballeses. Moitos dos que alí sentan imitan ao seu ilustre veciño lendo tamén o xornal.

 

Álvaro Cunqueiro e Castelao

A Coruña

Son moitos os creadores e personaxes homenaxeados na praza coruñesa do Humor, pero dous deles destacan por ser recreados con cadansúas esculturas a tamaño natural que parecen gozar dese espazo desde os seus bancos de pedra: o ilustrador, ensaísta, dramaturgo e político Alfonso Daniel Rodríguez Castelo (1886-1950) e o novelista e xornalista Álvaro Cunqueiro (1911-1981). A ambos reservou un lugar especial o ilustrador e caricaturista Siro López no proxecto que ideou e fixo realidade en 1990 para reacondicionar a anteriormente coñecida como Praza dos Ovos por celebrarse alí un mercado tradicional. Os bustos de Vicente Risco, Wenceslao Fernández Flórez e Julio Camba e os debuxos de personaxes populares do mundo da banda deseñada como Mortadelo e Filemón ou Astérix e Obélix comparten ese mesmo espazo, aínda que son Castelao e Cunqueiro os únicos que convidan o visitante a sentar ao seu carón.

 

Álvaro Cunqueiro

Mondoñedo

Cunqueiro tamén dispón dun espazo propio na súa vila natal desde o que contemplar a fachada da Catedral, tal como fixera moitas veces durante a súa infancia, e manter vivo así o seu recordo. Foi inaugurada hai xa 40 anos, coincidindo co Día das Letras Galegas co que o autor foi homenaxeado dez anos despois da súa morte. Obra de Juan  Puchades, escultor valenciano afincado en Mondoñedo, a estatua está situada nunha pequena praza na que se reúnen veciños e visitantes a gozar do lecer e dunha bela estampa da localidade.

 

Ramón Cabanillas

Cambados

No ano 2009, coincidindo co 50 aniversario da morte de Ramón Cabanillas (1876-1959), Cambados inaugurou unha escultura na que o artista Lucas Míguez representou ao escritor cun caderno na man e a mirada fixa no mar buscando inspiración. A peza estaba pensada para formar parte dun xardín, naquel momento en obras, pero a boa acollida que tivo na súa localización temporal fronte ao consistorio propiciou un cambio de plans e que a figura de Cabanillas se establecese alí definitivamente converténdose nun símbolo e punto de encontro da capital do Albariño.

 

Os tertulianos do Café Moderno

Pontevedra

Varios dos protagonistas das pezas xa citadas, ademais do artista César Lombera, danse cita nun conxunto escultórico inaugurado hai 15 anos en Pontevedra. A obra recrea o ambiente dos faladoiros clásicos dun emblemático establecemento da cidade, o Café Moderno, homenaxeando a algúns dos seus participantes máis destacados. Castelao, Cabanillas, o político e intelectual Alexandre Bóveda (1903-1936); o xurista, empresario e escritor Valentín Paz Andrade (1898-1987); o escritor e articulista Carlos Casares (1941-2002) e o violinista Manuel Quiroga (1892-1961) están presentes nunha obra que inclúe dúas cadeiras baleiras para convidar o público a tomar asento, deixarse envolver por aqueles momentos de charla e reflexión e inmortalizarle con tan ilustre compañía.

 

Julio Verne

Vigo

Está claro que o autor de obras míticas como “A volta ao mundo en 80 días” ou “Viaxe ao centro da terra”, entre outras moitas outras, non naceu en Galicia, pero o feito de que Julio Verne (1828-1905) visitase esta terra nun par de ocasións e que as paisaxes das nosas costas espertasen a súa imaxinación e inspiración fan que tamén teña un oco nesta listaxe. Verne converteuse nun dos grandes embaixadores de Vigo e a súa ría ao dedicarlle un capítulo de “20.000 leguas de viaxe submarina” así que os vigueses mostráronlle o seu agradecemento cunha estatua a tamaño real. A figura en bronce do escritor repousa sobre os tentáculos dunha lura xigante xunto ás augas que arrolan as embarcacións do club náutico da cidade. A peza, obra do artista local José Molares, foi realizada no ano 2005 coincidindo co centenario do falecemento de Verne.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *