Bancos coas mellores vistas

Os bancos, eses asentos tan socorridos para tomar un descanso no medio do camiño, moitas veces convértense en destino en sí mesmos. É o caso dos bancos panorámicos, fixados en enclaves perfectos para gozar das mellores vistas.

Son un reclamo turístico para zonas ás veces descoñecidas ou de difícil acceso. A recompensa chega ao sentarmos, aínda que ás veces teñamos que gardar cola…

Parece ser que foi o banco de Loiba o que empezou a moda. É un banco de madeira que está no miradoiro do Coitelo, en Ortigueira, desde 2009. A lenda dí que, en 2010, despois do Festival de Ortigueira dese ano, algúns compoñentes dunha banda escocesa andiveron por alí e gravaron no respaldo o seguinte: “the best bank of the world”. A tradución sería algo así como: “A mellor ribeira do mundo” pero claro, de “bank” a “banco” hai moi pouco, de aí que ficara como “o mellor banco do mundo”. E despois do boca a boca, e o selfie a selfie, extendeuse a sona do banco por todas partes. E que se ve desde aquí? Pois todo o que temos entre Estaca de Bares e Cabo Ortegal, que non é pouco, con furnas incluídas.

Pero temos máis “mellores bancos do mundo”, xa que a moda do banco con vistas triunfou por toda Galicia. Nas Rías Baixas, un dos máis famosos e vertixinosos é o banco de Redondela. Está no alto do Campo da Rata, en Cedeira, chantado nun bolouro desde 2015. Tamén ten lema no respaldo: “Galiza. It’s different”. E desde alí vése toda a ría de Vigo, Rande, San Simón, Cíes… e despois xa depende da vista de cada persoa.

En Noalla, tanto lles gustó a idea que puxeron varios. O primeiro, o banco panorámico de Noalla, na Punta Faxilda, en 2016. Podemos ver as Cíes, a illa de Onza, a de Ons a de Sálvora, a Punta de San Vicente e, os días craros, ata a provincia da Coruña. Pouco despois instalouse o da Illa do Outeiriño, o banco panorámico da Lanzada, fronte á ermida da Lanzada, que tampouco se queda corto. Houbo un terceiro, pero durou pouco.

En plena Costa da Morte temos outro bo panorama desde o banco de Cabo Touriñán. En 2015 puxeron preto do faro un banco de granito coas coordenadas do seu emprazamento gravadas no respaldo: 43º03N – 9º18O, e coa lembranza de estar no punto máis occidental da España peninsular. Ademais de gozar das impresionantes vistas aos cantís da Gaivoteira e a Laxe de Buxeirados, desde aquí podemos darlle o derradeiro adeus ao sol na Europa continental, polo menos dúas veces no ano, por cousas da rotación da terra (entre 22 de marzo e 25 de abril e 18 de agosto e 19 de setembro, aproximadamente).

Se viramos ao interior da Costa da Morte, en Terra de Soneira, podemos percorrer a Ruta da Auga de Zas, e descansar noutro banco con boas vistas. Nesta ocasión trátase da fervenza de Budián. Aquí a mensaxe do respaldo dí: “Aperta, enxebre, orballo, bico, quérote… Galicia fascina, o galego namora.”

Na provincia de Lugo tamén contamos con dous bos bancos: O banco do miradoiro de Monte Castelo, en Viveiro, case como premio despois da andaina para chegar a él, de 11 km monte arriba. As vistas sobre a ría ben o merecen. Outro é o de Xove, a carón do faro da Roncadoira, con vistas sobre a ría de Viveiro, Estaca de Bares e a Illa Coelleira.

O mar impresiona, mais o interior tamén. Na Ribeira Sacra, no miradoiro do Pé do Home, ao que so se pode chegar camiñando, por certo, está o banco da Nogueira de Ramuín. Con vistas á Curva da Ferradura, o embarcadoiro de Santo Estevo e os Canóns so Sil. Un descanso ideal.

En Marín, despois dunha longa ruta de sendeirismo de 23 km, sobre todo se a facemos a pé, da gusto sentarse no banco da Pastoriza, e deixar vagar a vista pola ría de Pontevedra, a illa de Ons, Sanxenxo ou Beluso.

E tamén hai bancos em plena montaña, como o de Padrenda, na provincia de Ourense tamén, onde a vista alcanza a Viana do Castelo e parte das provincias de Ourense e Pontevedra. A carón do banco, unha silueta de oso, lembrando o pasado do oso pardo no lugar.

Outros bancos menos espectaculares, pero con boas vistas tamén, son o do Parque de Vista alegre en Ourense, dominando a cidade; o da árbore dos namorados na Alameda de Santiago, ou a o da Fiestra aberta ao mar na Coruña, con vistas ás illas de San Pedro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará