Balcóns coas mellores vistas de Galicia

Se gustamos de ficar na casa e por cima temos balcóns con boas vistas, xa é difícil sacarnos fóra. O bo destas plataformas é que, se nos da vertixe, podemos ficar na retagarda e, quen queira, que se asome á varanda. E que se ve, entón? Pois vaiamos de balconeo e descubramos unhas cantas paisaxes para non saír do balcón. 

Na Ribeira Sacra é difícil elixir, con máis de trinta balconadas ben postas… En Parada do Sil, onde as montañas do canón chegan ao máis alto, temos varios exemplos. Un está no Castro: As Xariñas, tamén coñecido polo suxerente nome de Mirada Máxica ou Xariñas do Castro. Un balcón de rañaceos, polo menos, pois temos que ter en conta que estamos nunha das zonas con máis pendente do Val do Sil, e unha elevación de 628 m. A estrutura do miradoiro consta de dúas pasarelas de madeira que se adiantan uns metros no canón. As varandas son de madeira agás no final do balcón, que son metálicas, para aportar maior seguridade. Un balcón no puro precipicio. Ánimo, que se asome o persoal sen vertixe, a gozar.

Un pouco máis alto aínda está o balcón de Cabezoás, á beira da carreteira fronte o Coto das Boedas. Temos diante a zona máis profunda do canón, e o derradeiro meandro do Sil en Parada do Sil, xa que logo continúa en Nogueira de Ramuín. A ribeira oposta xa é Sober, que pertence á provincia de Lugo. O miradoiro componse dunha pasarela con chan de madeira e varanda metálica e unha plataforma pequena que se alza un pouco máis, tamén metálica, como nun beiril para saudar. E saudamos: á dereita, Monforte de Lemos; á esquerda, pequenas aldeas como Cerceda ou Alberguería.

Na mesma zona, so que na provincia de Lugo, en Pantón, podemos asomarnos ao balcón da Pena Pombeira. Atópase no punto máis alto de Pantón, a 707 m. Trátase dunha sinxela estrutura sobre un gran bloque granítico. A vista desde alí arriba abrangue un pouco de todo: a ribeira do Sil ourensá, entre Os Peares e Parada do Sil, e todo o Val de Lemos. Á esquerda distínguese o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e Nogueira de Ramuín; á dereita, Carballedo, Chantada e Monforte. Ao lonxe, mesmo vese O Courel, Castro Caldelas e Manzaneda. Este miradoiro é un punto clave na ruta de senderismo circular entre A Cruz e Pena Pombeira, lóxico.

De momento, tres balcóns mirando ao Sil, esta casa non está mal… Que tal se cambiamos de río? Na comarca do Ribeiro, á beira do Miño, hai outra paisaxe boa, aínda que cun punto de vista algo máis baixo. Falamos do balcón do Coto da Pena Cortegada, que está situado aproximadamente a 30 m sobre o río. O miradoiro fíxose no 2015. É de madeira e está plenamente integrado na paisaxe, aproveitando unha zona rochosa sobre o río. Hai boas vistas ao Miño, ao pobo e ao balneario, pois lembremos que Cortegada é vila termal. Ademais, na zona tamén hai merendeiro. Bo sitio para o relax.

Cambiemos de balcón e dirixamos a ollada cara ao Grove, por exemplo, ao Con da Siradella. Este é o punto máis alto da zona, a 165 m de altitude. Aínda que non sexa moi elevado, non importa, non hai obstáculos que impidan unha das mellores vistas do istmo do Grove, A Lanzada, o Complexo Intermareal Umia-Grove, a illa de Arousa, Sanxenxo, as Illas Atlánticas, Cabo Silleiro, Cabo Home… É que desde aquí a panorámica é de 360º así que, máis que de balcón, teríamos que falar de terraza.

Na provincia de Pontevedra temos un monte con cinco miradoiros: o monte Aloia. É o cumio que está máis ao sur na Serra do Galiñeiro, no concello de Tui, e ten o orgullo de ser o primeiro Parque Natural de Galicia, título que recibiu en 1978. Un dos miradoiros con mellor balcón é O Castelo. Está orientado cara ao oeste, en plena muralla ciclópea, esa construcción antiga dun pasado misterioso que discorre ao longo de 1.250 m do monte. Desde aquí vemos todo o Val Miñor e até a Ría de Vigo. A varanda do balcón simula sinuosos troncos de árbores, de xeito que non costa vela como parte da paisaxe.

E dunha muralla ciclópea ao Pico da Muralla ou Monte da Muralla, entre os concellos de  Rianxo e Lousame, que se chama así por ter restos de muros castrexos, nunha zona na que á mínima atopamos pedras con historia. O miradoiro construíuse en 2020, cun balcón estupendo para contemplar as Rías Baixas. Vese claramente a Ría de Arousa, a de Muros, a de Noia, Rianxo, a Serra do Barbanza, a bocana da Ría de Vigo e as Cíes e, os días claros, até Padrón e Santiago. Incríble! Quen vai saír do balcón con estas vistas?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará