Ascensión, as festas máis compostelás

É probable que a maior parte dos galegos e unha boa porción dos foráneos coñezan ben as Festas do Apóstolo, que se celebran en Compostela arredor da moi simbólica data do 25 de xullo, Día de Galicia; o espectáculo pirotécnico que é sempre o centro da celebración é retransmitido cada ano pola Televisión de Galicia, e moi seguido en toda a Comunidade. Porén, para os composteláns hai outras festas que se consideran as máis populares da cidade: as da Ascensión.

O Día da Ascensión celébrase en data variable cada ano. Para saber cando cae, hai que contar corenta días desde o Domingo de Resurrección: é dicir, neste 2018 o día grande da celebración máis compostelá terá lugar o 10 maio. A efeméride conmemora a ascensión de Xesucristo aos ceos despois de ter anunciado aos seus discípulos que lles enviaría ao Espírito Santo.

En Compostela a Ascensión é sinónimo dunha semana de festa da grande. A maior parte dos eventos celébranse na Alameda, escenario en décadas pasadas dunha feira de gando que estaba entre as máis concorridas de Galicia. Hoxe, os animais exhíbense no recinto feiral de Amio, mentres que a Alameda é ocupada durante días por numerosas atraccións para nenos e maiores. Entre as máis visitadas está sempre a enorme noria que cada ano se monta no alto do promontorio natural, xunto á igrexa de Santa Susana. É imperdoable estar en Compostela pola Ascensión e non aproveitar a ocasión para subir nela. As vistas desde a altura son atípicas e, pola propia característica provisional da feira, pouco frecuentes: situada tan cerca da zona vella, a noria permite subir ata un punto no que parece posible tocar coa man as torres da Catedral. Paga ben a pena vencer a vertixe.

Tamén é moi tradicional o concurso cabalar que ocupa toda a mañá do día grande da Ascensión. Cabalos de Pura Raza Galega, cruzados, percheróns… compiten por ser o mellor. Hai tempo para un xogo tradicional que en Compostela segue tendo un arraigo insospeitado: a chave. Cada ano dispútase durante varios días un torneo na contorna de Santa Susana que xunta aos mellores xogadores da comarca, nun espectáculo cheo de paixón e de humor. Moitos clubs deportivos da cidade aproveitan tamén estes días festivos para organizar campionatos para nenos e maiores.

E, por suposto, a música: Compostela énchese de concertos na semana da Ascensión. E hainos para todos os gustos. As orquestras, para os máis bailadores, montan os seus palcos móbiles no paseo da Ferradura, mentres que moitos grupos locais ofrecen as súas cancións de xeito gratuíto nas prazas da cidade, como a do Toural. Os concertos de grupos internacionais e recoñecidos celébranse nun escenario que ten difícil parangón no resto do mundo: a rexia praza da Quintana, á sombra da Berenguela, a torre do reloxo da Catedral de Santiago.

Actuacións de corais e de grupos de música tradicional, da Banda Municipal e mesmo da Real Filharmonía completan o programa das máis compostelás das festas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *