As mellores praias para practicar surf en Galicia

A xeografía e o clima da costa galega fan que ventos e mareas se alíen para producir as mellores ondas para o surf. Nestas praias as ondas teñen nome propio. Que veñan de esquerdas, que veñan de dereitas, os tubos que forman, a forza do vento, o fondo areoso ou rochoso, as vagadas, o mar de fondo, os picos (puntos onde rompen a ondas)… todo conta para elexir unha boa praia para surfear.

Aínda que están dispoñibles en calquer época do ano, as da Costa das Ondas, en Ferrolterra, e a Costa da Morte, son máis recomendables na primavera e verán e, as da Mariña lucense e as Rías Baixas, no outono e inverno. Así que, atención surfistas, de sur a norte, aquí se atopan os mellores spots (lugares onde se practica surf) da costa galega:

Patos (Nigrán). É a praia con máis tradición surfeira das Rías Baixas, moi concorrida pola xente de Vigo. Está nunha contorna urbana, con moitas escolas de surf, tendas especializadas e ampla oferta hosteleira. No extremo máis occidental está o Pico de Patos, a onda máis famosa da zona. Á esquerda desta atopamos A esquerda de Monteferro, outra onda, claramente á esquerda. É moi gostoso surfear con vistas ás Cíes.

Montalvo (Sanxenxo). Esta praia de area branca e fina, con dunas e piñeiros no fondo, limita coa Punta Montalvo á esquerda e a Paxariñas á dereita. Está nunha zona rural enfronte do arquipélago das Ons. Ten picos variables e precisa mar de fondo para romper. Cando as condicións son óptimas fórmanse grandes tubos. A zona está surtida de hostelería e cámpings.

Na mesma zona tamén hai que mencionar a praia da Lanzada, excelente para a iniciación, cunha onda bastante tendida, sobre todo coa marea baixa subindo.

Río Sieira (Porto do Son). Praia salvaxe, de area branca e fina e forte ondaxe. Tamén é chamada praia das Furnas. É moi constante, non necesita moito mar para romper, así que é axeitada para surfear en calquer época do ano. Ademais conta cun estupendo merendeiro no piñeiral A Coviña.

Nemiña (Muxía). Gran praia virxe ao sur do cabo Touriñán, que linda coa praia de Lires. Ten ondas de gran calidade, frecuentadas por surfistas de toda Europa. Tamén se coñece pola pesca de robaliza. Aínda que está illada de centros urbáns, está ben dotada de establecementos hosteleiros e aloxamento na contorna.

Soesto (Laxe). É unha das praias máis constantes da Costa da Morte. As ondas son potentes, e ás veces veñen con golfiño e todo. Co que bate alí o mar, a area é moi fina e branca e fórmanse dunas. Alonxada do mundanal ruído, ten a vantaxe de que nos arredores está permitido durmir en caravana e furgoneta.

Areamaior (Malpica de Bergantiños). É a praia de Malpica. Nela gozamos de ondas a media marea, entre as que destaca un pico de esquerda de corrente e unha dereita até o centro do areal. Ten aparcamento, onde se pode durmir en autocaravana ou furgoneta.

Razo (Carballo). A derradeira da Costa da Morte. É un longo areal que, xunto co de Baldaio, coas súas dunas e marismas, conforma o Espazo natural Razo-Baldaio. Conta con múltiples picos en toda a praia. Ten aparcamento e varios locais hosteleiros. En verán é a capital dos surfcamps.

Caión (A Laracha). Lugar de referencia para os surfistas da Coruña. Ten varios picos importantes, destaca un no medio e unha dereita ao fondo. Aquí, as ondas de area funcionan mellor coa marea media e alta. É unha praia animada, con moita oferta hosteleira e vida de porto.

Orzán (A Coruña). Está na cidade da Coruña. É unha praia urbana moi accesible, con varios picos surfeables, aínda que a mellor onda é o do Matadeiro. Aínda que funciona durante todo o ano, pode dicirse que é un clásico do surf de inverno. Ao estar no centro da cidade, a oferta de instalacións e hosteleira é moi completa.

Ponte Pedrido (Bergondo). Esta praia presume de ter a onda máis longa de toda Galicia, Ondalonga, que se forma á saída da ría de Betanzos. É ideal para longboard; de feito, desde 2010, celébrase a divertida xuntanza de surfistas Ondalonga Longboard Festival.

Doniños (Ferrol). Esta praia ten case 2 km e é moi accesible. Aquí temos un dos mellores rompentes de area en Galicia para surfear, con moitos picos. Ao norte está a zona de Outeiro, moi concorrida; no sur, Punta Penencia, menos frecuentada mais con ondas de gran calidade. Desde 2011 celébrase o Campionato de España de Surf. 

Campelo (Valdoviño). É unha praia rodeada de cantís, con múltiples picos para surfear, entre os que destacan un ao lado dereito e un no medio. Non necesita moito mar, polo que en verán hai moita xente, xa que sempre hai ondas. A presenza de bolos (grandes cantos rodados) xunto á area fina dálle un carácter único.

Pantín (Valdoviño). Díse que se non hai ondas en Pantín é que non hai en toda Galicia. A súa constancia faina un lugar ideal para surfear en todo tipo de condicións. Presenta moitos picos, o máis característico, o de dereitas e esquerdas na parte dereita da praia. Desde 1989, a finais do verán, vense celebrando o Pantín Classic, a proba máis antiga de surf en España e de maior nivel profesional.

Areoura (Foz). Esta praia de fondo rochoso é coñecida pola súa famosa onda A Machacona. É unha onda difícil, dereita, rápida e tubular, para surfistas con moita experiencia, xa se ve polo nome… Cando mellor loce é a media marea con ondas a partir dun metro.

Peizás (Foz). Ten unha zona de area e outra de rochas, con variados picos de ondas longas. Destaca un pico de rocha e area de esquerda e dereita na zona máis occidental. Necesita bastante mar, polo que a mellor época para surfear alí é en outono-inverno, cando o mar anda máis bravo.

Oliñas (Barreiros). Cos seus múltiples picos e grandes tubos é un clásico do inverno lucense. Nos días de moito mar, so é axeitada para surfistas con moita experiencia. Está seguida doutras praias, nunha zona moi turística da Mariña Lucense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará