Entrar nunha cova é algo misterioso en si e máis se nos adentramos en todos os contos das covas galegas. Atoparemos unha princesa encantada, un tesouro dos mouros, un dragón?… O que temos asegurado é unha boa dose da riqueza natural da nosa terra.
Non todas son de libre acceso. As máis perigosas esixen visita guiada, na que se proporciona o equipo axeitado (casco, lanterna, etc.). Nestas, normalmente só poden entrar maiores de 11 ou 12 anos.
Sen dúbida, a Cova do rei Cintolo é a máis famosa de Galicia. De feito, é a gruta calcaria natural máis grande que temos, que se saiba, xaora. Foi nomeada mellor cova de Galicia polo Observer, recoñecida axencia de turismo científico. A entrada está na aba oeste do monte Coto Redondo, na parroquia de Argomoso, a 6 km de Mondoñedo. Ten nada menos que 8 km de galerías, con tres andares e lago interior no soto.
Ten todo o que ha ter unha boa caverna: estalactitas, estalagmitas, labirintos, morcegos… e lenda. Polo visto, o rei do Val de Brea, Cintolo, tiña unha filla da que se encaprichou un bruxo, e claro, este fixo das súas… O castelo, o rei, a princesa e o demais que hobese aí ficaron: afundidos nunha cova e convertidos en pedras.
Entre abril e decembro está aberta ao público (maior de 12 anos, por motivos de seguiridade). Só se poden realizar visitas guiadas, que se concertan na oficina de turismo de Mondoñedo.
Tamén na provincia de Lugo, cara ao sur, no concello de Triacastela, hai outra gran cova: a Cova de Eirós, na aba norte do monte Penedo, na serra do Oribio. Ten a particularidade de ser a única que conserva restos de pinturas e gravados rupestres. Na boca da cova está a maior concentración de achados arqueolóxicos. Despois duns metros estréitase e da paso a unha sala e dúas galerías
Debido ao difícil acceso e ao delicado estado de conservación das pinturas, as visitas están restrinxidas a persoal investigador ou estudantes. En 2019 foi recoñecida BIC pola Xunta de Galicia. As labouras de excavación e nvestigación siguen facendo descubertas sobre o noso pasado.
Outra zona con moita cova é O Courel. Parece ser que hai até 33 covas naturais. Cada vez vanse descubrindo máis e explorando moitos metros cara ao interior das montañas. De todas as que hai catalogadas, a máis grande é A Buraca das Grellas, en Teixeira, de 3 km. Para visitar calquera delas hai que obter un permiso da Consellería de Medioambiente.
Na Pobra do Brollón, en Lugo, está a Cova das Choias. Para chegar a ela hai que camiñar desde a área recreativa de Biduedo, entre castiñeiros. Nesta zona hai restos de ferreirías que aproveitaban no seu tempo o ferro da cova e o carbón do bosque. Un pouco máis arriba, atopamps a entrada á cova das Choias, que se chama así polo paxaro. Tamén adoita haber morcegos de ferradura. Mais a peculiaridade máis destacable é a tapizaría de musgo, dun verde vivísimo, coñecido como musgo luminoso. A entrada ten uns 30 m de altura e as galerías son de máis de 200 m. Mestúranse as naturais coas artificiais. As visitas son restrinxidas para preservar a biodiversidade.
A serra da Cova da Serpe está entre as provincias de Lugo e A Coruña. No alto da Pena do Rego de Egua, de 793 m, hai unha gruta de rochas de xisto. Ten uns 12 m de longo, 4 de ancho e 2 de alto. A cova é o límite entre os concellos de Guitiriz e Friol. A visita ten un plus diante xusto da cova: un miradoiro co vistas a Friol (e un parque eólico).
No Pico Sacro, no concello de Boqueixón, na Coruña, hai unha cova natural á que chaman O Burato dos Mouros. Ten dúas entradas: unha, pola rúa Raíña Lupa (que non é unha rúa como tal senón unha brecha na rocha). Aquí, despois dun pequeno tramo, descende en forma de sima ou pozo. A outra entrada é artificial e comunica directamente co pozo. É coñecida como a contramina de Juan Antón. Polo visto un tal Juan Antón fixera unha mina para sacar os tesouros ocultos, e só sacou pedras, o pobre.
Este é o único conxunto de cavidades naturais desenvolvidas en cuarzo que se coñece en Galicia. A sima podería chegar a ter uns 120 m, mais está empequenecida por pedras ou obxectos guindados ao fondo ao longo do tempo. A Federación Galega de Espeleoloxía e o concello de Boqueixón organizan visitas guiadas.
Por certo, neste monte hai moita mitoloxía: lendas de mouros agochadores tesouros nas cavernas; da Raíña Lupa, que dín que tiña un castelo no cume da montaña; do traslado do Apóstolo; de dragóns; de serpes…
Tamén hai covas con vistas ao mar. Entre Punta Ínsua e Punta do Cabalo, no concello de Viveiro, está a Cova da Doncela, que da á praia de Abrela. Polo tamaño, hai que entrar a catro patas e, despois de 15 m aproximadamente, chegamos a un gran oco que da a unha parede do cantil. Na súa vertente ao mar, temos diante toda a ría de Viveiro.
Se nos coincide por alí un amencer de San Xoán, seica vexamos á doncela, pois é cando baixa das rochas a darse un baño e peitear a súa melena, cun peite de ouro e brillantes, por suposto.
Para rematar, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, en Ourense, atópanse as “palas” ou covas que forman a maior rede de cavidades subterráneas de Galicia e cunha das maiores colonias de morcegos. Destacan a Cova da Raposa (600m) e fitos na espeleología galega como a Pala de Xilberte, a Pala do Pombo, a de Trasmonte ou a Pala de Tralapala.