As dúas Marías

É un dos elementos urbanos máis retratados de Compostela e, porén, non hai moita xente que coñeza a súa verdadeira historia. Poucos visitantes se resisten a posar xunto á estatua das Marías, no paseo central da Alameda, unha obra que recorda a dous personaxes reais e inesquecibles que encheron á súa maneira de luz unha cidade ben máis gris do que é agora.

Chamábanse Maruxa e Coralia Fandiño Ricart e todos os composteláns de mediados do século pasado as coñecían por “as dúas en punto”. Vestidas con traxes de cores luminosas e sempre delgadas en extremo e impecablemente maquilladas, paseaban cada día pola zona vella. Son proverbiais tanto as súas garatuxas aos mozos universitarios como o seu mal xenio. Maruxa, a menor, sempre disposta a botar un piropo e chiscar un ollo; Coralia, a maior, máis calada, máis comedida. Son varios os locais da zona vella nos que aínda se conservan imaxes destas dúas mulleres que formaron parte da paisaxe santiaguesa durante décadas. As dúas faleceron nos anos oitenta e están enterradas no cemiterio de Boisaca.

Mais detrás de tanta extravagancia escondíase unha historia ben triste. Nacidas a principios do século XX, Maruxa e Coralia eran dúas dos trece fillos dun zapateiro e dunha costureira da rúa do Espírito Santo, ao norte do núcleo histórico. Tres dos seus irmáns eran militantes anarquistas e despois do comezo da Guerra Civil a familia foi represaliada. Sen traballo nin apoio, caeron nunha pobreza na que vivirían o resto das súas vidas.

Disque a loucura das “dúas en punto” apareceu naquel momento, como reacción ao medo e á grisura dos tempos. As irmás refuxiáronse da tristeza no seu mundo de roupas de cor e a súa rutina de paseantes urbanas. Convertéronse pronto en parte da paisaxe de Compostela, unha cidade que quixo devolverlles en solidariedade o dano que sufriran. Maruxa e Coralia nunca pediron esmola, pero moitos foron os que lles axudaron, como aquel tendeiro que lles regalaba víveres contándolles que eran “promocións de empresa”; ou os comerciantes que lles cedían os artigos pasados de moda que xa non ían vender para que elas puidesen manterse sempre fermosas e amañadas, suspendidas no tempo, coma nunha xuventude eterna. Nos anos setenta, cando unha tormenta lles estragou o tellado da casa do Espírito Santo, os veciños recadaron a entón astronómica cifra de 250.000 pesetas para reparalo.

A estatua das Marías, obra de César Lombera, colocouse na Alameda en 1994. Inspírase nunha das fotos máis reproducidas da parella: Maruxa estende o brazo esquerdo, mentres Coralia, que a colle de ganchete, suxeita un paraugas pechado en previsión de que caia a eterna chuvia compostelá. As ducias de persoas que cada día se retratan á súa beira homenaxean, quizá sen sabelo, á historia mesma da Compostela do século XX, tráxica e perturbadora, si, pero tamén luminosa e alegre coma os traxes que lles gustaba lucir ás irmás Fandiño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *