As dez mellores rutas para realizar este outono en Galicia

O outono galego tráenos á mente os magostos, as setas, as cabazas, os marmelos, os viños… E, non vai ser todo comer e beber, tamén fainos pensar nos ocres e vermellos das fragas, no crebar das follas secas, no Samaín, no San Martiño, no día de defuntos… O tempo pasa voando, pero aínda temos ata o 21 de decembro para gozar da estación.

Hai que aproveitar e facer algunha ruta especialmente axeitada para estas datas. Aínda que é moi difícil escoller, imos propoñer dez. 

Por exemplo, podemos facer a ruta dos mosteiros na Ribeira Sacra, que agora, entre as árbores medio núas e o chan cheo de follas, están nun momento particularmente misterioso e romántico. Hai tantos que non chega un día para visitalos. Uns caen na provincia de Ourense e outros na de Lugo. Eis unha relación deles:

Por unha banda, temos os mosteiros do interior da Ribeira Sacra: o de San Pedro de Rochas, que está construído sobre unha rocha e acolle o centro de Interpretación da Ribeira Sacra; o de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, no mesmo pobo; o de Santa María de Montedarramo, tamén no pobo; o de San Vicente do Pino, en Monforte. Por outra banda, están os mosteiros das ribeiras do Sil: San Salvador de Ferreira de Pantón, hoxe en día aínda habitado; Santo hstevo de Ribas de Sil, seica o máis monumental; Santa Cristina de Ribas de Sil, en pleno souto na aba da ribeira; San Paio, que está en ruínas pero se pode visitar. Polo camiño atopamos os miradoiros de Soutochao, as Penas de Matacás e o de Cabezoás.

Outro lugar moi especial en outono é Os Ancares, no leste da provincia de Lugo. Internarnos na comarca aínda sen o frío crú e a neve do inverno, cun colorido que non parece real, é como se nos metésemos nun cadro. Podemos visitar Becerreá, Cervantes, o castelo de Doiros, O Piornedo. E, ademais da riqueza paisaxística, contamos coa riqueza etnográfica (pallozas, capelas, castelos, pontes, castros, «cortíns…»).

Lindando cos Ancares cara ao oeste, atopámonos coa Serra do Courel. Alí podemos percorrer a ruta da Devesa da Rogueira, en Folgoso do Courel, o maior bosque da serra, cunha diversidade enorme de especies autóctonas. É un lugar estupendo para coller setas. (Por certo, se nos cruzamos cun oso, recoméndase non moverse moito). Se ademais queremos degustar unhas boas castañas da zona, mellor facer coincidir a nosa visita coa Festa da Castaña do Courel (a primeiros de novembro) ou coa Festa da Pisa da Castaña (a primeiros de decembro). 

Ben, non todo vai ser castaña, que tal un pouco de auga? Pois en marcha, imos á ruta da auga de Guitiriz. Esta abrangue un percorrido á beira dos ríos Parga e Ladra, desde a ponte de Santo Alberte ata a Carballeira de Pardiñas. Ademais dos muíños, igrexas, paseos por Parga… a ruta une tres fontes de augas curativas: Valdobín, San Xoán de Lagostelle e Santo Domingo.

Outra opción é dirixirnos cara ao sur, concretamente ao suroeste de Ourense e facendo fronteira con Portugal, e dar unha volta polo Xurés. Á parte do consabido valor paisaxístico e etnográfico, contamos co valor arqueolóxico, pois aquí, no parque natural de Baixa Limia – Serra do Xurés, temos o Aquis Querquennis, vestixio de campamento romano e mansión-viaria, na parroquia dos Baños, en Bande, atravesada pola vía romana que unía Astorga e Braga.

Na provincia de Pontevedra, ás aforas de Lalín, podemos ir co cesto a coller setas e castañas entre os castiñeiros máis altos de Europa (de ata 30 metros de altura!) se nos achegamos á fraga de Catasós, tamén coñecida como o souto de Quiroga. Grazas a eses castiñeiros monumentais, de feito, a fraga foi catalogada Monumento Natural no ano 2000.

A Serra da Capelada é otra zona típica de ir ás setas; aquí, entre piñeiros. Pola costa de Cedeira, Cariño e Ortigueira temos vistas incríbles desde o Chao do Monte, Santo André de Teixido, Vixía da Herbeira ou Cabo Ortegal. Seica o outono enfróntanos ao infitito dun xeito especial.

Outra ruta que disque hai que facer na estación é a das fragas do Eume. Ademais da beleza da paisaxe ás beiras do río, érguense entre as árbores como nun soño os mosteiros de orixe medieval de San Xoán de Caaveiro e o de Santa María de Monfero, este último cunha fermosa e orixinal fachada barroca.

Nestas datas tamén podemos aproveitar para facer a Ruta da Pedra e da Auga, nas Rías Baixas, dun xeito máis tranquilo, sen masificacións. O de «pedra» ven polos muíños que atopamos polo camiño e, o de «auga», porque o percorrido segue a beira do río Armenteira. Remata no mosteiro de Santa María de Armenteira, en Meis. Alí vive unha comunidade de relixiosas da orde do Císter. Tamén conta con hospedería.

Para rematar, unha volta por unha zona que en outono está máis tranquila para gozala paseniño. Trátase da Mariña lucense. Por exemplo, no interior, podemos parar en Mondoñedo, que empeza o outono coas San Lucas, e visitar a catedral e a igrexa de San Martiño (a antiga catedral); en Vilanova de Lourenzá, onde xa se poden tomar fabas de temporada, o mosteiro de San Salvador; no Valadouro, subir á Frouseira e ao Castelo do Mariscal Pardo de Cela. Doutra banda, é a época perfecta para gozar de moitos lugares na costa que en verán están ao tope ou teñen o acceso restrinxido, como a praia das Catedrais en Ribadeo ou O Fuciño do Porco, no Vicedo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *