Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, as Rutas do Viño e os Parques Naturais son zonas que coidan especialmente o ecoturismo, aproveitando todos os seus recursos (patrimonio natural, histórico, cultural, hostelería…) para ofrecer propostas turísticas sostibles, coas que gozar da natureza de xeito responsable. As Mariñas e o Parque Nacional das Illas Atlánticas son, ademais, destinos de ecoturismo certificados.
Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Nesta Reserva da Biosfera na provincia da Coruña, o maior valor ecolóxico está nos antigos bosques atlánticos costeiros, cada vez máis minguados. Para aprezalos ben, temos centros de interpretación e áreas de lecer, como a de Chelo, Beche, Reboredo, Pedrido… Se preferimos costa, podemos pasear pola ría do Burgo, a enseada de Santa Cruz e Mera… Mellor auga doce? Pois vaiamos á lagoa de Sobrado dos Monxes, á fervenza da Rexidoira, ao Boedo de Sisalde… E non esquezamos o patrimonio artístico, como o mosteiro de Sobrado, a igrexa de Cambre, o casco histórico de Betanzos… E temos unha morea de rutas ornitolóxicas, de sendeirismo, de bici…
Ademais das rutas sinalizadas para facer pola nosa conta, hai outras guiadas, como a Ecoruta polo Mandeo con visita a Orballo, empresa co selo da reserva; a Ruta da Auga, no concello de Paderne, que remata cun Menú da Biosfera; ou as experiencias náuticas pola ría de Betanzos e polo Mandeo en embarcación eléctrica.
Se ficamos a durmir, temos 10 aloxamentos sostibles para escoller, mesmo hai burbullas astronómicas para deitarse vendo as estrelas… Tamén hai 23 restaurantes e unha Guía da Excelencia, cun repertorio de produtos merecentes da Marca de Calidade da Reserva da Biosfera.
Rutas do Viño. En Galicia temos cinco Rutas do Viño, correspondentes ás cinco denominacións de orixe: Rías Baixas, Valdeorras, Ribeira Sacra, O Ribeiro e Monterrei. Nesta mestura de ecoturismo e enoturismo, non todo se reduce a visitar adegas e catar viños. Que máis podemos facer?
Nas Rías Baixas, hai moitos pazos vencellados ás adegas, como o do Rubiáns, que ofrecen diversas actividades. Tamén podemos visitar xardíns, muíños, castros ou facer rutas acuáticas pola Ría de Arousa. Se somos máis de río, acheguémonos ao Centro interpretativo do Viño e da Lamprea de Arbo ou o Museo da Ciencia do Viño de Salvaterra do Miño, zonas con moitas actividades acuáticas tamén.
Na Ribeira Sacra, o típico é o paseo en catamarán sulcando os canóns, asomarse aos miradoiros, descubrir a viticultura heroica, e visitar a maior concentración de mosteiros románicos de Europa. Hai moitos roteiros, mesmo un centro BTT.
Pola Ruta de Valdeorras pasa a Vía Nova romana, que despois se tomaría como Camiño Real ou de Inverno de Santiago. É unha zona de gran riqueza arqueolóxica. Nos viñedos son características as covas, adegas tradicionais baixo terra. Outras covas podemos velas na Serra da Enciña de Lastra, aquí mesmo.
Na Ruta do Viño de Monterrei hai unha interesante rede de carreiros: a ruta do Lagar da Moura, do pazo do Demo, do río Támega, ou das Augas. Esta última percorre os mananciais e balnearios da zona. Por aquí pasa a Vía da Prata, así que abonda o patrimonio histórico: castros, castelos… Son típicos os lagares rupestres, estruturas antiquísimas para conservar o viño.
Na Ruta do Ribeiro, viaxamos ao pasado percorrendo os camiños do viño entre Ribadavia e Compostela. Para saber máis do tema, parada obrigada no Museo do Viño de Ribadavia. Doutra banda, no ecobarco do Ribeiro, podemos gozar da paisaxe polo Miño ou polo Arnoia facendo unha degustación.
Se nos gusta a bici de montaña, parabens para nós: en todas as Rutas do Viño hai centros BTT a man.
E por último, a xoia da corona, os nosos Parques Naturais:
En Galicia hai seis parques naturais e un nacional. Vexamos que nos ofrecen.
As Fragas do Eume, o famoso bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa, ten moitos recursos: centro de interpretación, embarcadoiro, miradoiros, pontes colgantes, 8 rutas de sendeirismo, áreas de lecer, os mosteiros de Caaveiro e Monfero e a ponte medieval de Santa Cristina.
O Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixián, coa duna móbil máis grande do noroeste peninsular e lagoa doce e salgada, ten unha biodiversidade moi rica, en especial de aves acuáticas, cunha ruta ornitolóxica de alto nivel.
O Invernadeiro é una zona montañosa pura de interior en Vilariño de Conso. Ten aula da natureza, centro ictiolóxico, 7 rutas e observatorio de fauna, e o centro BTT Portas de Galicia.
Baixa Limia-Serra do Xurés é o parque máis grande de todos que, xunto co veciño portugués, compón o núcleo da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. Como é tan grande, hai un pouco de todo: montaña, río, augas termais, rochedos, bosques… Ten varios miradoiros, 11 rutas e o centro BTT do Xurés.
A Serra da Enciña de Lastra. Aquí, na comarca de Valdeorras, está o teito de Galicia: Pena Trevinca e Cabeza Grande de Manzaneda. Hai moitas actividades de montaña, claro: espeleoloxía, alpinismo, esquí… Ten 9 miradoiros e 10 sendas sinalizadas. Por certo que Trevinca é un destino turístico Starlight, ideal para contemplar o ceo.
Monte Aloia. Ou habería que dicir Monte Medulio, quen sabe? É o cumio máis ao sur da Serra do Galiñeiro, e pertence ao concello de Tui. Ten centro de interpretación, 6 miradoiros cara ao Val do Miño e a Ría de Vigo e restos arqueolóxicos, como a muralla ciclópea, o castro do Alto dos Cubos, mámoas e petróglifos.
O Parque nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas está formado polos catro arquipélagos das Rías Baixas: Cortegada, co seu bosque de loureiros centenarios, e Sálvora, reserva total, na Ría de Arousa; Ons, famosa polo polbo e as furnas e única habitada, na Ría de Pontevedra e Cíes na Ría de Vigo, coa famosa praia de Rodas. Todas as illas ofrecen visitas guiadas, rutas, obradoiros…